Case dous anos despois, a secretaría xeral do PSdeG volverá estar dirixida o vindeiro 8 de outubro por unha persoa elixida co voto da militancia do partido. A xestora do PSdeG aprobou este mércores, apenas vinte días despois de que a nova dirección federal encabezada por Pedro Sánchez lle devolvese as competencias para facelo, o calendario das primarias e mais do Congreso Nacional, cita que o partido non celebra dende setembro de 2013, cando fora ratificado o liderado de José Ramón Gómez Besteiro, e que vén e ser fixada para os días 27, 28 e 29 de outubro.
As persoas que queiran optar á secretaría xeral terán que formular as súas precandidaturas entre o 4 e o 5 do vindeiro mes de setembro. Dos días 7 ao 20 dese mesmo mes desenvolverase o proceso de recollida de avais, un primeiro limiar que as candidaturas cruzarán se obteñen, cando menos, o apoio do 10% da militancia. Isto implica, atendendo ao censo galego das últimas primarias federais -10.394 militantes-, que a cifra de avais necesarios seguirá a roldar os 1.000, como xa sucedera na elección da candidatura á Presidencia da Xunta -daquela foran, concretamente, 1.010-.
As candidaturas ao liderado terán que ser rexistradas a comezos de setembro e o Congreso Nacional celebrarase a finais de outubro
Tras ese primeiro proceso as candidaturas presentadas serán proclamadas do 21 ao 25 de setembro e, xusto a continuación, do día 26 dese mesmo mes ao 7 de outubro, será a quenda para a campaña interna. As previsións da comisión xestora que encabeza Pilar Cancela contemplan que entre os días 9 e 13 de outubro serán resoltos os posibles recursos e proclamada a elección definitivamente. Neses mesmos días celebraranse as asembleas para a elección das persoas que actuarán como delegadas no Congreso Nacional que renovará o resto de órganos internos e mais os documentos políticos da formación.
Tres nomes e ausencia do 'susanismo'
Leiceaga, Caballero e Villoslada manifestaron a súa intención de concorreren ao proceso
O inicio da fin da interinidade na dirección socialista galega chega nun momento no que xa son tres os dirixentes do partido que expresaron a súa vontade de concorreren ás primarias, os tres considerados na órbita do actual líder federal. Así, nas últimas semanas o que fora candidato á Xunta e actual voceiro parlamentario, Xoaquín Fernández Leiceaga, o dirixente vigués Gonzalo Caballero e mais o deputado coruñés Juan Díaz Villoslada -que convocou a prensa para este xoves, tras coñecer o calendario- manifestaron a súa disposición a presentárense.
Nun contexto no que semella altamente improbable que cargos que apoiaron a Susana Díaz nas primarias federais -e a José Luis Méndez Romeu nas galegas- impulsen algunha candidatura, resta saber se Leiceaga, Caballero e Villoslada darán o paso adiante de vez e, caso de facéreno, se chegarán á fin do proceso ou apostarán por algunha alianza -caso da pechada polos propios Leiceaga e Caballero nas primarias para a Presidencia-. Do mesmo xeito, non está pechada aínda a posibilidade de que novos nomes se sumen á lista de candidaturas.