0 Gardados para despois

En Marea forza que a Mesa do Congreso reconsidere o segundo veto á lei do traspaso da AP-9

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


O pasado 14 de setembro a presidenta do Congreso dos Deputados, Ana Pastor, puña a súa sinatura no último trámite do segundo veto á lei que, aprobada pola unanimidade do Parlamento de Galicia, reclama a transferencia á Xunta das competencias sobre a Autoestrada do Atlántico. A Mesa da Cámara Baixa, o seu órgano reitor, avalaba así os argumentos do informe do Goberno de España que, inzado de erros legais e de axuste legal, defende que a norma galega non pode ser tramitada por ter impacto nos Orzamentos Xerais do Estado, o que lle permitiría paralizala en virtude do artigo 134.6 da Constitución. Este órgano parlamentario vaise ver forzado a reconsiderar a súa decisión por mor dun trámite lanzado este xoves por En Marea.

Os cinco representantes da coalición no Congreso veñen de rexistrar un escrito na súa calidade de membros do grupo que encabeza Unidos Podemos para apelar ao artigo do Regulamento da Cámara que permite instar formalmente a Mesa á "reconsideración" do veto dunha iniciativa determinada. O documento de En Marea advirte de que o órgano que encabeza Pastor deu por bo un veto que non está apoiado en razóns "obxectivas e suficientes" e que, ademais, non se axusta á previsión constitucional, toda vez que a lei da AP-9 non impacta nos Orzamentos do Estado do ano en curso nin en ningunha partida concreta.

Os letrados do Congreso advertiron o Goberno de Rajoy de que non ten "un dereito de veto ilimitado" sobre as leis

Non en van, resaltan, nin sequera o propio gabinete de Mariano Rajoy "identifica" a que parte do seu orzamento afectaría a lei galega. Isto sucede, salientan, nun contexto no que o Congreso non pode aceptar "o uso indiscriminado da facultade de veto por parte do Goberno" porque, ademais de "impedir que as Cámaras autonómicas exerzan" a súa potestade de enviar leis, "vulnera tamén os dereitos fundamentais" dos membros do propio lexislativo español, ao "impedirlles a posibilidade de debater a proposición de lei remitida polo Parlamento de Galicia".

Díaz: "Vulneran o autogoberno galego, pero tamén a Constitución que tanto defenden"

Ao ser solicitado formalmente a Mesa terá que consultar a Xunta de Portavoces do Congreso e acto seguido tomar unha decisión definitiva sobre a proposición chegada dende Galicia na que, en última instancia, pesará a maioría de PP e Ciudadanos neste órgano. Sobre este trámite pairarán dous duros informes dos letrados do propio congreso que, asinados pola súa máxima responsable, Paloma Martínez, advertían ao Goberno de España de que non ten "un dereito de veto ilimitado que poida cercenar a iniciativa lexislativa do Congreso". Como adiantou Praza.gal, os letrados advertían de que o veto gobernamental á tramitación das leis debe ser un recurso "excepcional", xa que en caso contrario ten un "impacto radical" na separación de poderes entre lexislativo e executivo.

A xuízo da voceira de En Marea no Congreso, Yolanda Díaz, "o Goberno español está empregando fraudulentamente" este mecanismo e, por outra banda, "amosando a irrelevancia de Feijóo" neste "claro desplante do Goberno de Rajoy á Xunta". O PP, lamenta, está "vulnerando o autogoberno do noso país" co freo a "unha iniciativa aprobada por unanimidade", pero tamén a "vulnerar a Constitución que tanto defenden, os dereitos das deputadas e deputados e o dereito a debater". "Instamos á Mesa a reconsiderar a decisión" e, do contrario, a formación explorará outras vías "administrativas e legais", afirma.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Feijóo reprocha a Pontón que non falase do informe sobre a AP-9 que tamén el obviou

D.R.

O mércores, nun debate no Parlamento de Galicia sobre o bloqueo da transferencia a Galicia da AP-9, o presidente Feijóo remitiuse ao que puidese dicir un informe ao respecto dos letrados da Cámara. Ese informe estaba rematado desde unha semana antes, pero no debate foi obviado, como se aínda non existise, tanto por Feijóo como polos portavoces de PSdeG e BNG, Xoaquín Fernández Leiceaga e Ana Pontón. Porén, este xoves Feijóo reprochou a Pontón que non o citase malia que tampouco el o fixo.

“Se no Parlamento non falamos en serio, é moi difícil que nos tomen en serio na rúa”, chegou a dicir Feijóo, obviando que el mesmo obviou información relevante na súa propia intervención parlamentaria.

O informe elaborado polos servizos xurídicos do Parlamento, que salienta a posibilidade de “outras vías políticas” ás que Feijóo vén renunciando, é moi pesimista sobre as  vías legais existentes para levantar o veto ao debate. Entre outras cuestións, non ven percorrido para un recurso de inconstitucionalidade, como reclamou o BNG.

Ese informe era coñecido por todos os grupos parlamentarios cando o mércores Pontón volveu pedirlle a Feijóo o recurso de inconstitucionalidade. Pero ningún dos dous mencionou a existencia do documento no seu debate. Porén, este xoves,  constatada a existencia do documento, e preguntado polas posibles vías xurídicas a seguir a partir del, Feijóo censurou que “onte todos debiamos coñecelo”, e reprochou a Pontón que insistise no recurso de inconstitucionalidade malia que o informe non o considera viable. “Se no Parlamento non falamos en serio, é moi difícil que nos tomen en serio na rúa”, chegou a dicir Feijóo, obviando que el mesmo obviou información relevante na súa propia intervención parlamentaria.

Sobre o fondo da cuestión, Feijóo tamén se amosou pesimista sobre outra das posibles vías legais suxeridas no informe dos letrados do Parlamento, a posibilidade de que o Goberno galego formule un conflito de competencias. Segundo o presidente, os servizos xurídicos da Xunta analizarán esa posibilidade pero “non coñecemos conflitos de competencias similares que prosperaran”.