A Xunta pechou máis de 200 escolas unitarias en pouco máis dunha década

Aula da escola de Portosanto (Poio), que non volverá abrir tras o verán Dominio Público EEI Portosanto

A pingueira de ferrollos non cesa. Como cada ano, a Consellería de Educación vén de comunicar os resultados dos proceso de "revisión de matrícula dos centros escolares". E como cada ano da historia recente do país este proceso vén acompañado da "adecuación do número de unidades ao de alumnos e alumnas matriculados", que nun contexto de descenso continuado de poboación -a fenda entre nacementos e mortes marca sucesivas marcas negativas- é sinónimo de peches de escolas unitarias, os centros educativos que nas contornas rurais xuntan alumnado de diferentes idades. A fórmula mecánica aplicouse un ano máis: ningunha escola cunha matrícula de cinco ou menos estudantes segue aberta, o que nesta ocasión supón 9 peches e eleva as unitarias suprimidas por riba das 200 en pouco máis dunha década.

Ao contrario doutros anos, cando os peches tendían máis cara ao interior, desta volta as localidades que quedan sen escola sitúanse no litoral ou nas súas proximidades. É o caso da escola de Saltiño, en Boiro, que non prevía alumnado para o vindeiro curso; a do Monte da Vila, no Grove -4 nenas e nenos-; a escola Xil-Meaño, en Meaño -5 alumnos-; a de Portosanto en Poio -catro- ou a de Tremoedo, en Vilanova de Arousa, que tamén quedara con catro. Completan a lista de peches o CEIP de Revoltiña da Laracha -catro matrículas-, a escola padronesa de Rúa, xusto no limiar de 5 estudantes; a escola de Sieira en Rois, cun só matriculado, e o CEIP Víctor Vázquez Portomeñe, de Xunqueira de Espadanedo, sen ningunha matrícula.

No vindeiro curso funcionarán 9 escolas unitarias menos en Galicia

Os escasos estudantes que formalizaran as súas matrículas serán recolocados "nunha praza escolar doutro centro educativo próximo" nun proceso que a Consellería enmarca na "reordenación" habitual de unidades escolares, a cal para o curso 2017-2018 implica 12 unidades escolares menos na provincia da Coruña -suspéndense 27, créanse 8 e habilítanse puntualmente 7-, cinco máis en Lugo -cinco supresións, 9 creacións e unha habilitación-, seis máis en Ourense -3 creadas e 8 habilitadas compensan as 5 eliminadas- e 25 menos en Pontevedra -elimínanse 36, créanse 6 e habilítanse 5-.

O matiz burocrático que o Goberno galego outorga a esta operación é interpretada dun xeito diferente dende o ámbito sindical. Para a CIG-Ensino, sindicato maioritario no ámbito educativo galego, a Consellería "segue adiante coa política de desmantelamento do ensino público, antepoñendo criterios economicistas á calidade da educación" e facéndoo ademais "en pleno verán", no período vacacional. A orde publicada ao respecto no DOG, subliña a central sindical, amosa que "os peches de aulas e redución de postos de traballo non se ven para nada compensadas polos escasos incrementos" mentres se "incide especialmente na atención ás necesidades educativas específicas" do alumnado".

Tras os peches de 2016 Feijóo cuestionara a "calidade educativa" das unitarias e as ANPAS reclamaran un plan específico que adapte ao rural os baremos xerais dos centros

Á "calidade educativa", precisamente, referíase hai apenas un ano o presidente da Xunta para xustificar os peches de unitarias aprobados cara ao curso 2016-17, con 13 escolas menos. "Galicia é a comunidade con máis profesores por alumno" e, alén disto, "hai que ver en concreto os casos concretos", se ben ao seu xuízo "ter escolas unitarias de menos de seis, sete ou oito alumnos" de "distintos cursos" pon "en cuestión" o "nivel" educativo do ensino que se imparte nelas, dixera Alberto Núñez Feijóo, mentres ANPAS de áreas rurais reiteraban a súa reclamación dun plan específico para adaptar parámetros como as ratios de profesorado á realidade das áreas menos poboadas do país.

Tras os peches das Pontes e Outes

Nos últimos días continuaron as protestas da comunidade educativa do Monte Caxado das Pontes, que a Xunta decidiu pechar

As eliminacións das devanditas nove escolas fanse oficiais menos dun mes despois de que a Consellería de Educación fixese oficial por decreto a controvertida supresión de senllos colexios nas Pontes e en Outes, así como a eliminación das unidades de ESO noutros dous colexios, en Ribadavia e no Porriño, para trasladalos a outros institutos das mesmas localidades. Esas operacións foron sinaladas por Educación como resultado da "realidade sociolóxica e educativa" e a necesidade de "optimizar os recursos".

Estas eliminacións de colexios segue a ser contestada mediante mobilizacións, especialmente dende a comunidade educativa do colexio pontés Monte Caxado, que tras participar nunha numerosa manifestación ante a sede central da Xunta e protestar tamén na delegación coruñesa do Goberno galego, trasladou nas últimas semanas as súas reivindicacións ás proximidades de actos públicos de líderes do Goberno e do PP galego. Foi o caso da homenaxe a Manuel Fraga organizada polo PP en Vilalba o pasado día 21 ou da cerimonia de entrega das Medallas de Galicia, o día 24 na Cidade da Cultura.

O conselleiro de Educación, con estudantes que participan nun programa da Xunta © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.