A ruptura da negociación para a venda do Centro Gallego de Bos Aires pon en risco todo o seu patrimonio histórico e cultural

Fachada principal do Centro Gallego de Bos Aires © Google

Parecía un mal menor para a delicada situación do histórico Centro Gallego de Bos Aires e a súa centenaria sede. Na asemblea extraordinaria celebrada hai un mes, os representantes dos socios acordaron autorizar o inicio das conversas para a venda do inmoble e da xestión sanitaria ao grupo formado pola entidade española Ribera Salud e a Fundación Favaloro arxentina. Sería a maneira de salvar os empregos actuais, a atención sanitaria dos asociados que aínda quedan e o importante legado histórico e artístico da institución, que inclúe 20.000 libros, importantes obras de arte, fonoteca, teatro e pezas de elevado valor simbólico. Pero nin a empresa con sede en Valencia nin a entidade bonaerense aceptaron as condicións impostas pola representación da diáspora galega e dan por rotas as conversas, o que deixa a história institución da emigración ao borde da liquidación e en grave perigo o seu importante patrimonio

Ribera Salud e Favaloro rexeitan as condicións impostas polos representantes dos emigrantes para a venda do Centro Gallego

A resposta do grupo Ribera Salud, envolto en polémicas polo seu modelo sanitario público-privado aplicado sobre todo na Comunitat Valenciana, chegou por carta o pasado luns. Nun ton duro e ameazante, Alberto de Rosa, conselleiro delegado, diríxese ao interventor do Centro Gallego para amosarlle a súa "sorpresa" polo "contido" da súa misiva, onde lle explicaba as condicións expresadas pola asemblea para aceptar o inicio da venda e que estarían, segundo di, "moi afastadas das conversas mantidas ultimamente". A resposta da Fundación Favaloro, idéntica e literal, chegou un día despois. 

Nas negociacións mantidas cos administradores do Centro Gallego -intervido polo Goberno arxentino desde hai cinco anos, cunha grave crise económica e asistencial e importantes débedas tanto a traballadores como acredores varios- Ribera Salud puxera como condición a "adquisición do inmoble, debendo negociar o importe en base ao valor en libros revisable e prazo de pago". Ademais, aclarara que o inicio da actividade debía ser "libre de cargas e débedas de todo tipo, asumindo a nova sociedade a única responsabilidade sobre a xestión realizada por esta". A cantidade prevista a pagar era de 42 millóns de euros e as negociacións durarían un mes. 

A asemblea esixiu a Ribera Salud que asumise todo o persoal e a atención dos socios e que deixase en mans dos socios o patrimonio cultural

Tras a celebración da asemblea, os seus representantes retrucaran cunha proposta pola que a compradora deberá, entre outras cousas, asumir e contratar todo o persoal actual "respectando as súas condicións laborais, remuneración, antigüidade e cargo", así como "asumir a atención a perpetuidade dos socios actuais do GGBA, que terán dereito ás mellores prestacións e cobertura sanitaria" e asegurada a súa atención médica e que pagarán a mesma cota, á marxe dos aumentos que se fixen polas institucións. 

Respecto de todo o patrimonio cultural, histórico e artístico que garda o CGBA, Ribera Salud limitárase a dicir que ía "velar" por el e "potencialo". A asemblea esixiu que a empresa compradora "outorgue gratuitamente e a perpetuidade" á asociación mutual do Centro Gallego as dependencias do Teatro Castelao, a sala de sesións, presidencia e Ramón Otero Pedrayo e "todas aquelas destinadas a preservar o patrimonio histórico e cultural" como "a pinacoteca, biblioteca e demais obras de arte". Ademais, requería que se permita o funcionamento da asociación nas instalacións, sendo esta sempre a propietaria e "quen defina no seu caso o destino definitivo" de todo o patrimonio, "non podendo trasladarse fóra da Arxentina".

Fachada principal do Centro Gallego de Bos Aires / © CGBA

En canto ao histórico inmoble, a asemblea advertira de que Ribera Salud debería "abonar o valor correspondente á cancelación de todos os pasivos actuais, futuros e/ou continxentes, debendo subrogarse as obrigas do CGBA e ocuparse da cancelación destas". Na súa resposta a esta proposta, grupo español e Favaloro "entenden" que os mutualistas "aprobaron unha posición que nada ten que ver coas conversas mantidas até a data". "Por isto, énos imposible continuar coas mesmas, o que comunicamos a través desta carta para non demorar as decisións que teñan que tomar", insisten. 

Ribera Salud lamenta "unha posición que nada ten que ver coas conversas mantidas" e comunica a ruptura das negociacións "para non demorar as decisións que teñan que tomar"

Nesas decisións a tomar albícase a posibilidade de liquidación do Centro Gallego, co que iso suporía para os traballadores, para os milleiros de socios que aínda quedan e para todo o legado histórico, artístico e cultural que posúe. Así, fontes xurídicas coñecedoras da negociación aseguran a Praza.gal que todo ese patrimonio podería acabar sendo garantía dos acredores ou pasar directamente a mans do Estado arxentino. 

As cartas enviadas por Ribera Salud e a Fundación Favaloro dan por rotas as negociacións e insinúan o difícil panorama para a máis importante institución da emigración galega no mundo. "Agradecémoslles a oportunidade de ter podido dialogar e avaliar alternativas para o Centro Gallego de Bos Aires e desexámoslles a maior das sortes para o futuro", rematan.

A sombra da liquidación sobrevoa agora o Centro Gallego, co risco que supón para o patrimonio cultural

En xogo, ademais de postos de traballo e atención médica, todo un símbolo da emigración galega, un edificio de máis de cen anos construído pola diáspora con achegas económicas durante anos e un importante patrimonio histórico e cultural. Non hai moito, o Consello da Cultura Galega (CCG) lembráballe á Xunta que protexer o legado do Centro Gallego é unha "obriga legal" e instábaa a que lle dese unha protección "análoga ao que tería de estar en Galicia". 

O CCG advertía tamén da "importantísima colección" de obras de arte, doadas por artistas e socios ou mercadas polas diferentes directivas, que inclúen obras pictóricas, estatuas, esculturas, etc. Entre os seus fondos hai obras de Castelao, Laxeiro, Viveros, Luis Aquino, Francisco Lamas, Manuel Oliveira, Demetrio Urruchua, Manuel Torres, José Solla, Samuel Mallo, Leopoldo Nóvoa García, Luís Seoane, Carlos Maside, Dolores Freixas, Manuel Escudero, Carlos Cañás, José María Moraña, Gustavo Fernández, Lorenzo Carballo, entre outros moitos. Tamén unha enorme biblioteca, unha fonoteca con voces de galeguistas históricos, un importante arquivo fotográfico ou recoñecidas instalacións. En xogo, a Casa da diáspora na Arxentina, unha historia de máis dun século que xa nunca será como foi. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.