Novas acusacións de corrupción aumentan o foco sobre o Concello de Valga, investigado xa por dietas irregulares

Casa do Concello de Valga Dominio Público Lameiro

En Marea advertiu a pasada semana da existencia dunha trama de corrupción no Concello de Valga que implicaría o seu alcalde, José María Bello Maneiro, do PP; ao secretario municipal, así como ao interventor, ambos os dous ocupando os seus cargos por acumulación, exercendo normalmente no municipio onde teñen praza e un día á semana nesta localidade pontevedresa. 

En Marea denuncia unha trama de corrupción nun concello sinalado pola investigación xudicial por presunto cobro de dietas irregulares

A denuncia, realizada en Vilagarcía polo propio voceiro de En Marea, Luís Villares, acompañado por representantes de varias candidaturas municipalistas e de EU da comarca, céntrase en numerosas presuntas irregularidades cometidas pola administración deste concello, sinalado xa por ser onde un xulgado investiga dietas presuntamente irregulares cobradas durante décadas polos edís do goberno local. A partir da apertura deste caso, foron varios os municipios onde se descubriron pagos semellantes aos postos en dúbida pola xustiza en Valga: primeiro en Outes, Curtis ou Noia e logo en Neda, Cabanas ou Porto do Son

O xulgado de primeira instancia de instrución número 1 de Caldas de Reis citara a declarar como investigados sete dos nove edís do PP na localidade pontevedresa, entre eles o seu alcalde. A maxistrada investiga un presunto delito de malversación de fondos e prevaricación polo cobro por parte dos edís de dietas pola asistencia a unhas reunións denominadas comisións de coordinación, unha peculiar figura allea aos órganos colexiados habituais, instaurada nesta localidade desde hai máis de dúas décadas. Teríanse gastado unha media de 15.000 euros anuais e un total duns 400.000 euros desde 1992 e o ex-interventor no municipio xa ratificou ante a xuíza que estes cobros estaban á marxe da lei

A formación cre que o secretario e o interventor mantéñense no posto de xeito "irregular" para que "fagan a vista gorda á actividade do alcalde"

Agora, En Marea advirte de varias irregularidades, a primeira delas o mantemento tanto do secretario, Juan Manuel Salguero, como do interventor, Juan José Vidal, nos seus postos de maneira "irregular" e "ofertando salarios moi por baixo da súa categoría para evitar que ninguén máis concorra ás dúasu prazas". Segundo a formación política, o obxectivo de manter estes funcionaros no posto non é outro que lograr "que fagan a vista gorda á activade do rexedor". 

O caso é que son xa un mínimo de catro secretarios e catro interventores os que traballaron no Concello de Valga neste mandato municipal, desde as eleccións de maio de 2015. Até oito funcionarios públicos destes postos claves pasaron cando menos polo municipio desde que o PP revalidase a súa maioría absoluta. Foron varias as mudanzas e renuncias no persoal, que coincidiron coas dúbidas que desde a oposición que exerce o PSdeG se deitaron sobre determinadas actuacións administrativas. Unha delas levou á denuncia sobre as polémicas comisións de coordinación. Agora, outras dúbidas levan a En Marea a denunciar publicamente tamén presuntas irregularidades. 

En Marea denuncia unha trama de corrupción en Valga / © En Marea

En decembro de 2016, tomaba posesión no Concello de Valga un novo secretario. Facíao tras a marcha da anterior secretaria en setembro e logo de que se anulase un proceso selectivo para o posto que foi finalmente adiado. Incorporouse así para ocupar o cargo por acumulación, exercendo normalmente no municipio onde ten praza e un día á semana nesta localidade pontevedresa. O elixido foi Juan Salguero, agora sinalado por En Marea, e un dos funcionarios incorporados ao Concello de Santiago polo goberno de Conde Roa en condicións irregulares, segundo o TSXG.

Catro secretarios e catro interventores pasaron polo Concello de Valga neste mandato municipal

En 2011 e con menos de medio ano gobernando no Concello de Santiago, o PP -con Gerardo Conde Roa na alcaldía e Ángel Espadas como responsable do seu gabinete- esforzouse en prorrogar o contrato que o consistorio tiña con Aquagest. Naqueles días Espadas explicáballes aos responsables da empresa en Galicia e Compostela que a operación estaba practicamente feita e as únicas dificultades eran que o secretario e a interventora municipal "nos están torpedeando todo" e por iso traballaron para afastalos dos seus cargos. Esa remuda levouse a cabo e logo o TSXG anulouna, ordenando "o cesamento dos nomeamentos litixiosos", naquel caso de Juan Manuel Salguero e Vicente Calvo, e a reincorporación dos anteriores funcionarios.

O secretario fora incorporado polo goberno de Conde Roa a Compostela en condicións irregulares, segundo o TSXG

Para o posto de secretario a "primeira opción" para o goberno de Conde Roa era Francisco Cacharro, fillo do ex-presidente da Deputación de Lugo, "que non quixo vir por unha cuestión persoal". "Pero traemos a outro que non é peor, eh?", sinalaba Ángel Espadas nas conversas relatadas no sumario da Pokémon. Salguero foi, logo, quen elaborou o informe clave para a absolución de sete edís do PP, que  nun principio foran condenados a nove anos de inhabilitación por prevaricación ao aprobaren o pagamento da defensa xurídica doutro edil, imputado no caso, sen atender aos requisitos legais.

Salguero elaborou o informe clave para a absolución de sete edís do PP na Pokémon

Agora, En Marea cre que a permanencia destes dous funcionarios no posto débese á necesidade por "agochar" decisións como adxudicar un contrato de reforzo administrativa a unha socia do inerventor na compañía Iglesias Lago Vilanova Asesores, unha muller que, segundo denuncian, "nunca pisou o Concello porque quen fai o traballo, mesmo dende o mostrador de atención ao público, é Luís Nieto, outro dos socios da empresa, que está xubilado". Ademais, a formación asegura que ambos os dous traballadores, con praza en Ribeira e Sanxenxo, cobran "dietas de xeito irregular". 

En Marea levará o caso á Fiscalía e ao Consello de Contas e pide a dimisión do alcalde

Así, En Marea pide a dimisión do alcalde, Bello Maneiro, e reclama explicacións ao presidente provincial do PP, Alfonso Rueda. Tamén anuncia que entegará toda a abondosa documentación que posúe sobre esta denucia á Fiscalía, ao Consello de Contas e a Inspección de Traballo. Para Luís Villares, o rexedor podería ter cometido un delito de malversación de fondos públicos e prevaricación. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.