O PP teima en mudar a lei e rexistrará a proposta para que goberne a lista máis votada

Rueda, Rajoy, Feijóo e Tellado, nun acto en Cotobade © PP

O PP teima en impedir os acordos de goberno ou executivos de coalición e ten pensado expor na subcomisión para a reforma da Loreg (lei electoral) que hai aberta no Congreso a proposta de que goberne a lista máis votada. Así llo confirmaron a eldiario.es fontes do PP da Comisión Constitucional, onde comezará a debaterse a reforma en setembro.

O PP ten pensado expor na subcomisión para a reforma da lei electoral a proposta de que goberne a lista máis votada

Esta antiga reclamación do partido de Rajoy fora rexistrada formalmente na Cámara en xullo de 2015 logo de que os comicios municipais e autonómicos celebrados o 24 de maio mudasen substancialmente a cor do mapa político. Non era unha proposta nova nin allea a Galicia, desde onde Alberto Núñez Feijóo liderara varias veces a iniciativa para reformar a lei. Tanto el como Rajoy amagaron con mudar a normativa en Galicia e no Estado malia contar só cos votos do PP. O presidente da Xunta fíxoo ao final da súa primeira lexislatura e volveu no verán de 2015 tras o pau sufrido polo seu partido nas municipais pola irrupción das mareas e para "emendar os erros" daqueles comicios.  

Feijóo fora tan entusiasta que consideraba "absolutamente fundamental" e "absolutamente imprescindible" a reforma electoral porque, segundo defendía, acabaría coas coalicións de goberno nas que non participe a forza con maior número de sufraxios, as mesmas que están avaladas pola propia Constitución, ademais de pola vixente lei electoral. Para o presidente galego, con todo, son "anomalías, por máis que sexan legais". Algo "ilexítimo", tal e como repite o argumentario do PP. 

Feijóo lanzara a idea hai xa anos e cre "absolutamente imprescindible" impedir a "anomalía" de que non goberne a lista máis votada

Daquela, o PP estatal elaborou entón unha proposición de lei para modificar os artigos 180 e 163 da Lei Orgánica de Réxime Electoral Xeral (Loreg) e que a lista máis votada sexa a que goberne, polo menos no ámbito municipal, pero con vistas a estender esa norma a outras institucións.

A idea baséase en que o partido que máis votos logre reciba unha prima de representación que lle garanta a maioría absoluta co fin de impedir os pactos entre outras forzas políticas con menor representación. Os partidos que lograsen o 35% das votos nas municipais obterían automaticamente as alcaldías se a segunda forza non chegase ao 30%. En caso contrario, celebraríase unha segunda volta. Nese caso, quen obteña máis votos -un 40% polo menos, ou sete puntos de diferenza coa seguinte lista- encargaríase de formar goberno.

Deste xeito, argumentaban os populares, evitaríanse o que chaman "pactos de perdedores". "Trátase de evitar que se elixan os alcaldes nos despachos", asegurou o portavoz do PP,  Rafael Hernando, o día que presentou a proposición de lei do seu grupo no Congreso.

A iniciativa do PP propón que os partidos co 35% dos votos obteñan automaticamente as alcaldías se a segunda forza non chega ao 30%.

Hernando puxera como exemplo Pamplona, cuxo alcalde, de Bildu, non logrou "nin o 16% dos votos"; ou o de Las Palmas, do PSOE, que obtivo "só o 19% do apoio cidadán". Madrid, Valencia e Barcelona son tamén exemplos que adoitan sacar a relucir os de Rajoy, concellos onde goberna Podemos e as súas confluencias con apoios doutras forzas políticas. En Galicia, o obxectivo das críticas eran as mareas cidadás que gobernan moitas vilas, así como as urbes da Coruña, Compostela e Ferrol. 

