Dous peritos do maquinista accidentado en Angrois ratifican no xulgado que o accidente era previsible

O avogado do maquinista (esquerda) cos seus peritos, o experto maquinista Ángel Luis Sanz Cubero e a psicóloga Pilar Calvo CC-BY-SA Praza Pública

Adif e Renfe non avaliaron nin paliaron como obrigaba a normativa o risco previsible que existía na curva de Angrois. Así o ratificaron este xoves no xulgado, con distintas palabras, dous peritos designados polo avogado do maquinista accidentado: Ángel Luis Sanz Cubero, maquinista cunha longa experiencia na formación doutros condutores, e Pilar Calvo, psicóloga especializada na análise de erros humanos. Os dous se ratificaron nas peritaxes que xa entregaran por escrito en 2015 (o xuíz non considerou necesario ratificalas presencialmente ata agora) que a partir da análise de cuestións ferroviarias e psicolóxicas moi distintas coinciden en que era previsible, e Adif debera tomar medidas para evitalo, un accidente na curva de Angrois por un despiste do maquinista como o que ocorreu o 24 de xullo de 2013 que deixou 80 mortes.

Os expertos inciden na elevada probabilidade que había dun despiste dun condutor e na incapacidade de palialo da sinalización existente, cuestións das que alertara de xeito expreso un maquinista xefe ano e medio antes do sinistro

Na instrución do accidente o xuíz sospeita que Adif e Renfe non avaliaron como debían o risco da curva, cuestión pola que están imputados seis técnicos ademais do maquinista. O pasado xuño un informe da Axencia Ferroviaria Europea incidiu na necesidade de realizar avaliacións específicas de risco tanto cando Adif e Renfe desconectaron en 2012 a bordo dos Alvia o sistema de control da velocidade que deixaba en mans do maquinista toda a responsabilidade de frear como cando se deseñou a seguridade da liña de AVE Ourense-Santiago antes da súa inauguración en 2011. E niso coincidiron este este xoves Cubero e Calvo.

A peritaxe de Cubero indica que, sen chegar a entrar en como se realizaron ou non as análises de riscos impostas pola normativa europea, a sinalización convencional de respaldo instalada en Angrois, que non foi quen de evitar o accidente en ausencia do desconectado sistema de control constante de velocidade, era incorrecta por si mesma e a súa disposición incorría en “erros” e “incoherencias”. Pola súa banda, Calvo, que participou no seu momento na subcomisión creada no Congreso para a mellora en xeral do sistema ferroviario español, incidiu na ausencia por parte de Adif dunha análise de riscos que tivese correctamente en conta o factor do erro humano tanto ao non instalar o sistema de control da velocidade na curva de Angrois antes da inauguración da liña como na decisión posterior tomada en 2012 de desactivar o sistema tamén a bordo dos Alvia.

A partir da análise de cuestións ferroviarias e psicolóxicas moi distintas, os dous peritos coinciden en que era previsible, e Adif debera tomar medidas para evitalo, un accidente na curva de Angrois por un despiste do maquinista

Antes de que estes dous peritos chegasen a esas conclusións, o risco dun accidente como o que acabou ocorrendo por exceso de velocidade ao despistarse un condutor xa fora alertado de xeito expreso e por escrito por un maquinista xefe un ano e medio antes do sinistro. Aquela advertencia xa sinalaba os dous elementos nos que este xoves incidiron os dous peritos: a posibilidade dun despiste dun maquinista e a incapacidade da sinalización convencional alí existente de palialo.

As comparecencias deste xoves, acompañadas de planos e esquemas, prolongáronse tres horas no caso de Cubero e dúas horas e media no caso de Calvo. Durante elas, avogados de Adif e Renfe tentaron coas súas preguntas que os dous caesen en contradicións que invalidasen as súas peritaxes. Por exemplo, tentou presentarse como responsabilidade do propio maquinista a decisión de atender a chamada que lle realizou o interventor do tren e que foi a causa do seu despiste. Porén, a normativa de Renfe non impedía atender ese tipo de chamadas ante a imposibilidade de saber a priori a súa trascendencia. Igualmente, presentouse como unha medida de seguridade en beneficio dos maquinistas o feito de limitar a curva a 80 quilómetros por hora malia que fisicamente os trens non descarrilarían nela ata unha velocidade moi superior, cuestión que non aparece reflectida na causa en ningún dos numeroso documentos sobre cuestións de seguridade que Renfe lles transmitía aos maquinistas.

Este venres declaran no xulgado outros dous peritos, estes elixidos por Adif e que consideran que a empresa non incumpriu ningunha normativa de seguridade

Previsiblemente, as mesmas incoherencias intentarán evidenciar este venres, pero en sentido contrario, os avogados do maquinista imputado e das vítimas. Tras as comparecencias este xoves dos peritos de parte designados polo maquinista, este venres declararán no xulgado outros dous peritos, estes elixidos por Adif. Ao igual que os anteriores, as súas peritaxes xa foran entregadas por escrito no xulgado con anterioridade, neste caso o pasado mes de xaneiro. Neses informes os dous coincidiron en indicar que a seguridade do sistema ferroviario está fragmentada entre diversos responsables, incluídos os maquinistas, e que Adif actuou de xeito correcto na liña Ourense-Santiago malia permitir que non houbese ningún sistema automático que frease os trens no caso dun erro humano como o ocorrido. Segundo concluíron, non era preciso realizar unha análise integral de riscos do AVE Ourense-Santiago, avaliación que xuíces e o perito xudicial independente da causa botan en falta.

A declaración destes catro peritos prodúcese despois da comparecencia este mércores como investigado do xerente de Seguridade na Circulación de Adif para o noroeste, Fernando Rebón. O xuíz imputouno no seu momento por considerar que a omisión de medidas de seguridade e de avaliación do risco que se lle atribúen ao principal imputado ademais do maquinista, o director de Seguridade na Circulación de Adif, Andrés Cortabitarte, poden ser extensibles a Rebón como subordinado seu. Este mércores, pola contra, Rebón negou ter competencias sobre o deseño da seguridade da liña e dixo que se limitaba a avaliar o seu funcionamento, lembrando que o máximo responsable era Cortabitarte.

Alerta dun maquinista sobre a posibilidade de que se producira un accidente como o que ocorreu Dominio Público Sumario da causa de Angrois

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.