0 Gardados para despois

As Illas Atlánticas xa suman máis turismo que en todo 2016 mentres agardan polo plan para regulalo

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


O Turismo é a partida que máis medra nos Orzamentos Xerais da Xunta para 2018 e tamén un dos eixos da política nos últimos anos do Goberno galego, que periodicamente se gaba de novos "recórds" numéricos de visitantes, tal e como vén de facer a finais de outubro para avaliar os datos de setembro. Un dos piares desta estratexia é a promoción do Parque Nacional das Illas Atlánticas, que dende que é competencia da Xunta aumentou a afluencia de turistas ata nun 70%, aluvión que o pasado verán bateu co escándalo da masificación pola sobrevenda irregular de pasaxes ás Cíes por parte das navieiras.

Con este pano de fondo a Consellería de Medio Ambiente vén de facer balance do verán, novamente en clave turística, e o certo é que ata finais de setembro xa pasaran por estes privilexiados espazos naturais máis turistas que en todo 2016. Bátese, daquela, unha nova marca mentres as illas seguen a agardar pola elaboración do seu Plan Reitor de Uso e Xestión (PRUX), un documento obrigado pola lei cuxa elaboración o Executivo de Alberto Núñez Feijóo mantivo conxelada dende o ano 2011 e que agora, tras ficar constatado o descontrol das navieiras, di estar en condicións de retomar.

Nos primeiros nove meses de 2017 pasaran polas Illas Atlánticas un 6,7% máis de turistas que en todo 2017, segundo as cifras oficiais

O departamento que dirixe Beatriz Mato aproveitou a xornada festiva do 1 de novembro para difundir a través dun comunicado as principais magnitudes das visitas ás Illas Atlánticas durante os meses de verán e bosquexar, ademais, o total acumulado no que vai de ano. Como adoito, Medio Ambiente non dá acceso a unha base de datos aberta, reutilizable e comparable co histórico acumulado e as aproximacións de illas como Cortegada non cadran coa suma total. No entanto, os números que avanza na nota divulgada si permiten tirar algunhas conclusións, como que o rexistro de visitas legais de xaneiro a finais de setembro a todo o arquipélago chegou ás 427.610 persoas, isto é, un 6,7% máis que en todo 2016, ano no que tras rachar a barreira dos 400.000 turistas a conselleira de Medio Ambiente asegurou "querer máis" afluencia.

Visitantes nas Cíes o pasado verán / Praza Pública

O balance de Medio Ambiente, que non especifica se inclúe as visitas irregulares, reflicte un incremento do 1,5% do turismo nas Cíes de xullo a setembro

Sempre atendendo a nota difundida polo Goberno, o groso destas visitas concentrouse nos tres meses da temporada de verán -do 1 de xullo ao 30 de setembro-, con algo máis de 327.000 turistas que supoñen un incremento próximo ao 2,5% interanual. O maior avance, segundo estes datos, non se produciu nas Illas Cíes senón nas Ons, cun 7,55% máis que no verán anterior. Foi precisamente a Ons onde as navieiras comezaron a desviar tráfico no momento en que transcendeu que estaban a transgredir sistematicamente as normas que impiden desembarcar nas Cíes máis de 2.200 persoas por xornada ás que cómpre sumar o límite de 800 acampadas no camping oficial.

Nas Cíes, non obstante, tamén aumentou o turismo -un 1,54%- nos meses do verán, aínda que Medio Ambiente non aclara se estes valores contemplan ou non as visitas alleas ao circuíto legal. En calquera caso, as propias cifras oficiais, de 216.975 persoas de comezos de xullo a finais de setembro, implicarían que viaxaron ás Cíes unha media de 2.300 persoas por día. Máis, daquela, das autorizadas polos límites vixentes.

O plan que non dá chegado

Presentación do PRUX do Parque das Illas Atlánticas elaborada pola Xunta en 2011

Con este pano de fondo a propia conselleira Mato asegurou hai poucos días estar a "ultimar" o PRUX do Parque das Illas Atlánticas "coa fin de acadar o maior consenso posible para que sexa un plan respectado por todos", sinalou no Parlamento. Como informou este diario, atendendo á lei que converteu o arquipélago en Parque Nacional, o documento para fixar as súas normas de uso e xestión tería que estar en vigor dende o ano 2003. Mentres foi responsabilidade estatal o Goberno de España ignorou este prazo legal e o mesmo sucedeu na Xunta a partir de 2008, cando asumiu as competencias deste espazo.

O Plan Reitor das Illas Atlánticas tería, atendendo á lei, que estar en vigor dende o ano 2003

En 2011, non obstante, a Xunta chegou a ter unha versión completa do PRUX, con medidas específicas como limitar as visitas ás Cíes ata un máximo de 1.800 persoas diarias e tamén nas ons, con 1.200 por xornada. As limitacións do plan transcendían ao eido turístico e internábanse noutro non menos sensible, o pesqueiro, no que as protestas contra os plans do Goberno galego acabaron logrando o seu adiamento indefinido. Así o viña admitir o pasado setembro, seis anos despois, o propio Núñez Feijóo: "Témolo que aprobar, pero non é doado, porque nos temos que poñer de acodo con mariñeiros, pescadores, distingos departamentos autonómicos...", reflexionou durante unha visita a Vigo.

Neste contexto, a vindeira semana o PPdeG defenderá no Parlamento unha proposición non de lei -non vinculante para o Goberno- no que bota man das devanditas declaracións de Beatriz Mato para "instar" a Xunta a "acometer neste ano a elaboración dos plans reitores" tanto do Parque das Illas Atlánticas como dos outros seis parques naturais de competencia autonómica. Esta petición, resaltan, "concorda co defendido no programa electoral" co que a formación conservadora concorreu ás eleccións de 2016.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.