0 Gardados para despois

A Xunta prevé multar con ata 30.000 euros a entrada de menores de 12 anos a touradas, que seguirán permitidas

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Catro anos despois, a Xunta vén de sacar do conxelador o anteproxecto de lei de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia, un texto que o Goberno galego abordou por primeira vez como informe en outubro de 2013 e que suscitara diversas controversias nos sectores afectados por aspectos como o endurecemento de requisitos para organizar actividades culturais e festas populares e tamén pola introdución dun duro réxime sancionador para as "faltas de respecto ou provocacións intencionadas" dos artistas "con risco de alterar a orde". A Vicepresidencia da Xunta vén de retomar este anteproxecto, aberto a achegas ata principios de xullo, e nel inclúe as prometidas multas pola asistencia de persoas menores de 12 anos a touradas que, no entanto, o Goberno galego seguirá a autorizar.

Malia ás reivindicacións de colectivos animalistas e ecoloxistas, así como da propia oposición parlamentaria, a Xunta deixou as touradas fóra da nova lei de benestar animal, que xa recibiu luz verde do Consello e se atopa actualmente en pleno trámite parlamentario. Así, a norma impulsada dende o departamento que dirixe Beatriz Mato incrementa a prevención fronte ao maltrato que, especifica, "non significa só violencia extrema", senón tamén "someter os animais a condicións hixiénicas e sanitarias cuestionables". Paradoxalmente, a lei resalta especificamente que ningún dos seus preceptos serán aplicables a "animais empregados en calquera espectáculo taurino, incluídos os encerros".

O anteproxecto da lei de espectáculos circunscribe a prohibición aos espectáculos taurinos que se celebren "en recintos pechados"

A futura lei de espectáculos si se ocupa, na súa nova versión, destes espectáculos, especificando que continuará a ser competencia autonómica "autorizar" a súa celebración. Dentro do artigo dedicado á protección das persoas menores de idade prevé que o seu acceso a espectáculos estea "suxeito ás limitacións e prohibicións previstas na normativa (...) da protección integral da infancia" e as normas que regulan aspectos como o consumo de alcol. Ademais, especifica que "en todo caso, queda prohibido o acceso aos espectáculos taurinos" para as persoas menores de 12 anos, se ben limita este veto ás touradas que se celebren "en recintos pechados", o que a priori deixa marxe para que nenos e nenas acudan a soltas de vaquillas ou capeas ao aire libre.

A nova versión da norma, inicialmente presentada en 2013, suaviza os requisitos para a celebración de actos culturais

O incumprimento desta prohibición, se finalmente fica con esta redacción na versión final da lei, estará incluído no apartado de infraccións graves, ao mesmo nivel que superar o aforo dun local de espectáculos con "risco grave para a seguridade", o incumprimento de horarios en locais de lecer o a "negativa" dun artista a realizar a actuación contratada "sen causa xustificada". Segundo o réxime sancionador que prevé o texto, a multa por este tipo de infraccións oscilará dos 300,52 aos 30.050,61 euros, que poderían combinarse con outras sancións como a suspensión da actividade por un ano, a clausura do establecemento ou a inhabilitación para organizar e promocionar espectáculos públicos por ese mesmo período de doce meses.

É neste apartado de sancións graves onde o Executivo galego suaviza os criterios da versión inicial da lei. Aínda así, continuará a estar dentro dese réxime sancionador a "perturbación grave do normal desenvolvemento do espectáculo" e "os comportamentos que poidan producir alteracións da orde ou crear situacións de perigo para o público (...), participantes, persoas organizadoras e traballadoras", así como para "artistas, forzas e corpos de seguridade, terceiros afectados e bens", así como "a súa permisividade". Unha vez concluído o período de achegas públicas a lei aínda ten que pasar polo Consello para tornar en proxecto e ser remitido ao Parlamento. A previsión máis recente da Xunta indica que esta aprobación se producirá durante 2017.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.