0 Gardados para despois

Os letrados do Parlamento non avalan o veto xeral a que os deputados digan que o PP foi "condenado por corrupción"

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


A prohibición xenérica de que os membros do Parlamento de Galicia digan que o PP foi "condenado por corrupción" no xuízo do caso Gürtel non está avalada polos letrados do Parlamento. Na última sesión de control da Cámara galega o seu presidente, Miguel Santalices, esgrimiu un "informe" dos servizos xurídicos parlamentarios para vetar esta expresión e chamar á orde os deputados ou deputadas que a pronunciasen. Os voceiros de En Marea, PSdeG e BNG reclamaron sen éxito que Santalices lles facilitase unha copia do documento, petición que reiteraron este luns as deputadas de En Marea Eva Solla e Carmen Santos. Finalmente este martes a Xunta de Portavoces recibiu unha "nota aclaratoria" sobre o informe, e ao contrario do afirmado ou insinuado polo xefe do lexislativo, non constitúe un aval xenérico a esta prohibición, senón unha recomendación de estudar cada caso concreto, como ante calquera outra expresión.

Segundo indican o letrados nesa "nota aclaratoria", a cuxo contido íntegro tivo acceso Praza.gal, foi o propio presidente quen pediu "unha nota aclaratoria" sobre a sentenza do caso Gürtel "e o alcance da condena ao Partido Popular e os conceptos ofensivos a persoas ou entidades que poden dar lugar a chamadas á orde". Nomeadamente, indica, "os extremos da consulta trataron sobre a facultade presidencial da chamada á orde verbo de expresións tales como 'o Partido Popular é un partido corrupto' ou 'o Partido Popular ten sido condenado por corrupción'. Santalices solicitou coñecer, daquela, se pode aplicar neste caso o artigo 105 do Regulamento parlamentario, que o faculta para instar á retirada de "conceptos ofensivos ao decoro da Cámara" e, se o deputado ou deputada se nega, facelo por iniciativa propia coa correspondente sanción.

Os letrados advirten de que non cabe "predeterminar de xeito pechado as expresións que poidan ser causantes da chamada á orde" e lembran que "non é ofensiva unha realidade aceptada polos tribunais nunha sentenza"

O informe dos letrados, marcado pola contención e mesmo por certo ton ambiguo, comeza explicando como "cuestión previa" que ese artigo do Regulamento refírse ás "ofensas" con "vaguidade" e de xeito "indeterminado", polo que "cómpre empregar criterios que a experiencia parlamentaria ofrece" para aplicalo. E "desa experiencia", advirte, "tírase, indiscutiblemente, a liberdade de expresión que as deputadas e deputados teñen reforzada" pola súa "inviolabilidade", avalada á súa vez pola xurisprudencia dos tribunais. Para chamar ou non á orde, agrega, cómpre un "xuízo de valor" dende a Presidencia en cada caso concreto. Non cabe, advirten, "predeterminar de xeito pechado as expresións que poidan ser causantes da chamada á orde".

Partindo esta base, os letrados engaden unha cautela máis. Dado que o devandito precepto é "vago", é necesario "facer unha delimitación negativa del: unha expresión non é ofensiva cando é obxectivamente verdade". E neste ámbito inclúense as que "traen causa nunha condena contida nunha sentenza", toda vez que "non é ofensiva unha realidade aceptada polos tribunais nunha sentenza".

Fragmentos do informe dos letrados do Parlamento sobre a posibilidade de que os deputados digan que o PP foi "condenado por corrupción"

Definicións de "corrupción" e "condena"

Sempre sen pronunciárense abertamente sobre a prohibición, os letrados do Parlamento esfórzanse especialmente en achegar ao presidente da Cámara as definicións de "corrupción", por unha banda, e de "condena, pola outra, e o papel de ambos na sentenza da trama Gürtel. Así, dedican máis dunha páxina do seu informe -composto por un total de catro- a transcribir un artigo da maxistrada Pilar Rasillo sobre que tipo de delitos poden encadrarse no concepto de "corrupción" tras a última reforma do Código Penal.

"En referencia á condena efectuada nesa sentenza por delitos relacionados coa corrupción", din os letrados, o presidente pode chamar á orde se cre, en cada caso concreto, que "tales expresións infrinxen" a "cortesía e respecto da orde parlamentaria"

Unha vez transcrito o artigo da maxistrada os letrados explican que "do estudo" da sentenza da Gürtel "derívase que o Partido Popular foi declarado partícipe a título lucrativo como aspecto non penal", dado que no momento dos feitos un partido non podía ser condenado penalmente, "e a condena produciuse en aplicación do artigo 122 do Código Penal". Houbo, daquela, "condena"."Segundo resolucións do Tribunal Supremo", isto implica que esta é unha condena "civil e non penal", "non se trata dunha pena pois non aparerce no catálogo de penas impoñibles" e "é a proxección do princpio do dereito dcivil que declara a nulidade dos negocios xurídicos por ilicitude da causa, devindo obrigada a restitución".

