O Goberno central legaliza cunha “tramitación de urxencia” o gasoduto da Mariña anulado polo Supremo

Inauguración o 9 de febreiro de 2015 do gasoduto da Mariña © Conchi Paz

Hai menos de cinco meses o alto tribunal anulou por falta de planificación a condución de Gas Natural a instancias do Concello de Barreiros, paradigma do crecemento urbanístico sen planificar

O Ministerio de Enerxía vén de legalizar, tras unha “tramitación de urxencia” e unha “adxudicación directa”, como el mesmo admite no Boletín Oficial del Estado, o gasoduto de 65 quilómetros que Gas Natural construíu ao longo de toda a Mariña lucense para prestar servizo fundamentalmente á planta de Alcoa en San Cibrao e que xa está en servizo desde comezos de 2015. A finais do ano pasado o Tribunal Supremo anulou a autorización administrativa que ese mesmo ministerio outorgara en 2013 porque a empresa non achegara, como esixía a normativa, un compromiso expreso de consumo do gas que transporta. Unha anulación por falta de planificación que se produciu a petición do Concello de Barreiros, municipio paradigma en Galicia do crecemento urbanístico sen planificación.

O Supremou anulara o permiso outorgado en 2013 polo Goberno a Gas Natural porque non achegara “un compromiso expreso de consumo por parte de consumidores e distribuídores”, como esixe a normativa

A autorización outorgada polo ministerio a Gas Natural para construír o gasoduto foi anulada polo supremo nunha sentenza con data do 30 de novembro pasado, case tres anos despois de que a condución fose inaugurada por Feijóo na precampaña das eleccións municipais de 2015. Menos dun mes despois, o venres 22 de decembro, Gas Natural volveu presentar ante o Ministerio de Enerxía a solicitude de autorización, agora si co compromiso de consumos de gas que non presentara en 2013. E só catro días hábiles máis tarde, o xoves 28, o ministerio acordaba “a tramitación de urxencia” e de xeito “acumulado” de todos os procedementos administrativos necesarios para volver outorgar a autorización do gasoduto e así legalizalo. O ministerio argumenta as “particularidades” da solicitude, “entre as que cabe destacar que dita canalización xa está construída e que é propiedade de Gas Natural”, o que cualifica como “circunstancias excepcionais que xustifican a adxudicación directa do gasoduto á Mariña Lucense á mercantil Gas Natural”.

O proxecto do gasoduto xa construído foi exposto ao público durante 10 días a finais de xaneiro e principios de febreiro e o 28 dese mes o ministerio informaba favorablemente sobre a autorización. O 20 de marzo era a Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) a que validaba a autorización. E o 17 de abril, nunha resolución publicada este mércores no BOE, a directora xeral de Política Enerxética e Minas do ministerio, María Teresa Baqueado, daba a autorización definitiva ao gasoduto xa construído que permitiu a súa legalización en tempo récord.

Durante a burbulla da construción levantáronse en Barreiros centos de segundas residencias que nunca chegaron a ser vendidas por falta de compradores

O motivo polo que o supremo anulou hai menos de 5 meses o gasoduto, a súa falta de planificación sobre consumos futuros de gas, contrasta coa situación urbanística que se vén vivindo no municipio de Barreiros, cuxo Concello foi o causante da anulación. Durante a burbulla da construción levantáronse alí centos de segundas residencias que nunca chegaron a ser vendidas por falta de compradores e cuxos permisos municipais a Fiscalía considera ilegais por outorgarse para leiras sen abastecemento, saneamento, electricidade ou accesos viarios. Hoxe, no municipio de 3.200 habitantes que o seu alcalde, Alfonso Fuente, quería converter no "Sanxenxo do norte", hai 3.500 segundas residencias que só se ocupan en verán e fins de semana ou que están baleiras. Tamén proliferan esqueletos de formigón que nunca se remataron. Nos últimos anos o Concello iniciou por dúas veces a redacción dun plan de urbanismo, pero teimando novamente en apostar polo aumento do parque de vivendas, con ata 2.000 máis, malia que as existentes están baleiras, moitas delas por dúbidas sobre a súa legalidade e por dificultades para a súa legalización que non tivo o gasoduto agora autorizado.

Autorización do Ministerio de Enerxía tras unha "tramitación de urxencia" e "acumulada" CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.