A portavoz do BNG en Bruxelas, Ana Miranda, presentou este venres ante a Comisión Europea unha denuncia contra o Estado español por infracción do dereito comunitario en relación ao accidente de Angrois, no que morreron 80 persoas e 144 resultaron feridas hai agora catro anos. Miranda di, amparándose no que foi pescudando a investigación xudicial do caso, que o Goberno non realizou unha análise de riscos da liña de AVE Ourense-Santiago e da curva de Angrois como obrigaba a normativa europea, que foi vulnerada.
A actuación de Ana Miranda en Bruxelas como intermediaria entre as vítimas e diversas institucións europeas vén sendo clave para lograr que estas últimas se interesasen polo accidente
A actuación de Ana Miranda en Bruxelas como intermediaria entre as vítimas e diversas institucións europeas vén sendo clave para lograr que estas últimas se interesasen polo accidente non só no plano político, como é o caso da Comisión e do Parlamento Europeo, senón tamén no xudicial, no que o instrutor vén pedir á Axencia Ferroviaria Europea que ratifique, como lles dixo ás vítimas, que era obrigatoria esa análise de riscos, da que responsabiliza ao agora imputado ex-director de Seguridade de Adif, Andrés Cortabitarte. Segundo a nacionalista, "existindo un risco de descarrilamento claro e evidente a nivel técnico e por non existir sistemas de seguridade complementarios, deixando o tren só nas mans do maquinista, non se aplicou ningunha medida de seguridade complementaria para xestionar este risco".
Ana Miranda reunirase o luns co xefe de gabinete da comisaria de Transporte, que vén de pedir a España outra investigación técnica “independente” do accidente
Por outra banda, Miranda prevé reunirse o luns co xefe de gabinete da comisaria europea de Transporte, Violeta Bulc, que vén de solicitar por carta á Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) de España que realice unha nova análise “independente” do sinistro. Hai un ano a Axencia Ferroviaria Europea ratificou que a CIAF non era independente cando concluíu que o accidente fora responsabilidade só do maquinista do tren Alvia, unha investigación que acabou influíndo na instrución xudicial. Precisamente daquela Miranda xa presentara outra denuncia contra España ante Bruxelas por esa falta de independencia da CIAF.