- AUDIO | 29/11/1990 Carlos Príncipe: "Que ningunha autoridade volva saír nunha foto cerca dun narcotraficante"
- HEMEROTECA | A xuíza executa o secuestro de 'Fariña' tras dous anos e medio á venda
O secuestro xudicial do libro Fariña, no que o xornalista Nacho Carretero percorre algúns dos acontecementos máis destacados da extensión do narcotráfico por Galicia tras a 'reconversión' dos contrabandistas de tabaco cara o transporte e venda de estupefacientes, contribuíu nos últimos meses a que os focos da actualidade se volvesen pousar nunha das épocas máis turbias da historia recente do país. A estrea da serie televisiva baseada no libro, realizada pola galega Bambú Producciones para Atresmedia, e a súa vaga expansiva que mesmo chegou á política, está a provocar un exercicio de memoria colectiva cara aos anos nos que os nomes de políticos, contrabandistas, empresarios, narcos supostos e declarados se mesturaban con demasiada frecuencia. Isto, precisamente, é o que pretendía evitar un acordo unánime acadado no Parlamento a finais de 1990.
Este acordo político chegara cando non transcorrera nin medio ano dende que o lanzamento da Operación Nécora, na que foran prendidos os que algúns titulares cualificaran como "xefes do contrabando" ou "grandes xefes da droga", comezara a mudar a sensación de impunidade para aqueles que disque pasaran do fume á fariña. Na lista de detidos daquel primeiro gran golpe xudicial figuraban nomes que acabarían resultando familiares para as crónicas de tribunais dos seguintes lustros, como Manuel Charlín, Laureano Oubiña ou Marcial Dorado. O 12 de novembro de 1990 o xuíz Baltasar Garzón decretaba o procesamento de 51 persoas; entre elas, Charlín ou Oubiña, pero tamén Sito Miñanco, declarado en rebeldía ao mesmo nivel que Pablo Escobar. Dese procesamento libráranse, por falta de incidios, algúns dos inicialmente detidos como Dorado ou Vicente Otero, Terito.
O debate, dous días despois dos procesamentos derivados da Operación Nécora, chegara pola presenza de Oubiña nun evento en Braga ao que acudira o primeiro conselleiro de Industria do Goberno de Fraga, quen resaltara que o suposto narco non fora convidado pola organización do acto
Apenas dous días despois deses procesamentos, o 14 de novembro, o Parlamento galego tiña na súa orde do día unha interpelación do PSdeG ao que Manuel Fraga elixira como o seu primeiro conselleiro de Industria, Juan Fernández. A razón era reclamarlle explicacións "sobre a presenza de Laureano Oubiña na visita institucional" que realizara á feira Agro-90, que se celebrara na cidade portuguesa de Braga. O episodio, dixera Carlos Príncipe no nome dos socialistas, lembraba á xuntanza que anos atrás mantivera o ex-presidente Albor tamén en Portugal con acusados de contrabando e, dado que a "noticia" non fora que "o conselleiro se retirou" cando "o señor Oubiña apareceu nese acto", cumprían explicacións.
Fernández respondera a Príncipe abertamente molesto. O sucedido non fora "como o relataron os medios", senón que "este señor chegou comezada a comida e marchou antes de rematala", sen estar convidado nin chegar a "entrar ao recinto no que estaba a mesa presidencial, onde eu tiña a honra de estar". Ademais, resaltaba, "a organización do acto corría a cargo" da Cámara de Comercio de Vilagarcía e non da Xunta. "Non é preciso adoptar ningunha medida" porque "ninguén asocia o nome de Oubiña ás institucións autonómicas", resolvera o conselleiro antes de advertir da imposibilidade de "esixir mesa por mesa o certificado de penais".
"Que ningunha autoridade volva saír nunha foto cerca dun narcotraficante"
Fragmentos da intervención de Príncipe no nome do PSdeG en defensa da moción contra o narcotráfico, tirados do Diario de Sesións
Aquel tenso debate, no que Príncipe recibira o apoio do resto da oposición -conformada na altura por BNG, Esquerda Galega e Coalición Galega- tivera a súa continuación o día 29 do mesmo mes, no que Príncipe defendeu a moción ligada á interpelación. Procedía aproveitar a controversia pola coincidencia de Fernández e Oubiña no mesmo lugar para "seguir no camiño de illar social, política e economicamente aos narcotraficantes" mediante uha "condena formal do narcotráfico" por parte do Parlamento. Nese contexto, agregara, conviña que o Parlamento instase formalmente o Goberno de Fraga a que "extreme as medidas de precaución para que ningunha autoridade vinculada coa Xunta volva saír nunha foto cerca dun narcotraficante ou presunto narcotraficante".
O PSdeG formulara a proposta para contribuír a "illar social, política e economicamente aos narcotraficantes"
"É bo -explicara o representante do PSdeG- que lles digamos aos cidadáns que estamos dispostos a extremar as medidas que permitan evitar feitos non desexados" e que esta intención se acompañe, ao tempo, con "vixilancia para que con diñeiro público non se subvencione ou financie ningunha actividade na que participen empresas ou persoas" vinculadas aos narcos. Non podía permitirse, exemplificara Príncipe, que se repetisen feitos como que axudas da Xunta para promocionar os viños galegos acabasen chegando a viñedos propiedade de presuntos narcos ou contrabandistas.
Fragmentos do acordo unánime contra o narcotráfico aprobado polo Parlamento o 29 de novembro de 1990
A proposta socialista fora retrucada dende o PP por Jesús Palmou, quen afirmara que o partido que xa lideraba Fraga en Galicia non ía "relear ningún esforzo para que o illamento social, económico e político de tales actividades se produza na sociedade galega", se ben "ningunha autoridade está libre de que nun momento dado poida ter cerca unha persoa relacionada dalgún xeito co narcotráfico". "Estas persoas -sinalara o que despois sería conselleiro- non levan ningunha marca que as distinga", pero "é fundamental tomar as precaucións para que estas situacións non se dean".
O texto, aprobado por unanimidade, pedía "extremar as precaucións" para que "ningunha autoridade (...) participe en ningún acto onde se atopen persoas (...) relacionadas co narcotráfico" e que o diñeiro público non puidese chegar a ningunha das súas empresas
Tras este segundo debate, moito máis calmo que o primeiro, todos os grupos da Cámara acadaran un acordo entre o texto formulado por Príncipe e as emendas doutros partidos. Foi así como aquel 29 de novembro de 1990 o Parlamento aprobou por unanimidade a "súa rotunda condena ao narcotráfico" e instou ao devandito "illamento social, económico e político dos narcotraficantes", así como ao "apoio" a todos os colectivos de "loita contra a droga" e as "accións gobernativas e xudiciais que permiten combater e castigar o narcotráfico".
Neste sentido, o Parlamento instaba a Xunta "a que extreme as precaucións a fin de que ningunha autoridade autonómica participe en ningún acto onde se atopen persoas que poidan estar relacionadas co narcotráfico". O lexislativo pedía ademais por unanimidade ao Executivo de Fraga que esa mesma "vixilancia" servise para que o diñeiro público non chegase a "ningunha actividade" ligada a "empresas ou persoas relacionadas co narcotráfico". Esas mesmas medidas, remataba o texto, debían solicitarse ao Goberno de España e aos concellos.