Feijóo cre que a oposición critica a súa reinterpretación de Castelao porque “molesta” que a Xunta trouxese o cadro

Feijóo durante a desembalaxe do cadro 'A derradeira leición do mestre' Dominio Público Xunta de Galicia

“Se somos culpables de traer o cadro a Galicia asumimos esa responsabilidade”. Así se pronunciou este xoves o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, ao ser preguntado polas críticas da oposición ao seu discurso institucional na chegada á Cidade da Cultura este mércores do cadro de Castelao A derradeira leición do mestre, intervención na que obviou a súa representación da morte de Bóveda e dos crimes do franquismo e reduciuno a unha defensa xeral da educación fronte ao fanatismo. O presidente interpretou as críticas como que a oposición está “molesta” porque foi o seu Goberno o primeiro que logrou traelo de Bos Aires, onde foi pintado e permaneceu ata o de agora. Tamén amosouse satisfeito porque, máis alá das críticas, non se producisen “incidentes lamentables” como cando o propio corpo de Castelao foi traído a Galicia en 1984.

O presidente alégrase de que co cadro de Castelao non houbese “incidentes lamentables” como cando o seu corpo foi traído a Galicia

“Non debera haber ningún político ao que lle moleste que ese cadro o teñamos aquí, lamento que a alguén lle moleste”, dixo Feijóo, salientando que “temos por primeira vez A derradeira leición do mestre en Galicia”, o que cualificou como “fito histórico”, grazas ás xestións do seu Goberno. A Feijóo preguntóuselle se tiña algún problema en verbalizar que o que Castelao tentou denunciar co cadro era o horror do fascismo, ao que respondeu que “de silenciar nada” e que non ten “ningún problema” en “que todos os galegos coñezan a mensaxe dese cadro”, insistindo na súa visión da polémica: “Se somos culpables de traer o cadro a Galicia asumimos esa responsabilidade”.

Feijóo salientou como "fito histórico" logrado polo seu Goberno ter "por primeira vez A derradeira leición do mestre en Galicia”

“Castelao é patrimonio de todos e non é propiedade dos nacionalistas nin de ningún partido “, dixo, para engadir a continuación sobre as críticas lanzadas desde En Marea e BNG que “imos mellorando, porque cando chegaron os restos de Castelao os incidentes lamentables que alí se produciron, neste caso non se produciron”.

O presidente puña así en relación as protestas verbais deste mércores cos altercados e cargas policiais ante San Domingos de Bonaval cando en 1984, dous anos despois de estreada a autonomía, a Xunta decidiu traer o corpo de Castelao de Bos Aires para enterralo no Panteón de Galegos Ilustres fronte á oposición de quen consideraban que iso supuña incumprir o desexo do nacionalista de non volver á súa terra ata que esta fose libre.

Feijóo e os portavoces dos grupos políticos ante a caixa co cadro na Cidade da Cultura Dominio Público Xunta de Galicia

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.