De estar o modelo en vigor, o PP mediríase nunha segunda volta con Compostela Aberta ou a Marea Atlántica en Santiago e A Coruña

Así, no hipotécico caso de que este modelo estivese en vigor nos últimos comicios locais, os populares manterían a alcaldía de Ferrol, onde tiveron o 36%, impedindo a alianza de esquerda que goberna o consistorio. No resto de cidades teríanse que medir nunha segunda volta coa Marea Atlántica na Coruña -ambas forzas roldaron o 31%-, con Compostela Aberta en Santiago -a formación de Martiño Noriega foi a máis votada pero ficou a unhas décimas do 35%-, co PSdeG en Lugo e con Democracia Ourensana, en Ourense. Mentres, o PSdeG e o BNG obterían as alcaldías de Vigo e Pontevedra xa en primeira volta

 

Feijóo, pai da idea para vetar coalicións

Sexa como for, a proposta do PP non fora ben acollida polos grupos parlamentarios que había daquela na Cámara. Nin Podemos nin Ciudadanos tiñan aínda representación no Congreso. O PSOE rexeitouna e atribuíu o seu rexistro ao "pánico de Rajoy a perder a Moncloa", dixera Antonio Pradas. E a Izquierda Plural cualificáraa de "falcatrúa parlamentaria" e de "golpe institucional".

Aínda que o PP naquel momento tiña maioría absoluta, non se atreveu a impulsar os cambios en solitario, consciente de que era un asunto de gran calado que require un amplo consenso. E moito máis na recta final da lexislatura. Algo semellante lle ocorrera a Feijóo, que amagou varias veces coa reforma electoral en Galicia baseada tamén no recorte de deputados. Sempre se reivindicou como pai da idea de ilegalizar os gobernos locais de coalición, algo que, adoita lembrar, leva defendendo dende que é "presidente do partido". Paralizou a iniciativa mentres a esquerda galega facía "fronte común" contra as intencións da dereita

Pero Feijóo xa lanzara a idea e o PP acolleuna. Despois de abrir a polémica, os populares decidiron incluír a medida no seu programa electoral das xerais do 20 de decembro de 2015, sendo reclamada polo propio Rajoy en varias ocasións durante aquela campaña e posteriormente na do 26 de xuño, co argumento de que "hai que respectar o costume constitucional de que só formará goberno a candidatura máis votada en España".

Tanto o secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez, como despois tamén Pablo Iglesias, líder de Podemos, deron as costas á iniciativa explicando que o que piden os cidadáns é que sexan "capaces de chegar a acordos e de pactar". Ambos os dous dirixentes sostiveron que quen logra gobernar é quen consegue sumar máis escanos e non a lista máis votada.

Tamén Ciudadanos se amosara contrario a aceptar esa norma. Albert Rivera, que en 2015 pechara un acordo co líder socialista, argumentou que se se deixaba gobernar á lista máis votada "acabaríase co diálogo e a lei das maiorías". O dirixente laranxa defendera que en España o sistema parlamentario baséase en que se o partido gañador non é capaz de atopar aliados, os demais grupos políticos están lexitimados para buscar "maiorías alternativas".

Con todo, tras o bloqueo xerado nas segundas eleccións celebradas o 26X de 2016, Rivera pediu deixar gobernar o PP ao ser a lista máis votada e a gañadora. Pechou en agosto un pacto de investidura con Rajoy e propiciou que puidese manterse na Moncloa, grazas tamén á abstención do PSOE, que daquela xa conseguira defenestrar a Sánchez. En Galicia, os populares activaban varias mocións de censura nas que obviaban a súa doutrina de que goberne sempre a lista máis votada, como por exemplo en Santa Comba para desbancar o PSdeG

O PP pretende que a reforma se aplique xa de cara aos comicios municipais de 2019 e ambiciona con que tamén nas vindeiras xerais

Agora, o PP insistirá e levará novamente a proposta á subcomisión do Congreso na que se vai comezar a estudar a reforma da lei electoral, coa vista posta nos novos comicios municipais e autonómicos de 2019. Para que eses posibles cambios afecten tamén as comunidades autónomas sería necesario modificar os estatutos de autonomía, dado que o Estado non ten competencia directa na materia.

O obxectivo final do PP,  que aínda que perde apoios séguese mantendo nas enquisas como a primeira forza, sería que a medida se poida aplicar tamén a nivel estatal nas próximas eleccións xerais.

Papeletas nun colexio electoral de Compostela CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.