A actuación dos Mossos d'Esquadra tras os atentados padecidos por Catalunya o pasado agosto e as controversias xeradas en torno a eles nas semanas posteriores aos ataques terroristas, acrecentadas nos últimos días polas novas a respecto das comunicacións de alertas antixihadistas internacionais, vén de poñer o foco na cuestión das competencias de seguridade. A Policía catalá desenvolveuse plenamente na súa versión contemporánea como corpo policial integral a través de transferencias estatais pactadas cos sucesivos Gobernos da Generalitat, caso do control do tráfico logrado a finais dos 90. Dous anos despois dun dos fitos máis simbólicos na historia dos Mossos, o seu despregamento total en Barcelona en 2005, o Parlamento galego culminaba a aprobación da Lei de Policía, a base xurídica para crear un corpo policial integral galego que asumise a práctica totalidade das competencias cotiás da Policía Nacional e da Garda Civil. Unha década despois, o seu incumprimento é total.
Aínda que tendo moi presentes as estruturas policiais vasca e catalá o Goberno galego da época presentara a Policía de Galicia como unha "terceira vía", en verbas do daquela conselleiro da Presidencia, José Luis Méndez Romeu, que en calquera caso nacía coa vocación de tornar en Policía integral. O texto publicado no DOG o 22 de xuño de 2007 tras recibir o apoio parlamentario de PSdeG e BNG -o PP votara en contra e cualificárao de "anticonstitucional"- entrou en vigor menos dun mes despois e o Executivo marcou daquela un horizonte temporal para o seu cumprimento que, admitía, ía ser necesariamente amplo. Os primeiros axentes da Policía de Galicia chegarían en 2009 e a remuda dos corpos estatais, calculaban, podería estar completada arredor de 2015.
A lei, aprobada en 2007 tras o fracaso da reforma do Estatuto, prevía despregar unha policía galega integral mediante o traspaso de competencias estatais
Aquel texto legal chegaba apenas medio ano despois do fracaso da reforma do Estatuto de Autonomía e, daquela, estaba necesariamente condicionado á transferencia de competencias a través da negociación política co Goberno de España. Ese era o camiño para encher de contido o previsto no artigo 15 da lei, esquelete suficientemente amplo para que Galicia tivese Policía de seu en todos os ámbitos. O novo corpo, prevé a lei, tería competencias no ámbito da seguridade cidadá -da orde pública á persecución da delincuencia en todos os eidos-, e exercería as funcións de policía administrativa e xudicial.
O "mando supremo" da Policía residiría no Consello da Xunta e a coordinación co Estado residiría na Xunta de Seguridade de Galicia, que á súa vez estaría intimamente ligada ao Centro de Elaboración e Proceso de Datos para o Servizo Policial, o espazo para a xestión da información e a intelixencia. Iría sumando axentes ata a contorna dos 2.400 mediante a incorporación de axentes da Unidade de Policía Adscrita, doutros corpos e tamén mediante promocións propias.
O desenvolvemento da lei ficou conxelado tras o fracaso da transferencia do tráfico en 2010
A vontade política do Executivo de socialistas e nacionalistas pasaba por que o primeiro fito para o despregamento da Policía Galega fose a consecución dunha das competencias máis tanxibles para a cidadanía na súa relación coas forzas de seguridade: o control do tráfico interurbano que exerce a Garda Civil. Así, meses despois da aprobación da lei o Parlamento daba luz verde por unanimidade a un novo texto legal que, enviado ao Congreso dos Deputados, solicitaba o traspaso das competencias. Esa petición non chegou a debaterse na Cámara Baixa ata setembro de 2010 e a delegación parlamentaria composta por Xoaquín Fernández Leiceaga (PSdeG), Anxo Quintana (BNG) e mais por Pedro Puy, representando o PP que volvía gobernar Galicia dende 2009, regresou cun sonoro fracaso. O PSOE non atendeu a petición do PSdeG e votou en contra e o PP optou pola abstención aínda que, co xogo de forzas existente naquela altura, se votase a prol a proposición aprobaríase. Non era o momento, dixeron.
A Unidade de Policía Adscrita
Como antes do fracaso daquela transferencia que, a efectos prácticos, supuxo a conxelación indefinida da Lei de Policía, a única competencia policial coa que conta o Goberno galego está restrinxida á Unidade de Policía Adscrita (UPA). Son axentes da Policía Nacional que exercen funcións ligadas á Administración autonómica a partir dun acordo do Goberno de Fraga en 1991 co Executivo estatal, na altura dirixido por Felipe González, e que foi renovado sucesivamente.
A UPA foi creada en 1991 mediante un acordo co Goberno de España e coa intención declarada de "complementar, non substituír" as forzas estatais
O que o daquela ministro do Interior, José Luis Corcuera, definira como un exemplo de "economía, áxil asunción de competencias e fluída colaboración" e que Fraga presentara como unha vía para "complementar e non substituír" a Policía Nacional e Garda Civil é na actualidade unha unidade con algo máis de 400 axentes cuxa actuación se restrinxe fundamentalmente a áreas de competencia da propia Xunta, sobre todo as ligadas ao medio ambiente, os incendios forestais, o control de actividades como o marisqueo ou das agresións ao patrimonio histórico. Exerce ademais funcións de protección de vítimas de violencia machista e de control de edificios oficiais da Xunta.
Coa Lei de Policía politicamente aparcada a única reivindicación do actual Goberno neste ámbito vén sendo o incremento de efectivos da UPA ata a contorna dos 500. Neste sentido, nunha recente resposta parlamentaria a Vicepresidencia do Goberno galego, que ten competencias directas sobre a UPA, cre necesario "salientar que foi co Goberno de Alberto Núñez Feijóo na Xunta e con Mariano Rajoy no Goberno de España cando se materializou o incremento de 140 efectivos" entre 2012 e 2013, mentres que "durante a época do bipartito na Xunta e do Goberno de José Luis Rodríguez Zapatero en España" isto non sucedeu. En verbas de Feijóo a UPA é un "logro do autogoberno", mais tamén unha mostra de que Galicia "é unha comunidade que quere ser útil ao Estado".