O pleno da Coruña aprobou este venres, de forma inicial, os orzamentos de 2018 que ascenden a 246,8 millóns de euros. As contas entran agora en fase de exposición pública antes da resolución de alegacións e da aprobación definitiva. De seguir o carreiro previsto, entrarán en vigor dentro dun mes logo de que os votos a favor da Marea Atlántica e do PSOE lles desen o visto e prace, coa abstención do BNG e co voto en contra do PP.
A Coruña convértese na terceira cidade de Galicia cos orzamentos de 2018 aprobados, logo de Vigo e Pontevedra
Esta aceptación inicial dos orzamentos converte A Coruña na terceira cidade de Galicia coas contas aprobadas, logo de que o pleno de Vigo as aprobase xa de forma definitiva nesta mesma semana e de que Pontevedra o fixese de forma tamén inicial hai quince días. Ademais, en Santiago o goberno local xa anunciou que ten previsto darlles o visto e prace a principios do vindeiro mes de xaneiro grazas á abstención ou apoio do PSOE e mais ao BNG, que xa anunciou que non "dificultará" a aprobación. Catro das sete urbes teñen o presuposto aprobado ou a piques de facelo.
Xa que logo, quedarían pendentes os presupostos de Lugo, a expensas só dos prazos tras a perda da cuestión de confianza por parte da alcaldesa; Ferrol, cuxo alcalde non descarta a mesma fórmula para desencallar o bloqueo; e Ourense, cuxo goberno xestiona a cidade cuns orzamentnos prorrogados desde 2014 ao non dar aprobado ningúns desde que o PP recuperara a alcaldía. É o cuarto ano consecutivo que comezará sen contas.
Compostela prevé aprobar as contas en xaneiro; quedarían pendentes as contas de Lugo, Ferrol e Ourense
Na cidade das Burgas, o alcalde Jesús Vázquez anunciou hai uns días que o goberno local presentará na segunda quincena de xaneiro o borrador do orzamentos para o ano 2018 aos grupos da oposición. Será un intento máis por parte do PP para aprobar unhas contas que non saíron adiante en ningunha das ocasións que o intentou no seu mandato. O rexedor xestiona Ourense coas contas prorrogadas desde hai case catro anos e faino mentres o líder do seu partido en Galicia e presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, insiste en proclamar a existencia dunha situación de "caos" na Galicia urbana, ben sexa atribuíble ás mareas, aos difíciles acordos de gobernabilidade ou ao feito de que non goberne a lista máis votada.
Nunca fai referencia Feijóo a Ourense, única cidade galega na que goberna o PP e que mantén contas prorrogadas desde 2014 ante a imposibilidade de chegar a acordos coa oposición. De feito, o presidente da Xunta aproveitou a perda da cuestión de confianza por parte da alcaldesa socialista de Lugo, Lara Méndez, para criticar a "inestabilidade" que atravesa a cidade e da que culpa ao feito de que goberne "un partido que perdeu as eleccións" e que non se "permita que goberne a lista máis votada", a do seu partido. Na urbe lucense, a dereita (PP e Ciudadanos) suma 11 edís fronte aos 14 da esquerda (PSOE, Lugonovo, BNG e ACE).
O alcalde Jesús Vázquez (PP) xestiona Ourense cos orzamentos prorrogados desde 2014
Os tres edís de Lugonovo e a abstención do resto da esquerda da corporación permitiran ao goberno local sacar adiante os orzamentos de 2016, pero en 2017 as negociacións fracasaron e, cara aos de 2018, a rexedora premeu o botón nuclear da cuestión de confianza que, como era previsible, saíu rexeitada polo pleno e abriu a posibilidade legal dunha improbable moción de censura que, de non chegar, permitirá a Méndez sacar adiante as súas segundas contas do mandato.
Como adiantara, o goberno lucense someteu ao pleno o seu proxecto orzamentario para 2018 o pasado día 21, unhas contas de 95,4 millóns de euros -un 5% máis a respecto das anteriores aprobadas- e, segundo o previsto, a oposición tombounos e a alcaldesa activou automaticamente o mecanismo da cuestión de confianza, debatida este 27 de decembro. Se, como todo semella indicar, PP, Ciudadanos, Lugonovo, BNG e ACE non dan pactado unha moción de censura, dentro dun mes as contas ficarían aprobados inicialmente.
