Feijóo garante que o conflito catalán “non ocorrerá nunca en Galicia”, da que rexeita que sexa unha nación

O presidente Feijóo na rolda de prensa posterior á reunión do seu Goberno este xoves Dominio Público Xunta de Galicia

O presidente di que a aprobación do referendo é “o máis grave despois do 23-F” e que Galicia é unha nacionalidade histórica “porque o decidimos todos os españois hai tempo”

O inicio este mércores no Parlament de Catalunya do proceso para a convocatoria dun referéndum o vindeiro 1 de outubro sobre a independencia é para o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, “o máis grave despois do 23-F” e garantiu que “non ocorrerá nunca en Galicia”. Para o presidente, Galicia non é unha nación senón unha nacionalidade histórica, ao mesmo nivel que Cataluña e Euskadi, porque así o decidiron “todos os españois hai tempo”.

Feijóo foi preguntado este xoves, na rolda de prensa posterior á primeira reunión do seu Goberno despois das vacacións de verán, pola situación en Cataluña. O presidente equiparouna co golpe de estado de 1981 e indicou que, ao igual que daquela, será superada. “Avergóñanos”, dixo, tras cualificar de “fóra da lei” a votación do parlamento catalán que aprobou as denominadas leis para o referéndum e  de transitoriedade, que presentou como o paso final cara o “totalitarismo”.

Feijóo acusa a Sánchez de "inventar unha constitución" e asegura que Galicia sempre estará ao mesmo nivel que Cataluña e Euskadi

Feijóo dixo “garantir” que a situación de Cataluña “non ocorrerá nunca en Galicia” e foi preguntado polas declaracións do secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez, nas que considera que ademais de España no Estado son tamén nación Galicia, Cataluña e Euskadi. Para o presidente galego Sánchez “inventa unha constitución” e decide facelo “na semana na que hai o maior ataque ao Estados das autonomías e á unidade de España”. Feijóo dixo que “Galicia é unha nacionalidade histórica” como Cataluña e Euscadi, como se reflicte na actual Constitución de 1978, “porque o decidimos todos os españois hai tempo”, e asegurou que sempre estará ao mesmo nivel que as outras dúas.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.