As vítimas de Angrois piden unha nova análise técnica e a dimisión dos investigadores actuais

Carta das vítimas de Angrois ao presidente da Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) CC-BY-SA Praza Pública

A plataforma de vítimas do accidente de Angrois, do que o próximo luns se cumpren catro anos, entregou este mércores unha carta no Ministerio de Fomento dirixida á súa Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF), á que reclama a dimisión dos seus membros actuais e a realización dunha nova investigación independente do sinistro. A petición dunha nova investigación técnica independente é unha das tres patas das reivindicacións das vítimas, xunto coa que consideran a principal que é o afondamento da investigación xudicial (na que vén de ser imputado un cargo de Adif) e a reclamación dunha investigación política no Congreso dos Deputados (agora con posibilidades de saír adiante ao quedar só o PP tras o recente cambio de postura do PSOE, que viña negándose).

A investigación técnica é unha das tres patas das súas reclamacións, xunto coa xudicial e a política

Un ano despois do accidente, a CIAF emitiu o seu informe sobre o mesmo atribuíndo o sinistro exclusivamente ao despiste do maquinista, que non freou a tempo antes da curva de Angrois tras recibir unha chamada do interventor do tren e non estar activo ningún sistema de seguridade que evitase ou paliase o seu erro humano. Unha investigación técnica que influíu inicialmente na investigación xudicial que segue en marcha. Porén, hai  un ano a Axencia Ferroviaria Europea emitiu un informe no que ratificaba a falta de independencia da CIAF, cuxos membros eran nomeados polo Ministerio de Fomento, e censuraba que non analizara outras posibles carencias de seguridade máis alá do maquinista, o que levou ao Parlamento Europeo e á comisaria de Transporte, Violeta Bulc, a reclamar a España unha nova investigación técnica independente.

A análise realizada pola Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) de Fomento non foi independente nin pescudou todas as posibles causas do sinistro máis alá do maquinista

O Goberno cambiou o sistema de nomeamento da CIAF para que agora sexa o Congreso o que valide os nomes que lle propón Fomento, algo que para a UE xa garante a súa independencia. Con ese cambio, o Goberno di que agora non pode pedirlle a un órgano independente como ao seu xuízo é xa a CIAF que realice unha nova investigación, senón que debe ser esta a que o decida voluntariamente, algo ao que non está disposta.

Con ese novo procedemento, o pasado marzo PP, Ciudadanos e PNV validaron o nomeamento como novo presidente da CIAF de Fernando Montes Ponce de León, que xa viña sendo vocal na comisión, coa abstención do PSOE e o voto en contra do grupo de Unidos Podemos-En Marea. Nesa comparecencia ante a Cámara, Montes dixo que non vía necesario reabrir a investigación e insistiu na responsabilidade do maquinista. Agora as vítimas rebaten os seus argumentos.

Na carta, as vítimas enumeran diversos incumprimentos por parte da CIAF da normativa europea sobre investigacións de sinistros, como a súa falta de independencia, a presenza na mesma de membros de partes interesadas como ADIF ou Renfe ou que non lles deu voz aos afectados. “Vostede e os seus colegas descoñecen a normativa, non son independentes e serven a outro tipo de intereses, cousa que non sorprende ao ser o Ministerio de Fomento quen os nomea”.

"Vostede e os seus colegas dimitan e deixen que outras persoas independentes e con máis coñecementos se encarguen de investigar os accidentes para que así se axude verdadeiramente a mellorar a seguridade", dinlle as vítimas ao presidente da CIAF

As vítimas lembran na súa carta que na súa comparecencia no Congreso Montes dixo que hai xente que “lle aconsella que se debe coidar e que a  estas idades un empeza a facer historia máis que futuro”. Para os afectados “resulta preocupante estas declaracións cando temos por diante o desafío da seguridade ferroviaria en España e a oportunidade de reabrir a investigación do accidente ferroviario máis grave das últimas décadas”. Por iso, as vítimas rematan a misiva pedíndolle ao presidente da CIAF: “Sr. Montes, cóidese, pero por favor, vostede e os seus colegas dimitan e deixen que outras persoas independentes e con máis coñecementos se encarguen de investigar os accidentes para que así se axude verdadeiramente a mellorar a seguridade dos cidadáns”.

Remate da carta das vítimas ao presidente da CIAF CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.