"Se o público non funciona, a Xunta pode xustificar a privatización; esa é a súa política, tamén na Xustiza"

Pablo Valeiras, nunha manifestación CC-BY-SA Praza Pública

O persoal galego da Administración de Xustiza paralizou de novo os xulgados o pasado xoves e saíu masivamente á rúa en demanda de melloras que compensen a discriminación que din sufrir tanto no aspecto salarial coma nos seus dereitos laborais con respecto aos traballadores do resto do Estado. Cunha unidade laboral e sindical total -todas as centrais (SPJ-USO, AXG-CUT, UGT, CSIF, STAJ, CIG e CCOO) apoian as mobilizacións-, as negociacións que se mantiñan coa Xunta racharon hai máis dunha semana e a convocatoria de folga indefinida a partir do vindeiro 7 de febreiro segue vixente. Logo de días de silencio, o Goberno galego convocou o comité de folga para este mércores nun intento de chegar a un acordo que parece lonxe. Falamos con Pablo Valeiras, de Alternativas na Xustiza-CUT, voceiro da plataforma que xunta toda a representación sindical.  

Houbo algún avance coa Xunta nos últimos días?

Desde o día 25 non falara con nós nin o agardabamos. É indignante porque en moitos medios de comunicación deuse a entender que somos nós os que non queremos negociar cando a realidade era que eles non presentaran convocatoria de reunión ningunha nin nada que se lle parecese. É unha falsidade absoluta que sexamos nós os que non queremos negociar. 

"Deuse a entender que eramos nós os que non queríamos negociar e iso é unha falsidade absoluta"

A Xunta vén de convocar o comité de folga para este mércores. Que agardan desta nova reunión?

Somos bastante pesimistas con esa convocatoria porque non hai orde do día, aínda están pendentes de negociar os servizos mínimos de cara á folga e non sabemos para que é a xuntanza. Tendo en conta as declaracións constantes que escoitamos do presidente da Xunta e do propio Goberno, non temos moita esperanza.

Pediron este luns que nas negociacións estivese presente a presidenta do Consello Galego de Relacións Laborais. 

Si, presentamos un escrito coa solicitude porque foi coa súa presenza cando se avanzou algo na negociación, pero non tivemos noticia ningunha. Agora, no texto da Xunta na que nos convoca para a nova reunión tampouco aparece por ningures esa posibilidade. Non somos nada positivos. 

"Non temos moita esperanza para a xuntanza deste mércores; non somos nada positivos"

Quen decide se está presente?

Depende da Xunta. Foi a propia presidenta quen quixo mediar logo de que nas dúas primeiras xornadas de folga se producise a paralización da xustiza e ante a paralización completa dos xulgados que prevía no caso de que se oficializase a folga indefinida. Foi ela quen convocou as dúas partes e desde aquela empezamos a avanzar, pero a partir do 9 de xaneiro, a Xunta pediu tempo para ver se podía aceptar a nosa oferta e ata aí. Tan só tivemos unha xuntanza máis e listo. 

Segue enriba da mesa esa folga indefinida?

A folga indefinida, por cuestión de prazo, foi convocada o mesmo día que a última folga do 25 de xaneiro, tamén porque xa temiamos as poucas intencións da Xunta a negociar. Segue adiante, claro que si. 

"A folga indefinida prexudicaría os traballadores pero, sobre todo, a cidadanía; o prexuízo vai ser brutal"

As consecuencias, como xa advirten, poden ser moi graves. Canto?

Nós, como traballadores, imos ser moi prexudicados, tanto polos descontos que se nos apliquen como pola carga de traballo que se nos vai acumular e que teremos que sacar no futuro. Con todo, evidentemente, o gran prexudicado vai ser o cidadán de a pé. Facendo contas así por riba, habería centos de xuízos suspendidos por cada día de folga, ademais de declaracións, actos de conciliación... Ademais, cos servizos mínimos aplicados agora, tamén se verían afectados os xulgados de familia, temas de menores a non ser que sexan moi urxentes... Vaise paralizar e o prexuízo vai ser brutal nun sector que, por desgraza xa sae nos medios de comunicación pola súa lentitude... Despois dunha folga indefinida, non me quero imaxinar o que vai pasar.

"A Xunta terxiversa as cousas e insiste no tema económico, pero ese só é unha das nosas cinco reivindicacións"

A Xunta insiste e repite que é "inasumible para as arcas públicas" un aumento salarial, que cifran entre o 12% e o 16%. Que lles parece esa resposta ás súas reivindicacións?

