A esquerda galega confía en que triunfe a censura a Rajoy, pero recea de que dimita para impedilo

Rajoy, antes do debate da moción de censura presentada por Podemos © Congreso

A posibilidade de que Rajoy dimita foi este mércores a cuestión do día no Congreso, a tan só unhas horas de que dea comezo o debate da moción de censura impulsada polo PSOE. O presidente do Goberno central enfrontouse á que podería ser a súa última sesión de control mentres a oposición agarda á decisión do PNV, formación que semella ter a clave tras o si adiantado xa por ERC e PDeCAT. Co voto dos nacionalistas vascos, Pedro Sánchez converteríase en novo xefe do Executivo e o PP sería desaloxado do poder sen necesidade de contar con Ciudadanos. 

Rajoy medita dimitir pouco antes de que se debate a moción para impedila e manter o goberno en funcións

Pero Rajoy garda un as na manga. Medita dimitir pouco antes de que se debata a moción, polo que esta decaería e o Goberno cesaría, pero quedaría en funcións ata que se elixise un novo. De fracasar esa nova investidura, mesmo podería permanece até o final da lexislatura e cos orzamentos aprobados. Feijóo xa advertiu de que a dimisión non lle parece unha opción axeitada. 

O presidente da Xunta cre que Mariano Rajoy "non" vai renunciar ao seu cargo "porque sería dimitir das súas responsabilidades". "Non teño ningunha dúbida", expresou, tras advertir de que "se hai alguén responsable na política nacional", ese é o actual presidente español. No fondo paira tamén a posibilidade de que unha dimisión coloque a vicepresidenta Soraya Sáenz de Santamaría como principal alternativa ao liderado no PP e corte o camiño de Feijóo cara a Madrid. 

Feijóo cre que Rajoy "non" vai renunciar ao seu cargo "porque sería dimitir das súas responsabilidades"

Preguntado sobre a vicepresidenta do Goberno central, Feijóo obviou unha resposta e limitouse a destacar os méritos de Rajoy, as súas últimas vitorias electorais e "algo moi importante, a confianza do pleno do Congreso dos Deputados" para "aprobar as contas do ano 2018".

"Non ten ningún sentido e pasariamos á historia do disparate se os mesmos partidos que aproban as contas no día de hoxe apoian unha moción de censura no día de mañá. Non hai un precedente como este en ningunha democracia europea", dixo, antes de insistir: "O presidente non vai dimitir, entre outras cousas porque necesitamos un político serio". Ademais, considera "irresponsable" a moción de censura e sentencia que mudar o Goberno de España por esta vía implica non respectar "o resultado das urnas"

Rajoy, aplaudido pola bancada popular á súa chegada ao Congreso na sesión de control deste mércores / © eldiario.es

Coa incerteza da dimisión ou non e mesmo do apoio final á moción, desde o Congreso a percepción é que o PP non ten saída. A deputada do PSdeG, Rocío de Frutos, ve "con optimismo" o debate deste xoves e advirte de que "no fondo, o ambiente que se respira é que o Partido Popular non pode seguir no goberno". "Agora hai que ver como se retrata cada grupo", comenta a Praza.gal a parlamentaria galega, que cre que a presentación da devandita moción "era unha necesidade e unha obriga". 

De Frutos (PSOE) ve "con optimismo" o debate deste xoves, ao igual que Fernán-Vello (En Marea) que advirte do "si crítico" da súa formación

Desde En Marea, o seu portavoz no Congreso, Miguel Anxo Fernán-Vello, asegura tamén que se respira "unha sensación positiva", aínda que "todo é moi volátil e parece depender do PNV". Ademais, insiste en que a formación galega apoiará a moción "porque é de obrigada razón política para levar a cabo un exercicio de rexeneración democrática". Con todo, advirte dun si "crítico e construtivo" co que, na súa intervención, o deputado alertará da necesidade de "reverter as políticas antisociais e de recortes". "Sería interesante que, de saír adiante, houbese un tempo para recuperar todos estes dereitos civís fundamentais". 

