0 Gardados para despois

Villares: "Unha nova propiedade veciñal do monte fronte á pública e a privada colectiva actuais tería vantaxes"

David ReineroDavid Reinero | @DReinero


Luís Villares, portavoz de En Marea, foi o pasado venres o segundo dos participantes nos faladoiros cos catro grupos parlamentarios sobre a nova lei de fomento da implantación de iniciativas empresariais e a ordenación dos montes en xeral que está a organizar o Instituto de Estudos Miñoráns. Praza Pública colabora moderando as intervencións dos asistentes e formulando preguntas aos participantes, cuxas respostas sintetizamos na semana seguinte a cada faladoiro en pezas informativas acompañadas de extractos audiovisuais.

"Hai un plan oculto de abandono do medio rural para que ese territorio despoboado poida ser obxecto dun aproveitamento distinto do que se facía ata o de agora"

Que modelo de ordenación do monte defende En Marea?

Parece que hai un plan, que non se nos declara, pero parece que está por baixo, latente, dun abandono do medio rural inducido, dunha despoboación forzada mediante o estrangulamento dos servizos básicos. Para que ese territorio despoboado poida ser obxecto dun aproveitamento distinto do que se facía ata o de agora. Isto é un modelo de explotación do territorio. Non é o de En Marea, por suposto. É un modelo de pouca xeración de valor engadido, de simple explotación de materia prima. Producir madeira pero despois comprar os mobles en Ikea para os galegos é unha anomalía que está normalizada. O modelo de En Marea busca unha ocupación do territorio adaptada aos tempos e con valor engadido. Circula por aí unha iniciativa lexislativa popular cun punto que me parece moi importante, que abre o debate sobre se é necesario un novo tipo de propiedade diferenciada da propiedade privada e da propiedade pública, que sería a propiedade veciñal. Hoxe a lei de dereito civil de Galicia define os montes veciñais en man común como propiedade privada de titularidade colectiva. Se definísemos un terceiro tipo de propiedade, como se reclama desde as comunidades de montes, debería ter unha caracterización da función social como prevalente sobre a individual. Tería unha singularidade, que lle poderiamos dar unha relevancia fiscal propia. E cunha aplicación de beneficios que, superando o marco actual, puidese reverter sempre cunha orientación de carácter social. Estamos falando de que os beneficios do monte puidesen servir para bolsas de educación, para complementar o sistema de dependencia, para axudar á conciliación e reverter a regresión demográfica. En Marea defende a capacidade tributaria propia de Galicia, e dentro dela estaría a capacidade de establecer o tipo de tributación que terían as comunidades de montes.

“O fundamento moral de que sigan a existir os montes comunais é que serven ao asentamento territorial, xeran riqueza para quen ocupa o territorio”

A figura xurídica do monte comunal galego ten orixe medieval. Por que no século XXI ten que haber eses montes que son propiedade só de algúns veciños, que obteñen ingresos por eles, e non de toda a sociedade?

A orixe está no dereito xermánico, que a diferenza dos romanos tiña unha visión colectivista do mundo como máis eficiente. O fundamento incluso moral de que hoxe en día se recoñezan os montes veciñais en man común é que serven ao asentamento territorial. Son xeradores de riqueza para quen ocupa o territorio. É un aliciente para non abandonar o territorio. Por iso a Xunta tiña un mandato, que era o de intervir nas comunidades que estaban abandonadas ou con mala xestión para poñelas en valor coa vocación, engado eu, de que un complemento de renda fose un estímulo para a recuperación veciñal. Por iso paga a pena manter os montes veciñais en man común, non polos montes senón pola cidadanía á que serve.

Falaba da falta de valor engadido no monte, pero un dos argumentos explícitos lanzados polo PP para xustificar a Lei de Implantación de Iniciativas Empresariais é o de facilitar as industrias transformadoras nos montes e non só a extracción. Non é positivo?

Se o PP tivese querido que fose unha iniciativa transversal non se tería centrado en tres sectores: o enerxético en relación co eólico, o mineiro e o forestal. A xustificación foi ese estado de opinión de que Portugal nos roubaba industria, o que non era certo. O que pasaba era que había industrias, como as auxiliares da automoción, que se implantaban directamente abaixo do Miño e non arriba. Unha estratexia de captación puido ser unha aposta polas infraestruturas. Se o que se quería era eliminar trabas, non había que enfocalo só a eses tres sectores senón a todos os sectores produtivos. Tampouco hai ningunha aposta pola I+D neses sectores que se pretenden implantar, ou no sector de transformación agroalimentaria.

"En economía existe a opción cero, non facer algo, e nós apostamos por non facer determinados usos do territorio que o danan irreparablemente"

Unha das críticas que fai En Marea á lei de implantación empresarial é que liberaliza e elimina trabas para algúns proxectos polémicos. Pero xa antes, con requisitos supostamente máis esixentes, estes non sempre garantían un maior control dos proxectos. O problema é da norma ou de facer cumprir a norma?

