- AUDIO | Audasa sobre o obreiro falecido en Rande en xullo: “Investígase se foi unha caída... provocada”
- HEMEROTECA | Morre un traballador ao caer na obra da ponte de Rande, onde a CIG denunciou “explotación laboral”
Se as obras de ampliación da ponte de Rande entran en servizo antes de fin de mes, Audasa poderá subir a partir de xaneiro as súas peaxes en toda a autoestrada preto dun 4%. Polo contrario, se os traballos se demoran, a suba será só dun 3% e ese 1% a maiores ligado á ampliación só comezaría a cobrarse un ano máis tarde, en 2019. Ese pano de fondo é o que paira sobre as reiteradas acusacións dos sindicatos sobre o que consideran présas por parte da concesionaria que ao seu ver afectan á seguridade. Nese contexto, a pasada noite un obreiro feriuse nun pé traballando no alto dun dos piares da ponte, sinistro que se produce cinco meses despois do falecemento doutro traballador.
Hai tres días Feijóo amosouse “convencido” de que se cumpre coa seguridade tras arder un dos tirantes do viaduto e lamentou a morte hai cinco meses doutro operario
O interese de Audasa por abrir a obra canto antes fai que os traballos continúen de noite e nas fins de semana, segundo a CIG con excesos nas xornadas laborais. A pasada semana, na noite do mércores ao xoves, ardeu un dos novos tirantes instalados para sustentar as plataformas exteriores da ampliación de carrís. O xoves o presidente Feijóo foi preguntado por esa cuestión e pola posible falta de seguridade da obra. “Estou convencido de que se cumpren os protocolos de seguridade, téñense que cumprir porque a inspección de traballo senón levantaría unha acta e sancionaría no seu caso ás empresas que están executando esa ponte, polo tanto imos ser prudentes e asumir que non é nada doado ampliar unha ponte como esa”, dixo.
Audasa descarta que os sinistros vaian supor unha demora para o seu obxectivo de abrir a ponte antes do 1 de xaneiro
O presidente comezou lamentando a morte hai uns meses dun obreiro, e a continuación centrou a súa argumentación na complexidade técnica dos traballos de ampliación. “É unha obra ao borde da técnica”, dixo” na que “é moi difícil manter o tráfico e ampliar a ponte” ao mesmo tempo. Feijóo salientou que “compatibilizar” o tráfico coas obras de ampliación implica “dificultades” pero que do contrario, se se pechase a ponte durante os traballos, “deixábamos a Vigo sen conectividade”.
Posteriormente, o venres Radio Vigo relatou os temores dos traballadores pola seguridade da proba de carga que aínda está pendente de facerse na ponte antes da apertura ao tráfico dos seus carrís exteriores. Este luns o presidente de Itinere, matriz de Audasa, Pedro Pérez, pronunciouse nun acto en Vigo sobre o accidente do obreiro e o incendio do tirante. O responsable da empresa descartou que eses sinistros vaian supor unha demora para o seu obxectivo de abrir a ponte antes do 1 de xaneiro.