0 Gardados para despois

Lores envía a Feijóo un libro con testemuños da violencia machista para que "entenda algo máis o problema"

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


O presidente da Xunta dixo este xoves "supoñer" que a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, non culpa a Xunta de "incentivar a violencia machista". Fíxoo tras negar que tivese "ningún interese" en "molestar" a voceira do Bloque durante a sesión de control no Parlamento na que, vinte e catro horas antes, cuestionara se a líder nacionalista e por extensión, a formación que encabeza, está "no bando dos asesinos e maltratadores" ou, pola contra "no das mulleres". A controvertida escolla formulada por Feijóo foi respondida por Pontón cunha protesta verbal e mais cunha petición formal de amparo á Presidencia do Parlamento e este venres tamén deu en lle responder un dos principais referentes institucionais do BNG, o alcalde de Pontevedra, que remitiu ao presidente un libro con testemuños de mulleres que foron vítimas de violencia de xénero para procurar que o popular "entenda algo máis o problema".

O libro enviado ao titular da Xunta por Miguel Anxo Fernández Lores é Invisibles, de Montse Fajardo, cuxa edición "guía" os actos do consistorio pontevedrés co gallo do Día contra a Violencia Machista. O traballo, di Lores ao presidente nunha carta coa que acompañou o libro, "recolle o relato de sete casos de maltrato con consecuencias diferentes, pero que reflicten a situación real que se está a vivir" e a necesidade da "loita contra a violencia machista", que "é fundamental" para o BNG "ben sexa no traballo político, ben nas responsabilidades institucionais". "Dígollo -sinala- en relación á intervención que realizou esta semana" e que "lamento" por "cuestionar o compromiso do BNG" neste ámbito.

O alcalde de Pontevedra agarda que a lectura de 'Invisibles' provoque no presidente "unha reflexión profunda" e "avancemos cara a unha sociedade menos cruel e violenta"

Os casos recollidos no libro, sinala Lores, son só "exemplos", pero "ben poderían ser outros, porque tristemente hai moito onde escoller". Neste sentido, o alcalde pontevedrés ve "evidente" que "para avanzar na erradicación desta lacra precísase que a dotación orzamentaria será acorde á gravidade do problema", como sinalou Pontón no devandito debate, e "estará co BNG en que as cousas non van ben". "Agardo que a lectura" de Invisibles "provoque en vostede unha reflexión profunda e avancemos como se merece Galiza cara a unha sociedade menos cruel e violenta" xa que "sería o que merecemos os galegos e galegas", conclúe a carta.

O PP culpa o resto de forzas de "rachar o consenso" 

Tellado mantén que "non lle gustaría" ver ao PP "criticar unha campaña para rematar coa violencia machista" despois de que o propio partido cargase contra a iniciativa 'En negro contra as violencias machistas'

A carta de Lores foi enviada na mesma xornada en que, tras o tenso pleno do Parlamento, o PPdeG deu en interpretar que en Galicia o consenso en torno á violencia de xénero foi "rachado", pero por culpa de En Marea, PSdeG e BNG. Apenas vinte e catro horas despois de que o propio Feijóo asegurase estar "ao lado" das forzas da esquerda no combate das agresións de xénero, o seu número dous no partido, o secretario xeral Miguel Tellado, compareceu en rolda de prensa xunto á secretaria xeral de Igualdade da Xunta, Susana López Abella, para asegurar que "a oposición rachou o consenso contra a violencia machista para tentar desgastar o Goberno".

Co pano de fondo das críticas das forzas da esquerda -pero tamén de colectivos feministas-, á campaña do Goberno galego para este 25 de novembro baixo o lema O máis grande de Galicia non se maltrata, Tellado acusounas de "utilizar" a súa "potencia mediática" para ir "contra os partidos ou contra as institucións" no canto de "ir contra os que maltratan". "Pode haber campañas que lles poidan que lles poidan gustar máis ou menos" pero a el, asegura Tellado, "non lle gustaría ver como o seu partido critica unha campaña que busca, coa mellor das intencións, rematar coa violencia machista". As acusacións chegan apenas dous días despois de que, tamén no Parlamento, a vicevoceira dos populares, Paula Prado, cargara con dureza contra a campaña En negro contra as violencias machistas, que impulsa o Concello de Santiago e á que se uniron 75 gobernos locais de todo o país, algúns deles tamén do PP.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.