0 Gardados para despois

O congreso do PSOE lanza a conta atrás para a fin da interinidade no PSdeG

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Cando, este domingo, o PSOE peche o congreso federal que culmina o regreso de Pedro Sánchez á dirección tras o seu triunfo nas primarias do pasado maio, o PSdeG acumulará un ano e catro meses de interinidade, os xa transcorridos dende que José Ramón Gómez Besteiro se viu obrigado a dimitir da secretaría xeral. A comisión xestora que, con Pilar Cancela á fronte, asumiu a dirección provisional do partido, tiña un mandato de seis meses, pero xa leva 16 e achegarase aos 20. Así e todo, o claro resultado das primarias federais en Galicia, cunha esmagadora vitoria de Sánchez, aclara en certo xeito a batalla cara á elección definitiva da nova dirección galega, que tras múltiples adiamentos encara agora a súa recta final.

A propia Cancela admitiu en diversas ocasións -a última, este venres- a excesiva duración dunha xestora que transitou por todo tipo de avatares e mudanzas no escenario. O primeiro reto foi o da organización e desenvolvemento das primarias á Presidencia da Xunta, das que saíu reforzada coa vitoria de Xoaquín Fernández Leiceaga fronte a José Luis Méndez Romeu, pero que tamén implicaron unha complexa remuda na dirección do grupo parlamentario e, sobre todo, afrontar tras as xerais repetidas o reto das eleccións das eleccións galegas coa presión a respecto da abstención ante Rajoy e sen o apoio de importantes sectores do partido como os aglutinados en torno ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, con quen o incendio se estendeu ao fío da elaboración das listas.

O PSdeG acumula un ano e catro meses cunha dirección provisional

O resultado do 25S, con 14 escanos socialistas -tres menos que catro anos antes- e a perda da segunda posición en votos, lograda por En Marea, fixo máis turbulento o ambiente e deu máis decibelios ás voces internas que se desmarcaran da propia campaña electoral. Así, o propio Caballero e outros cargos combinaban o apoio ao sector de Susana Díaz no ámbito federal coas dúas críticas á dirección interina do PSdeG polo resultado das eleccións. Tras o golpe a Pedro Sánchez, a comezos de outubro, a xestora do PSOE elixiu bando a efectos prácticos na guerra galega baleirando de competencias a xestora do PSdeG, retirándolle a autorización para convocar o congreso nacional galego e as primarias á secretaría xeral.

A delegación galega no congreso do PSOE reproduce a esmagadora vitoria de Pedro Sánchez

Con este pano de fondo o comité federal socialista aprobou a abstención sen condicións na investidura de Rajoy e a guerra en Galicia semellaba total. "A xestora non representa a ninguén", proclamou Caballero, mentres Cancela asumía, entre incógnitas sobre as súas propias competencias, que pouco máis podía facer que agardar a que os prazos corresen. "Para resolver isto, máis que estar nos medios dicíndonos cousas, o mellor é convocar primarias e un congreso", resolvía o pasado outono.

Nomes como o de Cancela, González Formoso ou Gonzalo Caballero figuran nas cábalas para o congreso nacional galego do outono

Pero a situación comezou a mudar cando se puxo en marcha a carreira das primarias federais e variou de vez cando se abriron as urnas. Pedro Sánchez triunfou no conxunto do partido, pero en Galicia esmagou. A súa vitoria no PSdeG foi catro veces máis ampla que no PSOE e impúxose en oito cada dez mesas galegas na elección interna, unha correlación interna de forzas que, non sen tensión, se reproduce tamén na delegación que participa no nome da delegación de Galicia no congreso federal desta fin de semana. Estatutariamente terán que transcorrer 60 días dende o remate do congreso federal ata a celebración do nacional, o que leva a despois do verán un proceso no que ninguén cuestiona o peso da reforzada dirección de Sánchez. Mentres, nomes como os do presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, o de Gonzalo Caballero ou o da propia Cancela continúan nas cábalas para ocupar a cadeira da secretaría xeral, baleira dende o afastado marzo de 2016.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Pilar Cancela estará na Executiva federal de Pedro Sánchez

A actual presidenta da xestora do PSdeG, Pilar Cancela, terá un posto na Executiva encabezada por Pedro Sánchez que o congreso federal do PSOE ratifica este domingo. Fontes dos socialistas galegos consultadas por Praza.gal ratifican que o secretario xeral decidiu a súa inclusión na nova dirección, na que Adriana Lastra será vicesecretaria xeral, José Luis Ábalos secretario de organización e Cristina Narbona, presidenta.

A designación de Cancela foi ratificada pola nova dirección socialista contra a medianoite do sábado, cando tamén se coñeceu cal será a súa responsabilidade na Executiva. Mentres que na súa proposta de "goberno de cambio" antes das xerais de 2016 Sánchez a sinalou como responsable de agricultura, desta volta a tamén deputada no Congreso asume a área de políticas migratorias e PSOE no exterior.