O Goberno galego aprobou na súa reunión deste xoves un “acordo polo que se autoriza o inicio da tramitación do plan de transporte público de Galicia”, a gran reorganización de todas as liñas de autobús interurbano obrigada pola sentenza coa que o Tribunal Supremo anulou hai dous anos a decisión da Xunta de prorrogar durante unha década as obsoletas concesións xa existentes. A Xunta inicia a elaboración dese plan na mesma semana en que se cumpriu o prazo que o propio PP se deu por ley para a súa aprobación.
O proceso ten que estar rematado a finais de 2019 e vén obrigado pola anulación por parte do Tribunal Supremo da prórroga de concesións obsoletas impulsada polo Goberno galego
A anulación polo Supremo hai dous anos da prórroga de concesións decretada pola Xunta obrigou ao Goberno galego a aprobar en 2016 unha lei urxente na que se estableceu unha nova prórroga temporal á espera de elaborar un plan global de transporte que reestruture todas as obsoletas liñas de bus actuais. Esa lei establecía, no seu artigo 3.2, que “o primeiro plan de transporte público de Galicia deberá aprobarse no prazo de vinte e un meses desde a entrada en vigor desta lei”, que se produciu o 23 de xullo de 2016, polo que o prazo cumpriuse esta semana. Porén, o Goberno galego non só non aprobou o plan senón que é aínda agora cando inicia a súa tramitación. O presidente Feijóo garantiu este xoves, na rolda de prensa posterior á reunión do seu Goberno, que todas as liñas estarán reestruturadas a finais de 2019.
O actual é o cuarto director xeral que hai á fronte da área de Mobilidade do Goberno galego desde que Feijóo chegou á presidencia da Xunta en 2009
A reestruturación progresiva que a Consellería de Infraestruturas, encabezada pola conselleira Ethel Vázquez, está a realizar do transporte en autobús xa supuxo a integración en varias zonas de Galicia das liñas regulares cos servizos escolares, o que provocou o pasado ano unha folga de condutores que o Goberno galego cualificou como peche patronal. A renuncia dalgunhas empresas a seguir prestando uns servizos que consideraban deficitarios obrigou ao Goberno galego a sacalos a concurso por un período de dous anos, á espera de volver licitalos en 2019 no marco da reestruturación xeral de todas as liñas de Galicia. Unha reestruturación que está afrontando o Goberno galego co cuarto director xeral que se fai cargo da área de Mobilidade desde que Feijóo chegou á Xunta en 2009 e cun departamento con persoal insuficiente que obriga a recorrer a numerosas asistencias técnicas externas.