Puertos e Xunta recúan e renuncian a parte do proxecto inmobiliario no peirao da Coruña

Alberto Núñez Feijóo e José Llorca © Xunta

A Autoridade Portuaria da Coruña renuncia á maior parte do seu proxecto de venda dos peiraos da cidade para construír neles vivendas, hoteis e centros comerciais. Así o anunciaron este martes José Llorca -presidente de Puertos del Estado- e Alberto Núñez Feijoo, presidente da Xunta, tras unha xuntanza que mantiveron na cidade herculina. Núñez Feijoo e Llorca fixéron público un acordo, co que non contaron co Concello da Coruña, mediante o que o Porto non venderá nin a Solana nin os terreos de Batería e Calvo Sotelo. Só manteñen aberta a posibilidade de privatizar o espazo de San Diego, onde o proxecto orixinal prevía construír catro mil vivendas. Precisamente o espazo que o convenio orixinal de 2004 prevía vender con máis beneficios (entre 85 e 250 millóns naquela estimación inicial, hoxe imposible de cumprir).

Xunta e Puertos só manteñen aberta a posibilidade de privatizar o espazo de San Diego, onde o proxecto orixinal prevía construír catro mil vivendas

Unha retirada a medias e na que, sobre todo, a Xunta e Puertos quixeron evitar que na foto saíse o Concello da Coruña. O acordo e o anuncio, a pesar de que en boa medida lle dan a razón á posición mantida no último ano polo Goberno municipal (ou quizais precisamente por iso) fíxose de costas á institución local. Xulio Ferreiro, alcalde da Coruña, destacou en primeiro lugar como "unha boa noticia" que a Xunta e o Estado "que ata agora ían malvender o litoral coruñés, dean a razón ao Concello e renuncien a​ ​especular​ ​coa​ ​Solana,​ ​Calvo​ ​Sotelo​ ​e​ ​Batería”. Con todo, Ferreiro lamentou tamén “a nova mostra de falta de lealdade institucional” por non informar previamente o Concello. Ademais, engadiu a súa preocupación sobre o que Xunta e Puertos “ocultan" e sobre o que "pretenden que pase no peirao de San Diego”.

Ferreiro cualifica como "unha boa noticia" que a Xunta e o Estado "que ata agora ían malvender o litoral coruñés, lle dean a razón ao Concello"

Ferreiro advertiu de que "non estamos dispostos a que exclúan da operación Calvo Sotelo e Batería para pacificar a situación, porque saben que teñen á cidade en contra, coa esperanza de facer negocio despois no peirao de San Diego. Non o imos permitir. A veciñanza non o vai permitir”. Ademais, criticou que Núñez Feijoo e Llorca deixaron sen aclarar outros asuntos importantes, coma a solución para a débeda da Autoridade Portuaria, o financiamento das obras do Porto Exterior ou a conexión ferroviaria con Punta Langosteira. E, igualmente, lembrou que quen ten as competencias urbanísticas que van rexer o proceso é o Concello: “Puertos del Estado e a Xunta poden conveniar o que queiran pero a realidade é que a competencia urbanística é do Concello da Coruña. Non se poden revisar os convenios de 2004 sen o Concello", dixo.

 

Cambio de posición da Xunta e Puertos

O alcalde coruñés advirte de que "non estamos dispostos a que exclúan da operación Calvo Sotelo e Batería para pacificar a situación, porque saben que teñen á cidade en contra, coa esperanza de facer negocio despois no peirao de San Diego”

No último ano Xunta e Puertos del Estado pecháranse a outras solucións para a fachada marítima da cidade que non fosen a venda da Solana e dos peiraos de Batería, Calvo Sotelo e San Diego unha vez que a súa actividade sexa definitivamente trasladada ao Porto Exterior de Punta Langosteira. O obxectivo deste proxecto inmobiliario, baseado nun convenio asinado en 2004, era facer fronte á importante débeda que presenta a Autoridade Portuaria da Coruña, por mor da construción -precisamente- da nova infraestrutura, unha débeda da que o Estado non se quere facer responsable. Os plans da Autoridade Portuaria foran rexeitados polo Concello da Coruña e por unha parte importante dos habitantes da cidade, que hai uns meses se manifestaron reivindicando o carácter público dos terreos da fachada marítima. Tamén o pleno municipal aprobou varias mocións (co apoio de todos os grupos agás do PP) reclamando a revisión do convenio do 2004 e o aproveitamento dos peiraos para usos distintos.