De feito, Fernán-Vello asegura a Praza.gal que na súa intervención lembraralle a Pedro Sánchez a necesidade de "abordar os moitos problemas que ten Galicia" e de afondar "nese Estado plurinacional e pluriligüístico ante un modelo caduco e fortemente cuestionado". "É urxente optar por un horizonte de progreso, limpo e democrático e abordar con urxencia a necesidade de derrrogar reformas laborais, Lomce, copago farmacéutico ou Lei mordaza", insiste. 

Ademais, Rocío de Frutos cre que o debate xurdido arredor da moción está retratando xa moitas formacións, especialmente a Ciudadanos. "A súa actitude defíneo como grupo político, actuando con oportunismo e dándolle voltas a cousas que non poden ser", di quen asegura non estar "nada sorprendida" respecto á actitude dun partido "que basea todo o seu discurso na rexeneración democrática e en ir contra a corrupción". "De apoiar o PP agora, saben que se lles cae boa parte do seu discurso", insiste. 

De Frutos cre que a "actitude" de Ciudadanos "defíneo como partido"; para Fernán-Vello é "un serio perigo, cunha visión moi pouco democrática"

"Ciudadanos, máis que interese na gobernabilidade, ten un interese meramente electoral", engade Fernán-Vello, que cualifica a formación como un "partido eslógan, que dá bandazos dentro da súa teima fixa: o poder polo poder". "Teñen actitudes que reflicten unha visión moi pouco democrática, humanista e construtiva do que é a realidade política e son un serio perigo; os cidadáns deberían tomar nota", conclúe. 

Sobre as acusacións que PP e Ciudadanos lanzan xa ao PSOE por aceptar votos de grupos nacionalistas, De Frutos acúsaos de ter "un discurso retrógrado". "Se se abstivesen, estaría o PP en conivencia co soberanismo porque co seu apoio se impide un goberno socialista? Son deputados como os demais", asegura quen lembra que os populares "veñen de pactar os Orzamentos co PNV e ninguén dirá que non son nacionalistas". Ademais, considera tamén que "sería moi positivo outro escenario político" de cara ao futuro en Catalunya e advirte de que as políticas do PP "supoñen unha involución no Estado autonómico". "Esa posición non a debería defender ninguén, e moito menos os galegos, que temos que defender a nosa autonomía", remata. 

 

O BNG espera que a moción "non quede nun xesto preelectoral"

Desde Galicia, pola súa banda, o BNG agarda que a moción socialista "non quede nun xesto preelectoral" e sirva para "desaloxar o PP" do Goberno do Estado. A portavoz nacional, Ana Pontón, asegurou que unha sentenza como a da Gürtel en "calquera democracia normal" motivaría a "dimisión inmediata de Rajoy". Así, acusou os dirixentes populares de "comportarse con "prepotencia e soberbia" en lugar de "asumir responsabilidades políticas".

Ademais, Pontón ve no Estado unha "lexislatura perdida" e unha esquerda "desorientada e incapaz de facer fronte á dereita" que "acabou entrando no marco do centralismo". Todo, di, mentres "Galicia estivo desaparecida como suxeito do debate político". "Si vimos como nacionalistas vascos e cataláns marcaron a axenda política e as súas prioridades", advertiu tras insistir na "necesidade de que contemos cunha representación no Estado que defenda sen subordinación os intereses galegos". 

Pola súa banda, o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, defendeu a "lexitimidade" da moción de censura, fórmula contemplada no "marco constitucional" e que "moitos cidadáns" ven como "unha fiestra para o futuro" fronte a un Goberno do PP "sentenciado por corrupción".

Rajoy, antes do debate da moción de censura presentada por Podemos © Congreso
CC-BY-SA Nós TV

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.