Marcha Mar Barcón, a última concelleira da era vazquista na Coruña

Mar Barcón © PSdeG

Logo de quince anos no Concello da Coruña, Mar Barcón marcha e abandona a política. Presentou a súa renuncia á acta de edil este xoves, poucas semanas despois da rotunda vitoria -tamén na agrupación local- de Pedro Sánchez nas primarias do PSOE e coas costuras no partido aínda abertas logo de que a irrupción da Marea Atlántica o colocara como terceira forza na urbe. Marcha a última figura e concelleira que lle quedaba ao vazquismo e será substituída pola seguinte na lista, a ex-militante nacionalisa e ex-seleccionadora galega de fútbol, Pili Neira. 

Mar Barcón, que chegara ao Concello da man de Francisco Vázquez en 1999, renuncia á acta de edil e abandona a política

Desde que chegara en 1999 da man de Francisco Vázquez, e agás un pequeno paso polo Parlamento galego, Barcón tivo praza no pleno e ocupou cargos de responsabilidade tanto co ex-embaixador no Vaticano como co outro rexedor socialista, Javier Losada. Coa marcha deste último tras a vitoria do popular Carlos Negreira, a política natural de Ortigueira virou en líder do PSOE local, posto que abandonou a principios deste ano cando deixou a secretaría xeral, só uns meses despois de renunciar tamén á portavocía do grupo. Todos os movementos chegaron un tras outro tras os malos resultados que como candidata á alcaldía colleitou nas municipais de hai dous anos, onde o PSdeG sufriu un duro golpe, quedando con seis edís fronte aos dez da Marea e do PP. 

Malia abandonar a secretaría xeral do PSOE local e a portavocía do grupo despois, Barcón seguía influíndo nas decisións do partido

José Manuel Dapena, quen a substituíra na portavocía do grupo municipal, deixara xa en xaneiro o cargo molesto polas inxerencias de Mar Barcón, que mesmo tras deixar o liderado e o cargo de voceira continuaba influíndo en todas e cada unha das decisións do PSOE local. Tamén nas negociacións que o partido mantivo coa Marea Atlántica para chegar a un pacto de goberno no que a súa figura non era ben vista pola candidatura cidadá. Forzado pola falta de apoio socialista, o alcalde Ferreiro someteuse a unha cuestión de confianza que perdeu pero que, pasado un mes, permitiulle aprobar os orzamentos ante a sabida inexistencia de acordo entre PP e PSdeG. 

Barcón apostou forte por Susana Díaz e perdeu, como antes perdera ao apoiar a Méndez Romeu fronte a Leiceaga

Perdeu esa guerra e tamén a das primarias. Agarrada ás vellas glorias socialistas, apostou forte por Susana Díaz, que foi derrotada con contundencia en toda Galicia e tamén na Coruña, onde Pedro Sánchez superou por moito os apoios obtidos pola presidenta andaluza e Patxi López xuntos.  Antes, nas primarias galegas para elixir candidato á Xunta, perdeu tamén a súa aposta por Méndez Romeu en favor de Leiceaga. Agora, e logo de case vinte anos nas institucións, marcha superada tamén pola crise do PSOE, que mantén na Coruña unha xestora provisional a falta de novo líder. 

Nunha carta aos militantes, asegura que pon "final" a unha etapa da súa vida, agradece a todos os que a acompañaron na súa carreira política e fai mención especial aos dous alcaldes cos que traballou, Francisco Vázquez e Javier Losada que, segundo di, "soñaron e levaron a cabo algúns dos mellores proxectos da historia da nosa cidade". 

Barcón será substituída na corporación municipal pola súa amiga Pili Neira, referente do deporte na cidade e en Galicia, ex-futbolista, ex-seleccionadora galega de fútbol e fútbol praia, adestradora e antiga militante nacionalista. Antes de incorporarse ás listas do PSOE nas últimas eleccións locais formara parte da de Compromiso por Galicia para as autonómicas de 2012 e da do BNG para os comicios municipais de 2011. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.