A lei que veta o eucalipto en Portugal entrará xa en vigor neste próximo inverno

Plantación de eucaliptos CC-BY Rcandre

A maior industria papeleira de Portugal puxo a súa ollada en Galicia, onde pensa crear "uma base forte" e abastecerse de madeira ante os atrancos que, segundo di, supón a reforma da lexislación forestal impulsada polo Goberno luso. Tal e como avanzou Praza.gal, The Navigator Company -a antiga Portucel- prevé expandirse no país ante o veto ao eucalipto que prepara o Executivo de Lisboa e valora a "alta produtividade" que as plantacións desta especie teñen na outra beira do Miño. A compañía, consultada por este diario, decidiu non avanzar nada dos seus plans en territorio galego até que a mudanza lexislativa se confirme. Será, daquela, a finais do vindeiro inverno, momento no que o novo réxime xurídico para a redución da área de eucalipto entrará en vigor. 

A maior pasteira lusa prevé expandirse en Galicia ante o veto ao eucalipto implantado por Portugal

Aprobada a reforma polo presidente portugués a principios do mes de agosto, o novo réxime xurídico de rearborización entrará en vigor en marzo, segundo a publicación do Diário da República (o DOG no país veciño) do pasado xoves 17. Os tráxicos incendios que Portugal sufriu nos últimos anos e, nomeadamente, a traxedia de Pedrógão Grande neste xuño aceleraron unha nova lei que paraliza a expansión do eucalipto, reduce a súa extensión e regula de maneira estrita a súa plantación. Ante estes atrancos á polémica especie, a principal industria papeleira do país -e unha das maiores do mundo- ollou para Galicia, logo de que a pasteira Altri tamén ameazase con suspender os seus investimentos en territorio luso no caso de que se "demonizase" o eucalipto. 

O obxectivo do novo Regime Jurídico Aplicável às Ações de Arborização e Rearborização (Rjaar) non veta completamente plantar a especie, pero si pon enormes limitacións e impide a súa expansión. Así, obriga a que no caso de realizárense novas plantacións, estas impliquen a liberación de terreos usados anteriormente para producir eucalipto para acoller especies autóctonas ou o seu uso agrícola ou pecuario. 

A reforma supón que no caso de novas plantacións se liberen terreos de eucalipto para acoller especies autóctonas ou uso agropecuario

A reforma especifica que “não são permitidas as ações de arborização com espécies do género Eucalyptus“, e aclara que a rearborización con esta especie “só é permitida quando a ocupação anterior constitua um povoamento puro ou misto dominante”, o que viría establecido polo Inventário Florestal Nacional. Por suposto, ningún eucalipto é permitido en zonas de Rede Natura ou protexidas. 

No caso de querer plantar eucaliptos, só pode levarse a cabo en áreas non agrícolas e de uso forestal, sempre que non sexa zona de regadío, en concellos onde a especie non sobrepase os límites establecidos nos Planos Regionais de Ordenamento Florestal (PROF) e en zonas "onde não constituam manchas contínuas desta espécie ou de espécie pinheiro-bravo, consideradas demasiado extensas nos termos a definir nos PROF".

A arborización con eucaliptos só é posible en áreas non agrícolas, en concellos onde non se supere o límite e onde non haxa xa áreas demasiado extensas

Ademais, insístese en que estas plantacións deben resultar de "projetos de compensação" de áreas de poboamento de eucaliptos por outras con maior produtividade. Xa que logo, nestes proxectos debe contemplarse "o compromisso de investimento em áreas que garantam o uso agrícola ou pecuário ou com rearborização com espécies autóctones, em caso de uso florestal". Desta maneira, o Goberno portugués asegura que unha nova plantación de eucaliptos cumpre cuns duros requisitos e, ademais, compénsase coa desaparición doutra que pasa a albergar outras especies ou vira en uso agrícola. 

A plantación do eucalipto queda, ademais, dependente dun proxecto e dunha autorización previa. É parte do control co que o Goberno portugués busca diversificar o seu monte e crear tamén zonas tapón para evitar incendios. Alén disto, o Instituto da Conservação da Natureza e das Florestas (ICNF) pasa a levar a cabo unha “gestão nacional da área global” do eucalipto “de forma a aproximar-se progressivamente dos valores fixados na versão mais recente” da Estratégia Nacional Florestal.

Tal e como se especifica na reforma lexislativa, no caso de que o Inventário Florestal Nacional indique que a área de eucalipto está por riba dos valores fixados na versión máis recente, realizarase unha aproximación de acordo cos instrumentos de ordenamento en vigor, “actuando prioritariamente” nas áreas con dimensión superior a 100 hectáreas. 

Ante esta reforma, agora xa con data para entrada en vigor, Navigator confirmou que está "a olhar para outras fontes de floresta e de madeira fora de Portugal, diferentes das que hoje utiliza”. Os seus responsables admitiron a intención de establecer "uma base forte no norte de Espanha, na Galiza". Ademais, aclararan que non pretenden aumentar a súa extensión de monte en Portugal, onde xestionan 120.000 hectáreas, senón espallarse cara ao país. “Poderemos ter mais em Espanha e menos em Portugal. Queremos ter mais em Espanha para diversificar e a produtividade lá também é elevada”, dixo Diogo da Silveira, presidente executivo da empresa.

A industria papeleira lusa ameaza con expandirse en Galicia e parar investimentos en Portugal por mor do veto ao eucalipto

A industria papeleira lusa insiste desde hai anos en que precisa aumentar a produción e asegura que consome 8,5 millóns de metros cúbicos de madeira de eucalipto ao ano, das cales importa 2 millóns por unha suposta insuficiencia do sector forestal portugués. En declaracións á prensa, o presidente do consello de administración de Navigator, Pedro Queiroz, considera que as empresas papeleiras e pasteiras perden ao ver "agravada a sua competitividade externa". "E perde o país, sob a forma de escoamento de divisas e de destruição de postos de trabalho", insistiu.  

Madeira no complexo industrial de Setúbal de Navigator © The Navigator Company

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.