Arquivada a acusación de suborno contra Orozco seis anos despois de estourar o caso Pokémon

Xosé López Orozco, ex-alcalde de Lugo, nunha imaxe de arquivo Dominio Público Concello de Lugo

O pasado 20 de setembro cumpríronse seis anos dende que a opinión pública galega deixou de asociar a palabra Pokémon unicamente aos personaxes de animación xaponesa. Fora nesa xornada cando saíra á luz a investigación instruída pola xuíza de Lugo Pilar de Lara en torno ás adxudicacións de diversas Administracións públicas a empresas do grupo Véndex. As detencións dos daquela alcaldes de Ourense (PSdeG) e Boqueixón (PP) foran os primeiros e rechamantes pasos públicos da Operación Pokémon, que espallou imputacións sobre unha multitude de cargos políticos, ademais de empresarios e persoal público. Un dos políticos cuxa andaina institucional freou de vez por mor desta operación foi a do ex-alcalde socialista de Lugo, Xosé López Orozco, cuxa principal acusación vén de ser arquivada.

Na liña do solicitado pola Fiscalía o pasado xullo, a Audiencia Provincial de Lugo vén de atender o groso dos argumentos do recurso formulado polo antigo rexedor lucense e de resolver o arquivo da acusación de suborno contra el. Ao contrario que De Lara, non ve "ningún dato", agás a acusación verbal do propietario da empresa que fora adxudicataria do guindastre municipal do Concello, José Luis Álvarez, que permita concluír que Orozco recibiu "cantidade ningunha como contraprestación en efectivo pola adxudicación do contrato" deste servizo. Non hai, continúa o auto, probas de que participase para "favorecer" esta compañía nin do suborno mesmo. A Fiscalía si observara, no entanto, indicios de delito do ex-edil Francisco Fernández Liñares.

A Audiencia de Lugo concorda coa Fiscalía e non observa indicios de que o ex-alcalde recibise cartos da empresa adxudicataria do guindastre municipal

Segundo o auto ditado este 26 de setembro as investigacións sobre o patrimonio do ex-alcalde "non reflicten ningún incremento digno de mención" e o tribunal tampouco puido "corroborar" por ningunha vía que houbese cartos negros da empresa que acabasen no peto de López Orozco, a quen tamén exculpa de eventuais irregularidades na concesión de licenzas á mesma empresa, toda vez que as competencias na materia estaban delegadas e non dependían directamente da alcaldía. A xuízo do tribunal "non pode entenderse" como proba de que Orozco recibise subornos o testemuño do responsable da compañía nin tampouco unha anotación de 2.000 euros na súa contabilidade 'B' xunto á palabra "alcalde", xa que "reclite o destino que dicían que ía ter o diñeiro, pero ningún outro dato avala que o destino real fose a persoa de López Orozco. Só consta un agasallo de 174 euros que encadra na cortesía.

"Unha instrución non pode manterse sine die, ten que descansar nunha sospeita inicial e non nunha pretendida busca sen máis de posibles feitos que puidese cometer o acusado", di o auto

Con esta argumentación a Audiencia non observa que Orozco cometese suborno ou tráfico de influencias e resolve o arquivo, aínda que só provisional. Non o fai na súa modalidade definitiva, como pedía o ex-alcalde de Lugo, porque a instrución do caso Pokémon continúa seis anos despois e, eventualmente, no xulgado que o instrúe poderían xurdir novos datos. Así e todo, a Sala aproveita o auto que arquiva as imputacións de Orozco para "reiterar" que "non pode manterse sine die unha instrución", xa que "como referiu o Tribunal Constitucional, unha instrución ten que descansar nunha sospeita inicial seria, baseada nuns feitos concretos constitutivos de delito grave" e "non nunha pretendida busca sen máis de posibles feitos que puidese cometer o acusado", porque tornaría a investigación completa nunha causa xeral contra unha persoa, prohibida no ordenamento xurídico, subliña.

O antigo dirixente socialista xa amosara a súa satisfacción no momento en que a Fiscalía pedira o arquivo do caso poruqe "sempre dixen que son inocente e o señor Fiscal corrobórao". O arquivo do caso do guindastre abre a porta tamén ao arquivo futuro da imputación que pesa sobre o ex-alcalde de Lugo na peza do caso Pokémon que investiga o conxunto do grupo Véndex.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.