- Feijóo evidencia as súas vitorias electorais como aval fronte aos seus rivais cara á sucesión de Rajoy
- A oposición insta a Feijóo a "aclarar" o seu futuro e centrarse en Galicia
- CRÓNICA | Os 1.942 días de Mariano co “veleno dentro”. Por Anxo Lugilde
"Durante 37 anos servín o partido en toda clase de cargos", "por ningún pelexei, limiteime a cumprir co meu deber" e "agora penso que chegou o momento de poñer o punto final". A moción de censura que o pasado 1 de xuño levou o socialista Pedro Sánchez á presidencia do Goberno de España desencadeou unha acelerada treboada política que está a dar lugar a escenas inimaxinables apenas unha semana antes. Este mediodía Sánchez comparecía nun escenario que semellaba pensado para Rajoy: unha visita á selección española de fútbol para desexarlle "sorte" antes do Mundial de Rusia e entregar un galardón ao xogador Andrés Iniesta. Ao mesmo tempo, o ata agora líder do PP anunciaba ante a cúpula do seu partido unha decisión que a maior parte de analistas verían proclive para o secretario xeral socialista hai poucas datas: o abandono do cargo. Marcha. Tres décadas despois, volve marchar.
O anterior anuncio de retirada produciuse tamén no marco dunha moción de censura. A que outro socialista, Fernando González Laxe, encabezara en 1987 para tombar o goberno doutro popular, Gerardo Fernández Albor. O feble Executivo de Albor fora defendido naquela sesión de setembro de 1987 polo seu vicepresidente, Rajoy. "Ao señor Albor e a quen estivemos con el durante estes duros dez meses co veleno dentro -en referencia ao grupo do tránsfuga Barreiro Rivas- xulgaranos a historia, non nos xulgarán vostedes", proclamara naquel histórico pleno. Rajoy dicía falar de xeito "desinteresado", coa tranquiliade de quen "posiblemente, dentro de pouco, teña que abandonar a vida política".
Tras aquela primeira retirada de 1987 Rajoy foino case todo en postos clave do PP e do Goberno de España ata que a sentenza do caso Gürtel dinamitou o seu prolongadísimo percorrido
E, efectivamente, marchou. Á localidade alacantina de Santa Pola, á súa praza de rexistrador da propiedade. A ausencia da vida pública durou apenas dous anos, os que tardou en concorrer como candidato ás eleccións xerais como cabeza de lista do Partido Popular, acabado de crear como tal. O mesmo que herdou o sistema de 'caixa B' que estreara a refundada Alianza Popular, segundo a sentenza do caso Gürtel que, máis de trinta anos despois daquela primeira marcha, vén de dinamitar o prolongadísimo percorrido orgánico e institucional de Rajoy.
Dende aquel regreso de 1989 Rajoy foino case todo nunha sucesión de postos claves no PP e no Goberno de España. De vicesecretario e secretario xeral a presidente e candidato cando o dedo de José María Aznar se pousou sobre el. De ministro de Administracións Públicas, Educación, Interior ou Presidencia ao posto de titular do Goberno central cando, tras non logralo nos comicios de 2004 e 2008, o cadáver político do socialista José Luis Rodríguez Zapatero pasou ante a súa porta. Como antes pasaran os de varios dos seus opoñentes internos.
"Chegou o momento"
Dirixentes do PP aplauden a Rajoy no Comité Executivo da despedida / © PP
Rajoy pronunciou o seu discurso final ante os seus nun ambiente descrito por testemuñas directas como "de funeral", informa Íñigo Adúriz para eldiario.es. Quen na última década contribuíu a construír un mito de seu baseado na resistencia emocionouse, agradeceu o apoio e deixou algúns recados á pantasma do PP pasado. El vai estar "dende o primeiro momento á orde de quen elixades" e "á orde é á orde e con lealdade". Non como Aznar.
Antes do discurso da despedida Rajoy tivo tempo para volver desprestixiar o mecanismo da moción de censura, negar a corrupción e atribuírse a "disolución" de ETA
Pero o discurso da despedida, o que incluíu un "ha llegado el momento" que conectou a intervención cos carteis electorais do PPdeG na campaña de 2009 que osixenou a cúpula de Rajoy no peor momento, non chegou ata o final da intervención. Antes Rajoy tivo tempo para volver desprestixiar o mecanismo da moción de censura e proclamar que Sánchez goberna sen "gañar as eleccións", obviando o modelo parlamentario do que parte o Goberno español. "Non nos censuraron os cidadáns", sentenciou.
Non faltaron tampouco as mencións a ETA, cuxa "disolución" atribuíu ao seu Executivo, nin a redución a simples "mentiras" para as acusacións de corrupción que volveron chover sobre o PP tras a sentenza da Gürtel. "Non hai", ao cabo, "ningún motivo para o desánimo", arengou. Agora é tempo de "defender a nosa obra e evitar que deixen España en caída libre" e "recuperar canto antes o goberno".