Pontón, ante ENCE: "A política forestal non a pode decidir quen converte Galiza nun eucaliptal"

Pontón, este luns ante o recinto de ENCE cos alcaldes de Bueu e Poio e a deputada provincial Eva Vilaverde CC-BY-NC-SA BNG

A finais do pasado xuño a papeleira ENCE decidiu baixar á area política. Fíxoo entre os ecos do tráxico incendio de Pedrógão Grande, no que a principal materia prima da pasteira, o eucalipto, tivo un papel esencial na rápida propagación das lapas, reforzando así as teses a prol da moratoria na expansión da especie que ultima o Goberno de Portugal, desenvolvendo así un plan xa iniciado polo anterior Executivo. Esa virada de foco cara ao cuestionamento do eucalipto traspasou a raia e chegou a Galicia a través da oposición parlamentaria, especialmente do BNG, contra cuxa portavoz nacional, Ana Pontón, saíu en tromba a compañía que produce pasta de papel á beira da ría de Pontevedra.

ENCE descualificou as críticas de Pontón por "indocumentadas e malintencionadas" e criticouna tamén nunha carta que lle remitiu o seu conselleiro delegado, Ignacio Colmenares, días antes de que entidades ligadas á produción forestal e á propia pasteira publicasen en diarios impresos unha campaña publicitaria para afirmar que "a maioría dos incendios se producen en zonas abandonadas, non nos eucaliptais", tese apoiada en informes do Ministerio de Agricultura que reflicten tamén que a superficie de eucalipto se disparou en Galicia un 70% en apenas media década ou que é a segunda especie arbórea que máis arde no país. Con este pano de fondo a líder do Bloque optou este luns por retrucar a ENCE ás portas da súa factoría en Lourizán.

A pasteira descualificou as críticas de Pontón ao eucalipto tras o incendio de Pedrógão Grande por "indocumentadas e malintencionadas"

Ante o recinto que, lembra Pontón, pode permanecer onde está grazas á prórroga concedida polo Goberno de Mariano Rajoy en funcións, a portavoz do BNG dirixiuse ao preisdente da Xunta para lle reclamar "unha política forestal" que "non pode decidir ENCE dende o seu consello de administración, mercando vontades con ex-altos cargos do PP" en postos directivos, caso do ex-conselleiro de Medio Ambiente Carlos del Álamo ou da antiga ministra da mesma área Isabel Tocino. "Tendemos a man" para un "cambio de política forestal", pero "semella que a única man que quere coller Feijóo é a de ENCE, non sei se porque tamén aspira a acabar sentado nese consello de administración", sinala.

Pontón: "Imos seguir dicindo as verdades do que significa unha política forestal ao servizo da multinacional que contamina a ría e hipoteca o monte"

Ante as "declaracións tan pouco amistosas da pasteira" Pontón lamenta que a compañía opte "por unha campaña de manipulación en relación ao impacto do eucalipto no medio ambiente e no problema dos incendios". "Converter Galiza nun eucaliptal é converter o noso monte nun polvorín", mantén, por iso "a tese de que os eucaliptos son cortalumes ten a mesma credibilidade que escoitar a Bárcenas dicir que os sobres en B son unha maneira de loitar contra a corrupción". Ex-cargos políticos como Del Álamo ou Tocino, rioniza, "son os únicos" que secundan estas teorías.

Neste contexto a líder do Bloque amósase convencida de que cómpre "un cambio radical" no ámbito forestal para que "ENCE deixe de marcar as directrices". "Ese non é modelo que interesa ao país, porque perdemos oportunidades, capacidade de crear riqueza e emprego", ademais de "poñer en risco o territorio". "Por moito que lle moleste á dirección de ENCE, imos seguir dicindo as verdades do que significa unha política forestal ao servizo dunha multinacional que contamina a ría de Pontevedra e hipoteca o monte", conclúe.

 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.