Toda a oposición e a Deputación da Coruña amosaron a súa perplexidade e indignación logo de coñecerse que a Fundación Francisco Franco xestiona desde hai meses as visitas ao Pazo de Meirás e que, tal e como advertiu nun comunicado, empregará este labor para gabar "a grandeza" do ditador. A polémica chegará á Cámara galega, pero tamén ao Parlamento europeo, logo de que o BNG anunciase a solicitude da súa portavoz comunitaria, Ana Miranda, para que a Comisión Europea actúe entidade fascista por "apoloxía da ditadura e da figura do ditador". A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica (CRMH) pide directamente a súa ilegalización e todos reclaman á Xunta que reaccione e faga algo ante o que consideran unha "burla e provocación".
A Xunta nada pode facer para impedir que a entidade franquista xestione Meirás mentres o Pazo sexa dos Franco e a Fundación, legal
Pero o Goberno galego ten as mans atadas. Mentres a familia do ditador sexa a propietaria oficial do Pazo e a Fundación Francisco Franco sexa legal, non hai moito que facer. Así o volve lembrar a Consellería de Cultura en resposta ás preguntas deste diario. "A Xunta cumpre coa lei, como non podería ser doutra maneira nun Estado de dereito. E dentro deste marco democrático, todas as persoas ou entidades xurídicas deben respectar e cumprir as normas democráticas coas que se dota o Estado", explica.
Ademais, lembra que a Fundación Francisco Franco "é unha entidade considerada legal" e que, "polo tanto, o seu dereito, pero tamén o seu deber, é actuar baixo as regras democráticas". Respecto á posibilidade de impulsar iniciativas para recuperar o Pazo para o público ou porse en contacto coa familia do ditador para advertirlle da imposibilidade de facer apoloxía da ditadura, a Xunta nada di. "En todo caso, se a Xunta detecta algunha actuación fóra do marco legal establecido, poñeraa en coñecemento dos órganos xudiciais pertinentes", asegura.
O Goberno galego limítase advertir que "de detectar algunha actuación fóra do marco legal establecido, poñeraa en coñecemento da Xustiza"
Como se insiste desde a Consellería, o Pazo de Meirás "é un BIC de titularidade privada" e, tal e como figura na Lei do Patrimonio Cultural, "é obriga dos propietarios abrilo ao público e xestionar o seu mantemento". "Esta lei non establece nada ao respecto de que as visitas se xestionen a través dun ou doutro tipo de entidade", insiste, polo que a Xunta "velará porque sempre se cumpra a lei dentro do que establece a propia lei".
E a lei establece, polo momento, que non hai xeito. A solución é mudala, pero hai tan só uns meses, o PP rexeitou esa posibilidade no Parlamento galego. Votou en contra de iniciar a tramitación dunha proposición de lei presentada por En Marea e apoiada por PSdeG e BNG para recuperar a titularidade pública do Pazo de Meirás. Era só o inicio dun trámite que continuaría coa Cámara galega remitindo unha proposición de lei ao Congreso dos Deputados para reformar a Lei da Memoria Histórica e introducir nela unha disposición adicional que permitise a recuperación do pazo. Esa disposición indicaba que nun prazo de seis meses as administracións públicas deberían iniciar o proceso para recupear a titularidade pública do ben, que pasaría a ser xestionado por un ente público consorcial formado polo Estado, a Xunta, a Deputación da Coruña e o Concello de Sada.
O PP rexeitou hai só uns meses unha iniciativa apoiada por toda a oposición para recuperar o Pazo a través da modificación da Lei de Memoria Histórica
Desde a CRMH, que leva tempo reclamando a recuperación do Pazo para o público, piden tamén que se actúe de inmediato contra a Fundación Francisco Franco. "Suxerimos, a quen corresponda, á Fiscalía ou aos xuíces, que corrixan esta anormalidade e revisen as actividades desta fundación e que atendan as súas manifestacións, que nos parecen moi próximas ao tipificado como delito de odio”, asegurou na Radio Galega Fernando Souto, presidente da Comisión na Coruña, que solicita que o Estado "ilegalice" esta entidade fascista "amparándose nas leis democráticas que permitan levar adiante esa acción, como a lei de fundacións ou do tipificado no Código Penal".
A CRMH da Coruña pide a "ilegalización" da Fundación Francisco Franco: "Se non hai leis que permitan actuar, é urxente dotarse delas"
"Se non hai leis que permitan actuar contra quen fai apoloxía do terror, utiliza o negacionismo para fomentar valores e prácticas antidemocráticas e despreza a memoria das vítimas do franquismo, os lexisladores deberían asumir como urxente esta tarefa de dotar un Estado democrático dunhas normas que protexan este seu carácter", advirte a CRMH.
Desde a oposición, todos os partidos amosaron xa o seu rexeitamento á actitude da Fundación Franco pero tamén ao silencio e desleixo da Xunta. O PSdeG pide un pronunciamento oficial do Goberno galego que "reprobe" as declaracións desta entidade e o uso do Pazo para a "exaltación" da ditadura. O BNG pide crear unha comisión de estudo para reverter o inmoble ao patrimonio público galego, ao tempo que, xunto con En Marea, denuncia a "complicidade, permisividade e conivencia" do Executivo e do PP coa institución franquista.
Este mércores, En Marea insistiu en que o Pazo de Meirás "sexa unha homenaxe ás vítimas" e en "rexeitar a aldraxe de convertelo nunha glorificación do fascismo". "Consideramos unha burla ao pobo galego e unha ignominia ás vítimas da barbarie franquista que un Ben de Interese Cultural sexa xestionado pola Fundación que glorifica a un ditador sanguinario", di.