Educación seguirá a organizar os horarios, pero o departamento de Mobilidade será quen contrate o servizo por zonas, nas que se integrarán as liñas regulares
O transporte escolar, no que a Xunta gasta uns 120 millóns de euros cada ano, era ata agora o sustento económico de moitas pequenas empresas de autobuses de toda Galicia que obtiñan del beneficios cos que cubrir as perdas das liñas regulares que tiñan en concesión pero cuxo uso vai caendo co despoboamento. Agora, o Goberno galego quere que esa realidade económica beneficie tamén aos usuarios adultos e vai facer, fundamentalmente fóra das áreas metropolitanas, que o bus escolar, sempre con supervisores e onde teña prazas dispoñibles, sexa a base da nova rede de transporte público interurbano de Galicia, máis alá das experiencias de transporte escolar compartido que se viñan realizando desde o bipartito baixo o nome TES+BUS. Isto é, se ata o de agora se abrira o transporte escolar aos adultos para complementar os servizos regulares, agora en moitas zonas do rural serán os servizos regulares os que complementen o transporte escolar, que será a base do sistema. Así, ao longo dos dous próximos anos, ata setembro de 2019, a Xunta vai adxudicar varias ducias de contratos de transporte por zonas xeográficas que substituirán ás concesións actuais e nos que, sobre a base do transporte escolar, que poderá ser empregado tamén por calquera cidadán, se deseñarán novas liñas de transporte regular complementarias e se implantarán servizos a demanda que só operarán cando o pidan os usuarios.
A reorganización do transporte interurbano en Galicia vén precedida dunha década de bandazos lexislativos e dunha sentenza que anulou a pretensión da Xunta de prorrogar a dedo, en contra do previsto pola Unión Europea, as concesións anteriores de liñas regulares. Para comezar a reorganizar o sector, este luns o Diario Oficial de Galicia publica un acordo do Consello da Xunta polo que traspasa da Consellería de Educación á de Infraestruturas parte das competencias sobre o transporte escolar. Agora será a Dirección Xeral de Mobilidade, dependente de Infraestruturas, a responsable de contratar o transporte escolar -isto vai supor que nos próximos anos se produza un transvase orzamentario de Educación a Infraestruturas-. Porén, Educación “conservará as súas competencias respecto da declaración do dereito ao transporte por parte dos escolares, así como a organización das áreas educativas, os seus horarios e xornadas”. Fontes da Xunta sinalan que, malia que as empresas de buses estarán contratadas por Infraestruturas, deberán mudar os seus percorridos e servizos para adaptarse ás necesidades educativas en cuestión de horas cando así o esixa Educación.
Este martes expóñense ao público as 38 primeiras zonas, en Ourense e parte de Lugo, dun proceso que se estenderá a toda Galicia antes de setembro de 2019
A transferencia do transporte escolar a Infraestruturas permitirá que, sobre a base deses servizos, que poderán ser empregados por adultos alí onde haxa un supervisor adulto e existan prazas libres nos buses, fundamentalmente fóra das áreas metropolitanas, a Xunta organice as liñas de transporte regular. Será de xeito zonal, e os primeiros 38 contratos zonais, a nivel local ou comarcal, que abarcan a provincia de Ourense e parte da de Lugo, serán expostos ao público a partir deste martes. Xunto con eles, a Xunta tamén exporá outros catro contratos de longa distancia. Durante os próximos dez días naturais as empresas interesadas poderán formular alegacións a eses 42 contratos, nos que se indicará que ingresos e gastos estima a Xunta que terá tanto o transporte escolar como as liñas regulares asociadas, e amosar o seu interese por facerse con eles. En función das respostas obtidas, a finais de xuño o Goberno galego fará públicos os criterios que empregará para adxudicar cada zona e invitará ás empresas que considere máis adecuadas a participar nun proceso negociado. O obxectivo é que a comezos de agosto comecen a prestarse os novos servizos regulares nesas 38 zonas, que en setembro serán ampliados co transporte escolar.
Esas mesmas empresas adxudicatarias deberán tamén habilitar liñas que operarán segundo a demanda. Non será un servizo porta a porta como o taxi senón que, sobre a base dunhas liñas preestablecidas, o vehículo circulará só cando un usuario o reclame chamando previamente a un teléfono.
O transporte a demanda, sobre a base dunhas liñas preestablecidas que só circularán cando un usuario o reclame, complementará os servizos escolares e regulares
Coa experiencia destas 38 zonas, cuxos contratos durarán dous anos, dentro dun ano a Xunta fará público o seu plan para toda Galicia co obxectivo de que un ano máis tarde, contra o verán de 2019, se adxudiquen todos os novos servizos integrados de transporte escolar, regular e a demanda, tanto nas anteditas 38 zonas que volverán ser adxudicadas como nas que se establezan no resto de Galicia para substituír as preto de 150 concesións actuais de liñas regulares, moitas delas obsoletas e deseñadas a mediados do século pasado. O proceso, segundo coinciden fontes empresariais e da administración, implicará una concentración en maior ou menor medida dun sector moi dispar, con grandes empresas como Monbus pero tamén con pequenas sociedades familiares. O novo sistema, aseguran fontes da Xunta, prevé que as pequenas operadoras poidan asociarse entre elas e mesmo as empresas de autobuses o fagan con taxistas para prestar de xeito máis económico os servizos con menos demanda. Porén, tamén hai fontes empresariais que xa advirten de que as empresas que neste proceso perdan os servizos escolares que tiñan contratados ata 2019 e nos que se baseaba ata o de agora a súa subsistencia están dispostas a esixir compensacións económicas na vía xudicial se non se ven beneficiadas cos novos contratos zonais.
O novo sistema de integración dos distintos sistemas de transporte por zonas fará que por un lado sexa máis rendible e mesmo se reduza o que a Xunta gasta agora en transporte escolar, que será empregado por outros usuarios, pero a cambio mudarán e mesmo desaparecerán algunhas das liñas existentes ata o de agora de transporte regular, que á súa vez poden ser complementadas co transporte a demanda. A propia Xunta admite que só o tempo permitirá axustar o novo sistema ás necesidades da cidadanía. Ademais, as empresas adxudicatarias terán entre as súas obrigas a de informar aos usuarios das novidades.