En varias ocasións o PP quedou só na defensa da venda dos terreos e tanto na Coruña coma no Parlamento galego fixo seus os mesmos argumentos defendidos pola Autoridade Portuaria

En varias ocasións o PP quedou só na defensa da venda dos terreos e tanto na Coruña coma no pleno do Parlamento galego fixo seus os mesmos argumentos defendidos pola Autoridade Portuaria. O 23 de decembro, o Consello de Administración do ente público aprobou -cos votos a favor das tres representantes da Xunta, entre elas a conselleira Beatriz Mato- a venda dos terreos da Solana e do Hotel Finisterre. E en xaneiro a conselleira Rosa Quintana defendeu a privatización dos peiraos sinalando que "a Autoridade Portuaria ten unha responsabilidade: a de buscar a mellor opción de xestión dos seus peiraos e dos espazos da súa propiedade. Ese obxectivo é irrenunciable". "Hai dous anos dicían que o único que queriamos era entorpecer, e agora resulta que levabamos a razón. Era evidente que a tiñamos. A razón acaba poñéndose do lado de quen a ten”, lembrou este martes Xulio Ferreiro.

Porén, os populares veñen de cambiar radicalmente de posición e este martes Alberto Núñez Feijóo anunciou que "os peiraos de Calvo Sotelo e Batería seguirán formando parte do patrimonio público de todos os coruñeses para dedicalos a facer máis cidade”. O presidente da Xunta afirmou tamén que o espazo que ocupa o complexo deportivo da Solana non se venderán, seguirán sendo de propiedade pública, manténdose deste xeito "o seu status actual". Feijoo comunicou que "nas vindeiras semanas se concretará o contido e alcance deste acordo" Porén, afirmou que os terreos non serían devoltos á cidade da Coruña, senón que seguirán en mans da Autoridade Portuaria.

Xunta e Puertos renuncian á venda da Solana. O Hotel Finisterre entraría nunha poxa

Quedaría pendente dunha decisión definitiva o peirao de San Diego, cuxa concesión caduca en 2020, sobre o que a Xunta afirma, con escasa concreción, que se "avaliarán as súa posibles utilidades" para ver se coa súa venda se poderían obter recursos suficientes para facer fronte á débeda da Autoridade Portuaria. Este martes coñeceuse que a auditoría das contas de 2016 de Puertos del Estado ve "incerteza" no futuro do crédito que concedeu hai seis anos á Autoridade Portuaria coruñesa, uns 200 millóns que euros que o Porto da Coruña debe reingresar a partir de 2021. O Hotel Finisterre, anexo á Solana, si sairía á venda, nunha poxa para a que xa hai unha primeira oferta por parte do seu actual arrendatario. Feijoo engadiu que "no presente e no futuro da Coruña, segue sendo clave o seu porto interior, que seguirá tendo un papel protagonista no desenvolvemento económico e social da Coruña".

O presidente de Puertos del Estado, José Llorca, que non compareceu ante os medios trala xuntanza, reunirase o vindeiro 24 de outubro co alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, nunha xuntanza que foi moitas veces adiada por Llorca, aludindo a "problemas de axenda". Uns problemas de axenda que non lle impediron manter a xuntanza desta xoves con Alberto Núñez Feijoo.

 

O proxecto inicial da Autoridade Portuaria

Llorca reunirase o vindeiro 24 de outubro co alcalde da Coruña, nunha xuntanza que foi moitas veces adiada aludindo a "problemas de axenda"

O plan inicial da Autoridade Portuaria prevía construír máis de catro mil vivendas no peirao de San Diego, con edificios de ata 10 alturas. E proxectaba novas grandes superficies comerciais nos de Calvo Sotelo e Batería, con edificios que ata 9 alturas. Fronte a iso, o Concello da Coruña propuxo primar neses espazos a creación de novas zonas verdes, dando continuidade aos Xardíns de Méndez Núñez, impulsar o sector pesqueiro e a lonxa, de xerar iniciativas económicas baseadas no mar e na "economía azul" e recuperar a vella estación de San Diego para aloxar o tren de proximidade na futura Área Metropolitana. E que este proceso fose xestionado por un Consorcio formado polas distintas administracións públicas implicadas -Concello, Xunta e Estado central-.

 

Buques operando na contorna do porto interior da Coruña CC-BY-SA Praza Pública
Vista aérea do porto da Coruña © Porto da Coruña

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.