O pasado 26 de xuño o xuíz que investiga o accidente de Angrois emitiu un auto no que acordou formularlle varias preguntas técnicas sobre o sinistro á Axencia Ferroviaria Europea (ERA, nas súas siglas en inglés). Porén, o organismo comunitario non recibiu esa petición oficial ata o pasado 22 de novembro, cinco meses máis tarde, despois de que polo medio o xulgado se trabucase de enderezo no que supón unha demora máis nunha instrución salpicada de erros e atrasos desde que o 24 de xullo de 2013 o tren Alvia descarrilou deixando 80 mortos.
O 26 de xuño pasado o xulgado decidiu preguntar varias cuestións técnicas a un organismo comunitario pero tras un erro nun enderezo o escrito non chegou alí ata o 22 de novembro
“Tal petición tivo entrada na ERA o pasado 22 de novembro de 2017”, vén de deixar agora constancia o xuíz instrutor, Andrés Lago Louro, o segundo que ten a causa, no auto co que o pasado venres decidiu chamar a declarar a diversos responsables de Adif, Renfe e as empresas construtoras da liña de AVE Ourense-Santiago na que ocorreu o sinistro. Nese auto, no que acepta diversas dilixencias solicitadas polas partes persoadas na causa, o maxistrado rexeita unha petición que reclamaba chamar a declarar ao responsable do departamento de seguridade da axencia europea, Christopher Carr, co argumento de que ese organismo aínda está pendente de remitir as súas respostas por escrito ás preguntas que se lle formularon.
Esas preguntas acordounas o xuíz nun auto do pasado 26 de xuño, pero a primeira petición que se enviou dirixiuse a un enderezo errado. A Axencia Ferroviaria Europea, ou European Union Agency for Railways en inglés, ou Agence de l'Union européenne pour les chemins de fer en francés, ten a súa sede na cidade francesa de Valenciennes, xunto á fronteira con Bélxica. Así se pode comprobar no apartado de contactos da súa propia páxina web, onde se ofrece o seu enderezo no número 120 da rue Marc Lefranq desa vila e un apartado postal. Porén, o xulgado remitiu o seu escrito postal en castelán á “Place de la Gare” de Valenciennes, a praza na que se atopa a estación de tren da localidade e non a sede do organismo comunitario, que está a case un quilómetro de distancia.
Auto no que o xuíz dá conta da entrada o 22 de novembro na Axencia Ferroviaria Europea (ERA nas súas siglas en inglés) da petición que formulara o 26 de xuño
A resposta que dea a axencia europea é vista como clave para determinar se Adif, a empresa pública responsable da liña, cumpriu ou non co que establecía a normativa comunitaria na avaliación de riscos que realizou da curva de Angrois antes de autorizar a súa posta en servizo
Esa carta foi devolta polo servizo postal e o xuíz deu conta ás partes do erro a mediados de setembro. E segundo comunica agora, a petición non deu chegado ao seu destino ata o 22 de novembro. Unha petición de información técnica que é vista polas vítimas e outras partes persoadas na causa como clave para determinar se Adif, a empresa pública responsable da liña, cumpriu ou non co que establecía a normativa comunitaria na avaliación de riscos que realizou da curva de Angrois antes de autorizar a súa apertura.
Esta non é a primeira vez que a instrución do accidente de tren de Angrois rexistra erros e atrasos. Ao longo dos seus máis de catro anos rexistrouse unha peritaxe plaxiada, equivocacións dos propios maxistrados ao citar normativas ou demoras de Adif e Renfe á hora de achegar á causa documentación reclamada polos xuíces.