A fórmula da cuestión de confianza non é inédita no actual mandato nas cidades galegas. Foi o recurso empregado o pasado ano polo goberno da Marea Atlántica na Coruña. Ese é tamén o mecanismo que o alcalde de Ferrol, Jorge Suárez, valora empregar para lograr aprobar as primeiras contas do mandato.
O rexedor ferrolán "esgota vías de negociación" pero medita someterse a unha cuestión de confianza para sacar adiante as contas
O rexedor ferrolán fixo balance deste ano que agora remata e afirmou que ía "esgotar vías de negociación" coa oposición nas vindeiras semanas para decidir no mes de xaneiro se se someterá ou non a unha moción de confianza. Iría, como todas elas, vinculada aos primeiros orzamentos do mandato, xa que os últimos aprobados na cidade departamental foron os de 2015. Suárez asegura que quere levar as contas a pleno "canto antes" e apañar "apoios tanto dos que nos levaron á investidura como dos que non".
Pleno municipal no Concello de Pontevedra / © Concello de Pontevedra
Xa a falta dun mes e medio para que finalizase este ano, Ferrol en Común intentou aprobar as contas de 2017, pero os votos a favor do grupo do alcalde e das dúas edís non adscritas non foron suficientes ante o rexeitamento do PP e de Ciudadanos e a abstención de BNG, PSOE e a concelleira non adscrita Esther Leira.
A cuestión de confianza tamén foi a alternativa na que pensou o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, para sacar adiante as contas ante o bloqueo do ano pasado. A abstención final da Marea evitou un mecanismo que non fixo falta nin mencionar neste ano. O pleno aprobou a mediados deste decembro de maneira inicial un orzamento de 75,1 millóns para 2018 cos únicos votos a favor do BNG e grazas á abstención, xa anunciada previamente, do PSdeG e da Marea. Ciudadanos e PP, tal e como estaba previsto, votaron en contra.
Pontevedra foi, daquela, a segunda cidade logo de Vigo en aprobar as contas, desta vez sen a polémica de anos pasados. O Bloque aceptou as emendas presentadas pola Marea e polos socialistas e asegurou así a súa abstención.
Votación nun pleno no Concello de Vigo / © Concello de Vigo
Tampouco houbo problema ningún en Vigo, onde a maioría absoluta de Abel Caballero permitiulle aprobar as contas de novo. Son, como lembrou o alcalde, "os 11º orzamentos consecutivos aprobados" na cidade. As contas saíron adiante definitivamente o pasado mércores por un total de 256,5 millóns de euros e co único voto favorable do PSOE, que presume do "marcado carácter social e investidor" dun orzamento que busca "mellorar as condicións de vida e xerar emprego".
A maioría absoluta de Caballero permitiulle sacar adiante de novo as contas; é o 11º orzamento aprobado de maneira consecutiva
Na Coruña, o proxecto de orzamento para 2018 quedou aprobado este venres cos votos a favor do grupo de goberno e co apoio do PSOE, ademais da abstención do BNG e do voto en contra do PP. Con todo, o portavoz dos socialistas, José Manuel García, foi moi crítico coas contas, dixo apoialas polo ben da cidade pero aclarou que eran "responsabilidade" da Marea Atlántica. Así, censurou a falta de ideas en canto ao emprego, a carencia dun plan de mobilidade ou as eivas da política medioambiental. O PP, obviado os problemas dos seus compañeiros en cidades como Ourense, denunciou que os presupostos chegaban "tarde".
No caso de Santiago, as contas tamén están encarreiradas. Martiño Noriega, o alcalde, xa anunciou que as conversas para lograr o apoio de PSOE e BNG son "positivas" tras case tres meses de contactos. Así, Compostela Aberta espera ter listo o borrador dos orzamentos axiña e aprobalos en xaneiro, o que suporía un"adianto" con respecto aos do ano pasado, que recibiron luz verde en febreiro, daquela co apoio do BNG e a abstención dos socialistas.