O que demostra esa reacción é como a Xunta terxiversa as cousas. Entre as nosas reivindicacións, o tema económico só é un dos cinco puntos e non hai acordo en ningún deles. Todos, ademais, incluído o económico, están baseados na discriminación que sofren os traballadores da Administración de Xustiza en Galicia con respecto aos do resto do Estado. Por exemplo, o resto de funcionarios en España non teñen descontos por estar de baixa por enfermidades infecciosas como a gripe, o sarampelo, a hepatite, varicela... Pero nós si. Se iso non fose suficiente, no mesmo xulgado estamos discriminados neste ámbito respecto de maxistrados, fiscais e letrados xudiciais cos que traballamos diariamente. 

A Xunta mesmo emprega unha lista de territorios na que xustifica que non hai tanta diferenza salarial...

Ofrece unhas táboas económicas onde se inclúen os territorios non transferidos, todos eles dentro do territorio do Ministerio, desglosados para facer a media e terxiversar as cifras. 

Na última convocatoria de reunión asegura que chegaron a consenso en varios puntos pero vostedes insisten en que non é así. 

A Xunta pode dicir o que considere oportuno. O problema é que esta é unha reclamación coral, non hai un punto máis importante que outro. Sempre falan da reivindicación económica pero nós denunciamos cinco tipos de discriminacións que van xuntas. Falan e insisten en centrar todo no tema económico, pero iso non é o único. Por exemplo, nunca falan da discriminación sanitaria que sufrimos, algo que consideramos gravísimo. 

"Non somos comparables a outros traballadores do Estado porque fomos os únicos que sufrimos recortes durante catro anos"

E no aspecto económico?

Nós fomos os únicos traballadores de Xustiza no Estado que durante catro anos sufrimos recortes, entre 10.000 e 3.500 euros anuais. Por iso non somos comparables ao resto. Estamos reclamando por algo que non aconteceu en ningures, tan só aquí en Galicia. Pero hai máis. Tampouco se deu a amortización de prazas, que agocha algo máis grave: de 106 prazas que a Xunta amortizou de facto, moitas son ilegais porque para poder facelo precisas o visto e prace do Ministerio de Xustiza e só o recibiron para dez. Que pasa con eses cartos que reciben do Ministerio?

En que cre que basea a Xunta esa discriminación que denuncian e o mantemento dos recortes aplicados hai anos?

Entendemos que son varias as razóns. Unha maneira de xustificar que a economía galega vai ben e de presumir dela no Estado baséase no ataque aos servizos públicos. Ademais, na Xustiza, un dos tres poderes do Estado, non hai un investimento real en informatización, medios ou persoal, iso repercute negativamente nela e acaba servindo de escusa para privatizala, de maneira directa ou indirecta, completamente ou a través de concesionarias. Por desgraza, este Goberno está moi afeito a facelo así. Hai unha motivación económica, pero detrás dela tamén unha xustificación privatizadora e externalizadora.

"Se o público non funciona, a Xunta pode xustificar a privatización; esa é a súa forma de actuar, a súa política"

O discurso do seu colectivo coincide moito co dos traballadores da sanidade pública...

Totalmente. Na sanidade as externalizacións son constantes, desde o propio edificio do Hospital Álvaro Cunqueiro ata o servizo de limpeza, por poñer un exemplo que tamén está externalizado case ao 100% na Xustiza. En definitiva, se o público non funciona é a maneira que teñen de desacreditalo e por iso o fan. Cando deixa de funcionar algo que antes funcionaba ben, cando o servizo é malo, a xente enfádase e o que quere é que funcione ben e dálle igual se é privatizado ou non. Se como público non funciona, é aí cando poden xustificar a privatización. É unha forma de actuar, unha forma de política dun goberno que sempre defendeu a empresa privada por riba do público. Nós defendemos que servizos esenciais como a sanidade, a educación e a xustiza non poden ser servidos desde o prisma do beneficio económico, senón, no noso caso, na busca da eficacia e da axilidade. 

"A única solución é a folga indefinida; a indignación dos traballadores coa actitude da Xunta é total"

Ten esperanzas? Cre que non haberá folga indefinida?

Tal e como están as cousas, e sobre todo despois do apoio unánime dos traballadores nas últimas mobilizacións, entendemos que a única solución é a folga indefinida. Os propios traballadores, na última manifestacións, dicíannos que agora había que ir ata o final. A indignación coa actitude da Xunta é total por negarse a negociar e non recoñecer todo o que nos roubaron ou confiscaron durante estes anos. 

Pablo Valeiras, nunha manifestación CC-BY-SA Praza Pública

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.