Xunta e Goberno central sabían dende xuño que o xacemento paleolítico de Vilalba estaba á venda

Vista do acubillo de Pena Grande Dominio Público A.C. Cultura do País

A peripecia da poxa do xacemento paleolítico de Pena Grande, o considerado como máis importante de Galicia, acabou ben. Á terceira, pero acabou ben. Como avanzou Praza.gal, o predio no que se atopa este relevante vestixio prehistórico foi excluído do procedemento de venda no que o Ministerio de Facenda o incluíra por terceira vez. Fíxoo no medio da contestación política e social e despois de que o propio ministro, Cristóbal Montoro, fose advertido por Miguel Anxo Fernán-Vello, deputado lucense de En Marea, de que o seu departamento estaba a poxar unha xoia arqueolóxica como se fose unha leira ordinaria. A aparente sorpresa do ministro chegou, non obstante, case seis meses despois de que, cando menos, un departamento de cada goberno soubese que esta non era unha leira máis, senón que contiña un xacemento.

O pasado 6 de xuño o Servizo de Patrimonio Cultural da Xunta "comunicou" a Facenda que no predio que xa tentara vender dúas veces existían "dous xacementos arqueolóxicos"

O Boletín Oficial do Estado publicou o pasado 19 de decembro a orde coa que o día 13 dese mesmo mes o delegado de Economía e Facenda en Lugo, Luis Jácome, excluíu formalmente o xacemento da poxa do día 15. Ese breve documento traduce á linguaxe administrativa a decisión política e serve, tamén, para coñecer o percorrido do xacemento polos camiños burocráticos. Así, o que era o resultado de xuntar terras de propiedade descoñecida procedentes da concentración parcelaria na parroquia vilalbesa de Santaballa foi obxecto dun expediente de venda en agosto de 2016 cunha taxación inicial de 10.776 euros. Como relatou este diario, a leira saíu a poxa en dúas ocasións e en ambas o proceso quedou deserto.

Poucos días antes da segunda poxa, o 6 de xuño deste ano, chegou a advertencia de que na parcela 146 do polígono 1 da parcelaria de Santaballa, de 35.000 metros cadrados, se atopaba o acubillo de Pena Grande. Tal e como recolle a orde de exclusión da poxa, nesa xornada "o Servizo de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia comunicou á Sección de Patrimonio do Estado" da Delegación de Facenda en Lugo "a existencia de dous xacementos arqueolóxicos no predio". Concretamente, do devandito acubillo de Pena Grande e mais doutro ben que se atopa "no Rexistro de Xacementos Arqueolóxcios" da Xunta, "en fase de estudo para determinar se é un petróglifo" e, nese caso, ser declarado Ben de Interese Cultural.

O terreo no que se atopa o acubillo de Pena Grande, destacado en azul na cartografía do Catastro

Malia saber da existencia do xacemento, Facenda non parou a poxa ata que chegou a mobilización social e política

A propia orde amosa ás claras que o coñecemento da existencia do xacemento arqueolóxico en ambas Administracións non mudou os plans nin provocou ningún movemento burocrático nin político. Así, a propiedade foi incluída na terceira poxa cun prezo de saída algo inferior a 8.000 euros, constata a orde. Foi neste punto cando chegaron as protestas políticas en Galicia -con alertas de En Marea, PSdeG e BNG no ámbito local e galego-, a campaña da asociación lucense Cultura do País para tentar mercar o xacemento -o colectivo está a devolver os fondos recadados- se finalmente era poxado e tamén as asembleas das organizacións culturais vilalbesas. Neses días produciuse tamén a conversa de Fernán-Vello e Montoro, que resultou determinante para a mudanza final.

O Ministerio "desistiu" da venda para "colaborar na protección do patrimonio cultural de Galicia" e cédeo de balde ao Concello de Vilalba

Todos estes acontecementos son referidos na orde de desistimento da venda cunha linguaxe aséptica. "Púxose de manifesto a conveniencia de manter o inmoble no patrimonio da Administración Xeral do Estado" para "ofrecer a súa cesión gratuíta ás Administracións competentes na prospección e conservación de elementos con valor arqueolóxico por se fose do seu interese". Este, debulla a orde, é un suposto no que "causas sobrevidas" fan "necesario destinar o ben" que se puxera á venda "ao cumprimento de fins públicos", neste caso "colaborar na protección e conservación do patrimonio cultural de Galicia". A Administración receptora será, previsiblemente, o Concello de Vilalba.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.