A eliminación de trabas non é malo. O problema é cando tras a simplificación administrativa se ocultan outras cousas e se omiten trámites ambientais ou de protección do patrimonio. Estamos falando dunha perda de garantías doutros valores ou dereitos que entran en cuestión co interese económico. Agora mesmo a mina de Touro colide con outros intereses como os agrogandeiros na zona ou mesmo os marisqueiros na ría de Arousa. Pero supoñamos que se cumpran todos os trámites e todas as garantías. Aínda así non a queremos. Porque en economía existe a opción cero, non facer algo. Nós apostamos por non facer determinados usos do territorio que o danan irreparablemente. Nós preferimos que a xente siga a vivir en Touro ou no Pino de explotacións gandeiras que hoxe son exitosas e non ter a mina. Contáronnos unha milonga porque en materia de minaría ninguén cumpre coa restauración ambiental. Non tragamos con iso e preferimos a opción cero, porque o territorio é un ben escaso e non colle todo.

Hai tamén en Galicia unha parte de monte privado que está abandonado e que supón un risco para as comunidades de montes que teñen os seus ben tratados. Que se pode facer con esas propiedades?

Quen incumpriu a súa propia ordenación forestal foi a Xunta, non dotando de recursos o Plan Forestal de Galicia. Non se pode trasladar á cidadanía a responsabilidade da administración. Houbo intentos de figuras de xestión do monte privado, como no bipartito as Unidades de Xestión Forestal (Uxfor), que tiveron máis éxito nos dous anos que duraron que as Sociedades de Fomento Forestal (Sofor) do PP en nove anos. Só a golpe de multa por ter o monte abandonado non vas a ningún sitio, tes que darlle unha saída. Estamos nunha situación na que a propiedade rústica non custa, os impostos son ridículos, pero ao mesmo tempo non rende. Un xeito de mobilizar a propiedade non sendo as Uxfor podería ser un banco de terras no sector forestal, por exemplo. Pero non para a transformación de terras agrarias en forestais.

"Sería mellor que se cumprise o Plan Forestal actual que a situación de descontrol que hai, pero para nós é necesario un novo porque hai terras que cambiaron o uso, unha nova dimensión da poboación rural ou especies invasoras"

Esa planificación depende en parte do Plan Forestal de Galicia, elaborado en 1992 co horizonte de 2032 pero que o Consello de Contas vén dicindo que non se está a cumprir. pero que agora xa se quere reformar e que o Consello de. É necesario un novo plan forestal ou bastaría con cumprir o que xa hai?

É necesario un novo Plan Forestal que se adapte aos tempos que cumprirmos. Cumprir o actual suporía de entrada unha moratoria de plantacións de eucaliptos, que superaron as previsións, pero tamén hai terras que cambiaron o uso, unha nova dimensión da poboación rural ou especies invasoras. Desde logo sería moito mellor que se cumprise ese plan que o estado de descontrol que hai, pero desde o noso punto de vista é necesario un novo plan.

Son necesarios tantos cambios? A Lei de Montes actual aprobouse en 2012, pero xa se modificou seis veces en seis anos, entre elas a través da Lei de Iniciativas Empresariais. Como xurista, con tantos cambios, como pode a cidadanía saber que pode facer ou non no monte?

Se algo se valora en dereito é a seguridade xurídica. Pero o Plan Forestal é a constatación dun fracaso. É parte da política do PP, de querer un territorio despoboado para non ter a ninguén que poida protestar. Hai un plan oculto.

"A depuración das responsabilidades políticas pola ilicitude administrativa da contratación dos helicópteros contra incendios debe ser independente da penal"

En materia de loita contra incendios, o xuíz instrutor, co asentimento da Fiscalía, vén de arquivar a investigación penal aberta polo xeito en que a Xunta entregou a dedo e sen contrato en 2012 os helicópteros de extinción á empresa Inaer, investigada tamén noutras partes de España pola súa implicación no cartel do lume de empresas que supostamente se repartían contratos. O auto di que foi ilegal facelo sen contrato pero que non houbo prevaricación porque foi unha situación extraordinaria e imprevisible. Como xuíz, como pode explicar o caso?

Aí diría Baltar pai o de que el é un cacique bo. Latexa un pouco esa idea, a dunha resolución que non é conforme a dereito pero que non chega a ter o grao de arbitrariedade suficiente como para que teña relevancia penal. A diferenza entre o ilícito penal e o administrativo é moi difusa. Neste caso o xuíz di que non houbo arbitrariedade porque era a empresa que xa viña recibindo o contrato en anos anteriores. Pero cabería facerse unha pregunta. Foi a administración a que se colocou na posición de ter que obrar á marxe do procedemento? Porque iso si que sería unha absoluta arbitrariedade. Era previsible que rematase o contrato do ano anterior, e era previsible como todos os anos ter que contratar o servizo. Como era previsible todo iso, esa imprevisión da Xunta era casual ou era unha situación na que se colocou voluntariamente? Nós pensamos que voluntariamente. En todo caso, aínda que non haxa ilicitude penal, a ilicitude administrativa e a responsabilidade política era evidente desde o primeiro momento. Danos igual que non haxa responsabilidade penal. A depuración das responsabilidades políticas debe ser independente, e esa é outra trampa na que caemos na última década co PP.

Intervención inicial de Luís Villares nos faladoiros do IEM 2018

IEM

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.