0 Gardados para despois

"A Coruña non se vende": a mobilización pola "devolución" dos peiraos coruñeses volve á rúa

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Os convenios asinados no ano 2004 polo Goberno de España e o Concello da Coruña para determinar o futuro dos terreos portuarios da cidade cando a súa actividade se trasladase ao porto exterior de punta Langosteira só teñen na actualidade unha formación política como valedora, o PP. Esta mesma semana todas a formacións políticas da corporación coruñesa agás os populares desmarcáronse co seu voto daqueles pactos, paradoxalmente asinados entre laios do daquela conselleiro de Política Territorial, Alberto Núñez Feijóo, que se consideraba excluído das negociacións. Tras a sinatura, o pasado abril, do protocolo no que Xunta e Fomento abren a porta a privatizar ata o 80% destes terreos o goberno municipal insta a unha nova negociación no que todas as Administración "revisen" e muden o acordado.

Este é o pano de fondo co que este sábado a Comisión Aberta en Defensa do Común volveu saír ás rúas da Coruña para esixir a "devolución" dos terreos portuarios da cidade. Un ano despois da masiva manifestación contra a privatización da fachada marítima este colectivo, apoiado por formacións políticas como a Marea Atlántica ou o BNG concentrouse ante a sede da Autoridade Portuaria no marco da convocatoria 'As cidades non se venden'. Esta premisa, salientan, é "precisamente a esgrimida pola Comisión", isto é, "deixar patente que as cidades non son negociables, que cómpre recuperalas para a xente.

A comisión lamenta o "cinismo" da Xunta e Fomento e a "conspiración de silencio imposta por grupos hexemónicos" a respecto desta operación

O "non á privatización" volveu ecoar no centro da Coruña porque, afirma o colectivo, cómpre "denunciar a conspiración de silencio imposta por grupos hexemónicos" e seguida por diversos órganos de difusión", unha "circunstancia tanto ou máis censurábel", xa que "se lle dá patente de corso a un modelo neoliberal e autoritario que nin sequera consulta á veciñanza". "A verdadeira faciana da especulación -agregan- non pode silenciarse porque exclúe a porcentaxes enormes da cidadanía" e torna un patrimonio público como os terreos portuarios en "moeda de cambio". A Comisión lamenta o "cinismo" da Autoridade Portuaria e por extensión, da Xunta e de Fomento, por "xustificaren que os coruñeses teñamos que pagar os sobrecustos de punta Langosteira" mentres "noutros lugares é Fomento quen financia intervencións urbanísticas ruinosas".

O colectivo prepara unha "gran manifestación" para o 26 de maio, lembra

Defensa do Común lembra, ademais, que o acto deste sábado é un máis dos previstos como preparación da "gran manifestación" prevista para o 26 de maio dende a contorna do Hotel Finisterre ata o Campo da Estrada contra a "especulación e venda da fachada marítima" e na que tamén se reivindicará a devolución á cidade dos terreos do Ministerio de Defensa. O colectivo está a ultimar tamén, lembra, unha "enquisa popular á veciñanza da Cidade Vella" sobre estes asuntos.

Carta do alcalde ao resto de Administracións

Ferreiro insta as autoridades galegas e estatais a constituíren a comisión de seguimento dos convenios de 2004 para "revisar" os acordos coa óptica da "xestión pública" dos terreos

Esta concentración produciuse apenas vinte e catro horas despois de que o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, se dirixise por carta ao presidente da Xunta e aos máximos responsables da Autoridade Portuaria, de Portos do Estado e mais de ADIF para lles solicitar a convocatoria da comisión de seguimento contemplada nos propios convenios de 2004.  Esta comisión, coida Ferreiro, debe abordar a "análise e reflexión" sobre a "situación económico-financeira da Autoridade Portuaria", en especial da "débeda derivada da construción do porto exterior", así como o "aseguramento" da conexión ferroviaria cara a esta nova infraestrutura.

"Como proposta", o rexedor coruñés suxire que antes da fin de xuño todas as Administracións senten para revisar os "criterios xerais" dos convenios cunha aposta pola "xestión pública". Este proceso, agrega, debera traer consigo un novo escenario económico para a Autoridade Portuaria e para o pagamento da débeda -uns 300 millóns en total- que agora prevé sufragar coas vendas de terreos no centro da cidade. De ser o caso, di, cumpriría redactar e aprobar un novo protocolo sobre as novas condicións da operación.

O litoral da Coruña afronta unha transformación histórica

CC BY-SA David Lombao

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.