Gonzalo Caballero (Ponteareas, 1975) leva apenas medio ano á fronte da secretaría xeral do PSdeG á que chegou tras un proceso de primarias e Congreso Nacional que puxeron fin a un prolongado período de interinidade na dirección do partido. Unha vez superadas as renovacións dos órganos provinciais Caballero activou xa algúns dos seus primeiros proxectos, como o impulso dunha fundación que actúe como "laboratorio de ideas do cambio" en Galicia. Un eventual "cambio" que desbanque o PP do poder "ten que ser compartido" con outras forzas aliadas nunha "gran coalición social de progreso" que sexa quen de atraer á "maioría social que sabe que Galicia non vai ben". Considera, non obstante, que "se o PSdeG non é quen de liderar ese proceso, a historia galega amosa que non se dá producido".
Tras unha vitoria inesperada nalgúns ámbitos e uns primeiros meses marcados polos procesos internos, como avalía a saúde interna do partido?
Despois destes meses teño unha impresión positiva do traballo que está facendo na organización. O partido viña de dous anos sen unha dirección política regular, estaban dirixido por unha xestora, e isto fixo perder á organización moito engraxe. A impresión que teño é que neste tempo estamos traballando de forma intensa, sen présa pero sen pausa, recuperando a normalidade da organización, tentando fortalecer a existencia dunha posición do PSdeG e dunha dirección galega do PSdeG que está articulando os cimentos dun proxecto político para Galicia, e ademais creo que lle estamos dando presenza á organización na sociedade galega. Non atopei ningunha sorpresa nin nada que eu non puidese esperar.
Marcouse varias prioridades internas, a obrigada polos estatutos renovación provincial pero tamén a recuperación das estruturas comarcais. Pasados os congresos provinciais, nos que non todas as direccións se poden considerar afíns a vostede, mantén ese plan de recuperar a estrutura comarcal? É compatible coas provinciais non tan proclives a vostede?
"Eu fun dos que trasladei as miñas dúbidas de se o modelo provincial era axeitado para o PSdeG porque podía debilitarnos"
O PSdeG tiña unha estrutura en bisbarras en Galicia que se modificou na etapa do Goberno Zapatero. Eu fun dos que no Comité Nacional do partido trasladei as miñas dúbidas de se era axeitado porque unha vez que se producise ese cambio que podía debilitarnos, volver á estrutura tradicional ía ser máis difícil. Especificamente porque a estrutura do PSOE a nivel do Estado é en provincias na maior parte dos lugares, e a excepción estaba fundamentalmente no PSC en Valencia e en Galicia. Hai moitas agrupacións e militantes que teñen a impresión de que a estrutura de comarcas é máis próxima e pode funcionar mellor. Nós fixemos un cambio moi importante no Congreso Nacional galego que foi incorporar nos estatutos a recuperación da estrutura de comarcas. Nas distintas zonas de Galicia existe neste momento algún tipo de mecanismo comarcal que se está a poñer en funcionamento a través das estruturas provinciais, pero en todo caso queda por desenvolver unha articulación normativa. Eu creo que o PSdeG recuperará forza e espazo na medida en que poida desenvolver estruturas comarcais fortes, pegadas ao territorio e adecuadas á diversidade social que ten Galicia.
A bicefalia neste período sen comicios inminentes pode ser positiva porque permítelles a Leiceaga e a vostede espallarse en máis actos polo territorio. Pero pode manterse cando se acheguen períodos electorais ou o secretario xeral ten que adquirir unha prevalencia maior?
"Non teño maior urxencia por entrar en ningunha institución, pero tampouco descarto que nalgún momento o secretario xeral teña que ocupar tamén algunha responsabilidade institucional"
O partido ten unha estrutura orgánica que lidera o PSdeG. Eu como secretario xeral non podo senón recoñecer a complicidade e o apoio que está dando o portavoz parlamentario e presidente. O PSdeG necesita todos os apoios posibles para estar presente sobre o territorio. Eu cando gañei o congreso dixen que ía manter a miña dedicación á universidade polo menos nunha primeira etapa, estou cumprindo a miña palabra, eu teño o meu traballo, o meu salario e a miña dedicación na Universidade de Vigo como profesor de Económicas. E o certo é que o portavoz parlamentario está traballando ben, arreo, seguindo as instrucións da dirección galega da que el mesmo é presidente. É unha peza fundamental na estrutura que temos actualmente non estando eu no Parlamento galego para que o proxecto que estamos desenvolvendo se estea a aplicar con normalidade.
Vese entrando no Parlamento a medio prazo?
A política cambia moito, e neste momento é moi volátil. Tentar facer previsións a medio prazo ás veces resulta moi complexo. Eu quero ser coherente e transparente. O que trasladei foi que ía manter a miña dedicación á universidade durante algún tempo e estouno facendo. Non teño maior urxencia por entrar en ningunha institución, pero tampouco descarto que nalgún momento o secretario xeral teña que ocupar tamén algunha responsabilidade institucional que neste momento nin está previsto cal, nin cando, nin como. Hai moito traballo por facer.
