O PSdeG levará a Xunta aos tribunais se nun mes non revela os datos de falecementos por infarto en Lugo

Álvaro Santos, en rolda de prensa coa alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o edil Miguel Fernández CC-BY-NC-SA PSdeG Lugo

Este 26 de febreiro fará sete anos dende que o presidente da Xunta inaugurou o novo hospital de Lugo. Naquel acto solemne Alberto Núñez Feijóo asegurou que a posta en marcha do Lucus Augusti permitiría que "os pacientes con doenzas do corazón ou de cancro que antes tiñan que desprazarse a Santiago ou á Coruña poderán ser atendidos no seu hospital público de Lugo ao longo deste ano". Esa referencia aos problemas cardíacos implicaba a apertura da unidade de hemodinámica, o servizo que atende a poboación afectada por infartos e que non abríría as súas portas no centro sanitario lucense ata o ano 2014, pero só en horario de oficina -de 8 da mañá a 3 da tarde, de luns a venres- malia ás demandas do persoal, da oposición parlamentaria e mais da Deputación e do Concello de Lugo.

Unha das vías coas que a Consellería de Sanidade respondeu a estas reclamacións foi a posta en marcha do Rexistro Galego de Infarto (Regaliam). Deste mecanismo de control, sinalara a Xunta en 2015, dependería a apertura ou non da hemodinámica lucense durante todo o día. Na primavera de 2016 Sanidade ofreceu en rolda de prensa algúns dos primeiros datos do Regaliam, que acreditaban diferenzas de máis dunha hora e vinte na atención aos infartos en Lugo e no punto de Galicia no que eran atendidos con maior axilidade, Santiago. No entanto, a Consellería non publicou aquela información polo miúdo nin divulgou ningún balance máis malia que a oposición, e máis concretamente o PSdeG, pediu os datos formalmente en numerosas ocasións. É por iso que este martes a dirección socialista na provincia de Lugo lanzou un "ultimato": levará a Xunta aos tribunais se non facilita xa os datos.

Álvaro Santos, secretario xeral do PP lucense, advirte de que "se o PP segue a ocultar os mortos por infarto" que evita facer públicos, o partido acudirá ao TSXG para obtelos: "rematou a paciencia" 

O Goberno, lembrou en rolda de prensa o secretario xeral do PSdeG lucense, Álvaro Santos, ten regulamentariamente un mes para achegar á oposición os documentos que lle pide e ese será o prazo que deixarán transcorrer. Se, cando transcorra, o Goberno do PP "segue a ocultar os mortos por infarto para non dotar a provincia de hemodinámica 24 horas", advirte, será o momento de formular un recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia "a través do procedemento especial para a protección dos dereitos fundamentais".

"Rematou a paciencia", evidencia Santos, quen lembra que o PSdeG reclamou ata en 14 ocasións estes datos mentres o PP "fixo caso omiso a todos os criterios científicos que avalan a necesidade de implantar esta prestación na provincia". "Por exemplo -cita- a Sociedade Española de Cardioloxía mantén que nunha área maior de 300.000 habitantes, como a provincia de Lugo, debe exitir unha unidade de críticos cardiolóxicos" operativa en todo momento. Paralelamente, lembra, os datos do INE acreditaron que "a mortalidade por infarto de miocardio en Lugo duplica a media estatal". "Imos facer un esforzo máis por conseguir que todos os lucenses saiban os datos reais de mortalidade, de tempo de atención e de morbilidade dos pacientes que sofren un infarto na nosa provincia" porque "non imos consentir que nos sigan enganando". "Algo deben ocultar -sinala Santos- cando non mostran os informes".

Na contorna do hospital lucense considérase inminente o anuncio dunha ampliación parcial do horario da hemodinámica, un conflito que ameaza con volver ser un lastre electoral para o PP lucense

Santos, que compareceu xunto á alcaldesa lucense, Lara Méndez, lamenta que as mobilizacións na rúa "ou os xulgados" teñan que ser as vías para lograr medidas para Lugo que deberan chegar "das institucións". Faino pouco despois de que o relato en primeira persoa dun home que tivo que ser trasladado á Coruña dende Lugo por sufrir un infarto un domingo pola tarde reavivase o debate público sobre a atención a estas doenzas na unidade de hemodinámica do HULA. A transcendencia pública deste testemuño produciuse mentres na contorna do PP lucense medra o temor a que os incumprimentos sanitarios volvan supor un lastre para os seus intereses nunhas novas eleccións municipais. Neste sentido, fontes consultadas por este diario apuntan que na contorna do HULA se considera inminente o anuncio dunha ampliación parcial do horario do servizo de hemodinámica durante as tardes, que sería anunciado como paso previo a unha futura apertura total.

Sexa como for, o secretario xeral do PSdeG lucense advirte de que "tras sete anos de incumprimentos por parte do PP e de Feijóo", a "vía institucional e pacífica" chegou á súa fin e a decisión de acudir aos tribunais será firme se no vindeiro mes non chegan os datos reclamados. "E non descartamos calquera outra vía, porque non imos consentir que sigan enganando", afirma.

 

Entrada do Hospital Lucus Augusti CC-BY-NC-SA PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.