O presidente e os portavoces de PSdeG e BNG eluden, nun debate no Parlamento, un documento de hai sete días no que os letrados da Cámara se amosan críticos coa vía xudicial pero salientan que hai “outras vías” de “impulso político”
As vías xurídicas son moi limitadas e Feijóo non quere tomar medidas políticas. Esa é a situación en que se atopa a petición unánime do Parlamento de Galicia para que a autoestrada AP-9 pase a ser autonómica. Unhas vías xurídicas que serían limitadas segundo un informe que elaboraron ao respecto os letrados da Cámara galega e que segundo varias fontes todos os grupos parlamentarios teñen desde o pasado luns. Porén, este mércores, nun debate sobre esa cuestión entre Feijóo e os portavoces de PSdeG e BNG, Xoaquín Fernández Leiceaga e Ana Pontón, ningún dos tres mencionou dito documento e o presidente mesmo se remitiu ao que puidera dicir no futuro malia que xa está rematado.
A petición unánime do Parlamento de Galicia para que a titularidade da AP-9 pase de Fomento á Xunta non se pode nin sequera debater no Congreso dos Deputados porque a presidenta deste, Ana Pastor, aceptou sen avaliar a exactitude do seu contido un veto realizado polo Goberno central, como lle permite a Constitución. A Mesa do Parlamento galego, controlada polo PP, decidiu pedir un informe aos letrados da Cámara sobre as posibilidades xurídicas de recorrer ese veto, e ese documento, ao que tivo acceso Praza Pública, xa está rematado. Ten data de hai unha semana, do mércores día 20 de setembro, e está asinado por cinco letrados. Nel se achega unha visión moi pesimista das posibilidades xurídicas de levantar o veto por parte do Parlamento de Galicia. E malia que os catro grupos parlamentarios contan con el polo menos desde o luns, Feijóo, Leiceaga e Pontón evitaron mencionalo no seu debate deste mércores, no que o primeiro fiou o futuro da transferencia da AP-9 ao que diga ese documento xa rematado. O informe supón un revés para as teses do BNG, pero tanto Pontón como Leiceaga propuxeron outras saídas políticas que Feijóo tamén obviou.
Malia que os políticos lle preguntaban aos xuristas polas vías xurídicas, estes comezan respondéndolles aos políticos que sempre poden facer política
O propio informe dos letrados do parlamento comeza cunha primeira consideración na que salienta que hai “outras vías” que “posibilitan a manifestación da vontade” da Cámara galega en contra da decisión tomada pola Mesa do Congreso de aceptar o veto do Goberno, malia que matiza a continuación que esas outras vías “carecen de efectos xurídicos por manterse no ámbito do impulso político”. Isto é, malia que os políticos lle preguntaban aos xuristas polas vías xurídicas, estes comezan respondéndolles aos políticos que sempre poden facer política.
Páxinas do informe redactado polos Servizos Xurídicos do Parlamento
O documento continúa avaliando e amosando a súa pouca esperanza polo futuro de diversas vías xurídicas posibles. Por un lado, o Parlamento de Galicia como tal non ten marxe de manobra para avanzar pola vía xudicial contra o Congreso dos Deputados. O informe tamén dubida de que o Constitucional chegase a admitir a trámite un posible recurso de amparo que presentasen so deputados do Parlamento de Galicia, e argumenta que só os do propio Congreso poderían recorrer contra esa Cámara por obstaculizar o seu traballo. Pero incluso asumindo que os deputados autonómicos o fixesen, o documento salienta que os servizos xurídicos do Parlamento de Galicia non poderían asistilos xa que só traballan para a Cámara ou os seus órganos como tales.
Feijóo xa dixo que a transferencia non é unha prioridade para o seu Goberno malia prometela nas eleccións de hai un ano e deixa a decisión en mans do Parlamento
Por último, o informe xurídico lembra que existe a posibilidade de que a Xunta como goberno autonómico, e non xa o Parlamento, presente un conflito de competencias ante o Constitucional. Pero ata o momento a postura de Feijóo é a de que a iniciativa para pedir a transferencia é do Parlamento e que é este o que ten que decidir os pasos a dar. Canto ao papel do seu Goberno, e malia prometelo nas eleccións autonómicas de hai xusto un ano, o presidente xa dixo en varias ocasións que esa non é a súa prioridade.