"Ha de ter coñecemento da adquisición e ignorar a existencia da comisión delictiva", agregan antes de chamar o presidente a "ter en conta" a definición que a Real Academia Española fai da palabra "condena", aínda que todas as intervencións en cuestión foron pronunciadas en galego. "Condena: Dicho de un juez: pronunciar sentencia, imponiendo al reo la pena correspondiente o dictando en juicio civil, o en otras jurisdicciones, fallo que no se limite a absolver de la demanda". Se o informe remitise ao dicionario da RAG, a definición é aínda máis sinxela, aínda que apunta ao mesmo senso: "Pena ou castigo impostos a un acusado".

Unha vez realizadas todas estas observacións, os letrados do Parlamento chegan a dúas conclusións. A primeira, que é "evidente" a "liberdade de crítica política" sobre "os feitos descritos na sentenza" e tamén que esta crítica, como calquera outra, "pode dar lugar á intervención" do presidente "cando se fan imputacións delitivas a suxeitos que non son condenados por delitos". A continuación os letrados sinalan que "en referencia á condena efectuada nesa sentenza por delitos relacionados coa corrupción", as "expresións consultadas" por Santalices "poderían dar lugar a chamadas á orde" se o presidente considera que "tales expresións infrinxen os deberes de cortesía e respecto da orde parlamentaria". Non cabe, daquela, a prohibición xeral.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

En Marea, PSdeG e BNG advirten de que non acatarán a "mordaza" do "informe pantasma": "O PP foi condenado por corrupción"

Luís Villares, Xoaquín Fernández Leiceaga e Olalla Rodil

D.L.

O estupor continúa nas filas da oposición galega despois de que a Presidencia do Parlamento teimase en non lles entregar unha copia do informe xurídico que esgrimiu para lles prohibir afirmar nos plenos que o PP foi "condenado por corrupción" na sentenza do caso Gürtel e, no seu lugar, só lles facilitase a "nota aclaratoria" que non avala ese veto xeral, senón que se limita a constatar que cada expresión debe ser avaliada conforme ao Regulamento e no seu contexto. En Marea, PSdeG e BNG advirten de que non pensan acatar unha "mordaza" nos seus discursos e menos aínda se está baseada nun "informe pantasma".

Na bancada esquerda do Parlamento coidan que o proceso sucesorio no seo do PP e a posibilidade de que Feijóo concorra como principal aspirante ao actual posto de Mariano Rajoy non é alleo a este episodio. "O PP está a pagar con mordaza o casting de Feijóo na carreira sucesoria de Madrid", di o voceiro de En Marea, Luís Villares. Tras pedir e non obter o informe íntegro, sinalou tras a reunión da Xunta de Portavoces, Villares conclúe que os conservadores pretenden que "non se poidan proclamar verdades como que o PP foi condenado por corrupción" pero En Marea, advirte, non vai colaborar con que a Cámara sexa "o escaparate de Feijóo".

Villares: "O PP está a pagar con mordaza o casting de Feijóo na carreira sucesoria de Madrid"

Nun sentido semellante o voceiro do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, avanza que a intención do seu grupo tamén é a de "non someternos a eses criterios" e seguir a "usar a liberdade de expresión ata onde consideremos oportuno". "O PP foi condenado por corrupción" na sentenza sobre a primeira época da Gürtel e "tamén en Valencia" esta mesma semana. Daquela, lamenta, a Presidencia do Parlamento está inmersa nun "intento de protexer o PP" que resulta "absurdo e inútil" como o de "poñerlle portas ao campo" e nun contexto no que o propio presidente da Xunta, resalta, "se referiu ao PSOE como condenado por corrupción nos anos 89 sen que iso suscitase unha chamada á orde".

Leiceaga: "Seguiremos usando a liberdade de expresión ata onde consideremos oportuno"

Pola banda do BNG a súa vicevoceira parlamentaria, Olalla Rodil, tamén constata que no seu grupo "non imos aceptar ningún tipo de mordaza" por moito que "o PP queira recuperar a figura do censor", agora a través dun "informe ad hoc e preventivo" que os membros da Cámara nin sequera poden coñecer na súa integridade. "A Audiencia Nacional condena o PP por corrupción e por tanto, o PP é un partido corrupto", resume Rodil, quen adianta que o Bloque "estuda as medidas a adoptar" no plano legal polo que considera "unha vulneración da liberdade de expresión e dos dereitos dos deputados e deputadas". "Se o PP pensa que a súa involución se vai impoñer, está moi equivocado", conclúe.

Rodil: "Non imos aceptar a mordaza por moito que o PP queira recuperar a figura do censor"

O intento de impoñer un veto xenérico a que os membros do Parlamento digan que o PP foi "condenado por corrupción" supón un paso máis nunha dinámica de aplicación especialmente rigorosa do Regulamento parlamentario iniciada xa nos tempos de Pilar Rojo como presidenta e continuada na etapa de Santalices. Así, como vén detallando Praza.gal, nos últimos anos diversos deputados e deputadas recibiron apercibimentos por pronunciar nas sesións parlamentarias expresións como "corrupto", "machista" ou "este tío", entre outras. Eses apercibimentos levan aparellada a desaparición do Diario de Sesións, o documento oficial que recolle as transcricións dos debates, das palabras consideradas como "ofensas".