Refírese reiteradamente á necesidade de tecer alternativas. Alén da aspiración de liderar a esquerda, ve o PSdeG proclive ao acordo cun ámbito da esquerda que é máis plural do que podía ser hai dez anos?
Nós somos unha forza de esquerda, con capacidade de diálogo na esquerda e con capacidade de goberno desde a esquerda. O PSdeG é un elemento estrutural da política galega para construír cambios políticos e gobernos de esquerda. A nosa folla de ruta ten que estar centrada no proxecto para Galicia, e cando toquen as distintas convocatorias electorais falaremos das estratexias de acordos que poida haber con outras forzas. Pero non queremos entrar no exercicio de confusión que a dereita quere facer intentando debilitar ou poñer os eixos de referencia do debate político no que agora non está vixente. O que temos que ter claro é que o PP fracasa cos seus gobernos e non permite unhas políticas que favorezan a igualdade, a solidariedade e o impulso económico das zonas con maior dificultade. O PSOE ten que confrontar co PP para conseguir un proxecto de cambio para Galicia e para os concellos.
O PP en 2015, pode que como globo sonda, dixo que se o PSdeG quixera non gobernarían as mareas nas cidades ou o BNG. Mesmo a nivel mediático se falou dunha gran coalición á alemá. Como o valora?
"O ano pasado o PSOE fixo un exercicio importante de recolocación no taboleiro político a través dunhas primarias que permitiron establecer en España con Pedro Sánchez que os socialistas non somos cómplices dos gobernos da dereita"
Eu estiven reunido con Feijóo en decembro e formulei algúns grandes temas nos cales o PSdeG estaba disposto a dialogar coa Xunta: financiamento autonómico, recuperación demográfica, política forestal, igualdade. Temos capacidade de diálogo neses temas, pero o PSdeG é a alternativa ao PP. O ano pasado o PSOE fixo un exercicio importante de recolocación no taboleiro político a través dunhas primarias que permitiron establecer en España con Pedro Sánchez que os socialistas somos a alternativa ao PP e non somos cómplices dos gobernos da dereita. A militancia socialista marcou con claridade esa folla de ruta. Estamos onde sempre estivemos, na esquerda, e dese xeito é como conseguimos ser a principal forza de esquerda en España e creo que hoxe tamén en Galicia. Temos que manter o diálogo institucional necesario co PP e recoñecer que en Galicia a dereita ten unha maioría lexítima porque lla deron as urnas, pero díxenllo a Feijóo directamente: o noso traballo é que a dereita deixe de gobernar a Xunta. De forma similar traslado aos distintos concello que o PSdeG é unha forza de esquerda que vai traballar coas forzas de esquerda para conseguir gobernos de progreso nas cidades e nas deputacións.
O Estado está nun contexto convulso, mesmo de reformulación ao fío da cuestión catalá e nese escenario Euskadi está moi presente mentres Galicia semella ausente pero xogando a outra cousa. Cal cre que debe ser o papel de Galicia nun escenario estatal que semella avanzar cara á reconfiguración territorial?
"Feijóo está xogando á súa promoción persoal e deixa Galicia nun segundo plano; se o Estado español avanza cara a un modelo plurinacional, Galicia ten que facer valer a súa especificidade de foma análoga ao País Vasco ou Cataluña"
Feijóo está xogando á súa promoción persoal e deixa os intereses de Galicia nun segundo plano. Iso é un erro. Os socialistas cremos que se o Estado español avanza nalgún momento cara a unha reforma constitucional que tente establecer un modelo de Estado plurinacional ou un modelo de nación de nacións, Galicia ten que facer valer a súa especificidade histórica e recoñecida constitucionalmente para estar no pelotón de saída de forma análoga a como estean o País Vasco ou Cataluña. A partir de aí, como socialistas e galeguistas, non somos nacionalistas, non estamos na idea de rachar a soberanía nacional no Estado español nin en establecer fronteiras. Temos que construír ese futuro dunha España máis plural que sexa sensible á diversidade pero que tamén sexa respectuosa cos dereitos a ter mecanismos de decisión de todos os cidadáns de España e mecanismos de solidariedade que eviten calquera tipo de desigualdade.
Cre que hai un risco de que Galicia quede fóra de posibles redefinicións? O Goberno galego pasou de tecer alianzas históricas con Cataluña ou País Vasco a facelo coa Comunidad de Madrid ou Castela e León.
Feijóo fíxolle perder peso político a Galicia en todos os escenarios. Tamén a nivel internacional, na UE ou Latinoamérica, onde está ausente. Dedicou o seu esforzo a tentar facer ver que era un bo xestor porque axustaba o déficit público pero disparou a débeda pública. Hai unha falta de capacidade política e de compromiso co autogoberno por parte de Feijóo. O escenario político é moi incerto pola cuestión catalá e polo tanto facer previsións é moi complexo. Se o presidente da Xunta está centrado na súa estratexia de promoción persoal dentro do PP de Madrid, pois evidentemente os intereses de Galicia están minusvalorados e nun segundo plano.