Entre as diversas eivas que padeceu o labor das forzas da esquerda parlamentaria galega nos case dez anos que Alberto Núñez Feijóo leva á fronte da Xunta, a sensación de interinaxe nos seus liderados foi unha das máis recorrentes. O presidente do Goberno galego e líder do PPdeG tivo practicamente unha vintena de interlocutores nos grupos da oposición, conformada de 2009 a 2012 por PSdeG e BNG, aos que se sumou AGE na pasada lexislatura e na actual, En Marea. Esa intensa rotación en secretarías xerais e portavocías foi unha das circunstancias que tornou en excepcional algo que si está a ser habitual na actualidade: a confluencia dos principais referentes parlamentarios ou orgánicos destas formacións apoiando diversas causas sociais e políticas.
En apenas doce meses Villares, Caballero e Pontón compartiron mobilización en, cando menos, media ducia de ocasións
Hai apenas un ano que as primarias do PSdeG elixiron a Gonzalo Caballero como secretario xeral do partido. Ese proceso culminou, por extensión, a actual configuración dos liderados e referencias internas das forzas da oposición. En apenas doce meses Luís Villares, no nome de En Marea, Ana Pontón, polo BNG, e o propio Caballero compartiron mobilizacións en, cando menos, media ducia de ocasións. En varias delas deron en situarse tras as mesmas pancartas e en conversar ou chancear en presenza dos medios de comunicación e xunto a outros membros das súas organizacións. Esta imaxe, relativamente habitual por exemplo entre socialistas e nacionalistas nos anos finais do fraguismo, foi practicamente inédita nos primeiros anos con Feijóo na presidencia.
Villares, Caballero e Pontón, con líderes sindicais e de SOS Sanidade na protesta contra a reforma sanitaria / GZ Foto
Unha das primeiras mobilizacións nas que Villares, Caballero e Pontón evidenciaron conxuntamente o apoio das formacións ás que representan a unha mesma reivindicación foi a convocada por SOS Sanidade Pública o pasado febreiro para rexeitar a reforma sanitaria que finalmente o PP acabaría aprobando en solitario. Nese mesmo mes volveron marchar na mesma faixa para apoiar a protesta do persoal de Xustiza en folga para esixir melloras laborais ao Goberno galego.
Pouco despois, en marzo, o voceiro de En Marea, o secretario xeral do PSdeG e a portavoz nacional do Bloque acudiron encabezando as comitivas de cadansúas formacións á masiva mobilización feminista do 4 de marzo en Vigo, pórtico do histórico 8M en Galicia. Tamén durante a primavera, o Día das Letras, os tres acudiron coas súas organizacións á convocatoria d'A Mesa pola Normalización Lingüística a prol da "liberdade" de poder empregar o galego en todos os ámbitos da vida cotiá.
Villares, Caballero e Pontón, nunha das mobilizacións durante a folga do persoal da Xustiza / Praza Pública
Antes do verán a coincidencia volveu darse noutra masiva manifestación, a impulsada pola plataforma contra a mina de Touro-O Pino, onde Villares, Caballero e Pontón volveron participar portando a mesma pancarta, como xa fixeran nas mobilizacións da sanidade ou da xustiza. No regreso tras as vacacións de verán, o pasado 8 de setembro, os tres secundaron a mobilización do persoal dos medios de comunicación públicos contra a manipulación informativa, en cuxo remate foron vistos conversando en ton distendido. O colectivo Defende a Galega, impulsor dos 'venres negros' na CRTVG, advertiunos de que interpretaba a súa presenza como un compromiso de En Marea, PSdeG e BNG coa independencia da TVG e da Radio Galega no caso de chegaren a gobernar. "Tomaremos nota", subliñou o persoal.
Escenario de cambio de ciclo ás portas das municipais
A presenza de Villares, Caballero e Pontón na mobilización do persoal da CRTVG foi, precisamente, un dos albos dos ataques do PPdeG a esta protesta, toda vez que se produce no marco dun clima de cambio de ciclo político a nivel estatal, o iniciado coa moción de censura coa que o PSOE de Pedro Sánchez desbancou do poder ao Goberno de Mariano Rajoy, e tamén ás portas dunhas transcendentais eleccións municipais, as de maio de 2019. Estes comicios, precisamente, son unha arma de dobre fío no entendemento entre as tres formacións da esquerda galega: mareas locais, socialistas e Bloque precisan marcar perfil propio cara ás urnas, pero un clima de entendemento a nivel galego facilitará, a priori, a conformación de maiorías en concellos e deputacións onde cumpra.
Os tres líderes, na mobilización contra a mina de Touro-O Pino / Praza Pública
Os resultados das eleccións municipais serán clave para saber se pode chegar a Galicia un cambio de ciclo político que no Estado foi precipitado pola sentenza do caso Gürtel
No eido interno a maior fonte de incertezas procede arestora de En Marea, única das tres da oposición ás portas dun proceso interno a nivel galego. A formación resultado de diversas confluencias renovará os seus órganos internos este outono nun proceso tras o que cabe agardar que Luís Villares continúe sendo o seu voceiro, aínda que cun papel máis fortalecido ou enfraquecido en función da correlación de forzas que reflictan o novo Consello das Mareas e a nova Coordinadora nun taboleiro con moitas pezas, como pode n ser as principais mareas locais, partidos -Podemos, Anova ou EU-, militancia de En Marea de seu e o grupo máis afín ao propio Villares.
O resultado deses comicios locais co mantemento ou non do poder local actualmente nas mans da esquerda -seis das sete cidades, tres das catro deputacións e diversas vilas destacadas polo seu peso poboacional- será unha proba clave tras a que cabe agardar que cheguen unhas eleccións xerais de data incerta. Ambas citas coas urnas e a eventual continuidade ou remuda de Alberto Núñez Feijóo no cartel electoral do PPdeG modelarán, en boa medida, un clima político máis ou menos proclive a novas fotos conxuntas de toda a oposición. Tamén condicionarán que as facianas dos seus protagonistas sexan ou non as mesmas e ofrecerán pistas sobre se pode chegar a Galicia un cambio de ciclo que no Estado precipitou a sentenza do caso Gürtel.