Feijóo afirma que A Coruña e Santiago "son incapaces de aprobar os orzamentos", ambos en vigor

Feijóo, durante a sesión de control © Parlamento de Galicia

A longa precampaña municipal lanzada pola dirección do PPdeG para tentar recuperar a maior cota posible do poder perdido en 2015 e, moi especialmente, optar aos bastóns de mando nas cidades, ten a súa maquinaria a pleno rendemento dende hai meses. No caso do poder urbano e, nomeadamente, das cidades gobernadas polas mareas, a ofensiva preelectoral dos conservadores ten unha vertente local e outra, na estratexia da dirección galega do partido, con Alberto Núñez Feijóo á fronte. Neste contexto, o presidente da Xunta adoita impregnar as súas intervencións na sesión de control parlamentaria de críticas a estes concellos. Este mércores Feijóo recuncou e fíxoo para reprochar a estes gobernos seren "incapaces" de sacar adiante os seus orzamentos, aínda que A Coruña e Santiago xa os teñen en vigor.

A acusación do presidente chegou como retruque á pregunta do voceiro de En Marea, Luís Villares, que o instou aclarar se, á luz das cifras dos Orzamentos Xerais do Estado, mantiña como en campaña que "Galicia é unha prioridade para Rajoy". Tras acusar a Villares de "confundir e manipular" porque "o rigor xa o abandonou" o xefe de filas do PPdeG considerou que o parlamentario de En Marea carece de lexitimidade para lanzar críticas a respecto dos orzamentos, precisamente polas contas das cidades. "Levan gobernando nas cidades galegas e son incapaces de aprobar os orzamentos", proclamou. "O que están facendo en Ferrol é de aurora boreal" e "na Coruña -agregou- é para aprender".

As contas de Santiago están en vigor dende marzo e as da Coruña, dende maio, mentres que o goberno de Ferrol aínda non as deu aprobado

O certo é que dúas das tres cidades gobernadas polas mareas teñen xa as súas contas de 2017 en vigor. Compostela Aberta sacounas adiante en pleno o pasado febreiro e entraron en vigor en marzo, mentres que o goberno da Marea Atlántica, tras a cuestión de confianza de febreiro e as alegacións posteriores, tenos en marcha dende mediados de maio. Caso distinto é o do Concello ferrolán, onde a ruptura da coalición de Ferrol en Común co PSdeG impediu sacar adiante o orzamento en 2016 e na actualidade o alcalde, Jorge Suárez, valora a posibilidade dunha cuestión de confianza para poder aprobar o de 2017.

O Concello de Ourense, única cidade gobernada polo PP, ten o orzamento prorrogado dende 2014

A situación orzamentaria máis semellante á de Ferrol no contexto urbano galego é Ourense, a única cidade gobernada polo PP, aínda que cunha salvidade: o gabinete do ex-conselleiro Jesús Vázquez non ten prorrogadas as contas de 2015, senón as de 2014, xa que o anterior goberno socialista xa non fora quen de sacar adiante os seus derradeiros orzamentos por atoparse tamén en minoría. No seu primeiro ano do poder o goberno de Vázquez non deu atopado apoio para o orzamento e neste 2017, tras varios atrasos, achegou a mediados de maio ao resto de grupos un proxecto de contas que aínda se atopa inmerso nunha negociación de resultado incerto. Malia estas dificultades Feijóo vén dando en presentar o Concello de Ourense como modelo de "estabilidade", aínda que o alcalde ourensán non participou nos últimos actos do partido centrados na crítica aos gobernos municipais da esquerda.

No restante goberno en minoría aínda sen orzamentos de 2017, Lugo, as contas prorrogadas son as de 2016, ano no que a socialista Lara Méndez si logrou aprobalas. En Pontevedra o goberno do BNG puido aprobalos o pasado decembro tras un acordo coa Marea local, que inicialmente se opuxera a eles, mentres que en Vigo a maioría absoluta da que goza permitiu a Abel Caballero unha cómoda aprobación, tamén no remate do pasado ano.

Villares, durante a sesión de control © Parlamento de Galicia

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.