A dimisión dos dous presentadores do Telexornal Serán da TVG en protesta polo control informativo ao que están sometidos ese e outros espazos da canle pública desconcertou a cúpula da Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG). Así, mentres oficialmente a compañía declina ofrecer a súa versión sobre o acontecido, fontes da dirección dos medios públicos galegos si ofrecen extraoficialmente a súa versión: que Alfonso Hermida e Tati Moyano ían ser substituídos por outros xornalistas á fronte do programa por mor do descenso na audiencia nas últimas semanas.
A CRTVG declina ofrecer unha versión oficial, pero extraoficialmente asegura que Hermida e Moyano ían ser xa substituídos tras o verán
Non é o que contan fontes do persoal, que aseguran que a decisión de dimitir por parte dos dous xornalistas vén de lonxe, ao igual que as diferenzas entre eles e a dirección de informativos por "discrepancias na liña informativa". Ademais, o momento de presentar a súa renuncia chegou no medio da mobilización que cada semana protagoniza persoal da CRTVG para denunciar a "manipulación informativa" que din sufrir na TVG e na Radio Galega e para reclamar a creación inmediata do Consello de Informativos e o cumprimento das medidas básicas da lei de medios públicos de Galicia. Tanto Hermida como Moyano, ao igual que moitos outros traballadores, amosaron o seu apoio ao Venres Negro e ás súas demandas en numerosas ocasións.
Durante a xornada deste martes, na que Praza.gal adiantou a noticia da dimisión, este diario intentou coñecer a versión dos feitos da CRTVG, que contestou ao día seguinte declinando ofrecer consideración ningunha. Pola contra, si hai unha versión extraoficial que, confirmada a este medio dende a contorna dos máximos órganos de dirección da corporación, pretendía ser tamén o argumentario para facer fronte a esta crise. Segundo esta versión, a directora de informativos xa tomara a decisión de facer cambios de cara ao outono polas "baixas audiencias do Telexornal Serán na temporada 2017-18".
A contorna da cúpula da CRTVG advirte de que a directora de informativos tomara a decisión de prescindir dos dous xornalistas polas "baixas audiencias do Telexornal Serán"
De feito, esas mesmas fontes aseguran que a finais do pasado mes de maio convocouse un cásting de presentadores celebrado entre os días 11 e 13 de xuño ao que se apuntaron unha vintena de xornalistas da TVG e da Radio Galega. Segundo esta versión, foi dous días despois, o 15 de xuño, cando Hermida e Moyano comunicaron á directora de informativos a súa decisión de dimitir e non presentar o Telexornal Serán á volta das vacacións. "A directora considerou apropiada e conveniente a decisión para intentar refrotar as audiencias do formato na nova tempada", insisten.
"A directora considerou apropiada e conveniente a dimisión para intentar refrotar as audiencias do formato na nova tempada"
As críticas á situación da CRTVG e o recoñecemento á "valentía" dos dous presentadores foi constante entre membros da oposición parlamentaria. Este mércores, na sesión de control na Cámara, o portavoz de En Marea, Luís Villares, lembrou as masivas protestas contra a mina de Touro e advertiu de que "a TVG non o conta, seguramente para aforrarnos malas noticias". "Por iso dimiten os presentadores do Telexornal e por iso os traballadores se manifestan venres tras venres", insistiu.
"Os xornalistas enuncian a manipulación informativa e o uso perverso que Feijóo fai dos medios de todos", denuncia Pontón (BNG)
No mesmo sentido, Ana Pontón, portavoz do BNG, culpou a Feijóo da "dimisión dos presentadores dos medios públicos". "Denuncian a manipulación informativa e o uso perverso que vostede está a facer dos medios de todas as galegas e todos galegos", díxolle. Mentres, Xoaquín Fernández Leiceaga, voceiro do PSdeG, asegurou que se "debería cumprir integramente a lei de medios públicos de comunicación, dándolle á televisión a oportunidade de ser un medio para todos" e para que "gañe credibilidade".
Un traballadora da CRTVG suxeita un micrófono / © CRTVG
Ante estas acusacións, o presidente da Xunta limitouse a lembrar que el xa pactara o director da CRTVG. "Se á actual dirección do PSdeG non lle gusta, ten todo o dereito a cambiar de opinión", engadiu, tras asegurar que "non sería razoable" cambiar de director "cada vez que o PSdeG cambia de dirección".
Colaboradores e críticos do programa 'Diario Cultural' decidiron abandonar o programa en protesta pola supresión do espazo
Por outra banda, colaboradores e críticos do programa Diario Cultural, da Radio Galega, decidiron abandonar o programa en protesta pola decisión da dirección da emisora pública de suprimir o emblemático espazo. Así llo comunicaron á xefa de programas da Radio Galega, Tania Fernández Lombao, á que advirten “da destrución dun tecido radiofónico de probada efectividade informativa, con identidade propia, produción singularizada e impulso á diversidade, todo isto marcado por unha calidade indiscutible”.
A carta está asinada por Miguel Anxo Fernández (crítico cinematográfico), Uxía Senlle (crítica musical), Chus Nogueira (crítica literaria), Natalia Poncela (crítica de arte) e Antón Lopo (crítico de teatro). Todos eles cren que "o cambios anunciados son, a todas luces, desacertados", polo que piden á dirixente que "reflexione e reconduza a situación”. "A existencia do Diario Cultural non implica renunciar á súa proposta de programación, cumprimentala con microespazos”, rematan.