- Feijóo obvia o asasinato de Bóveda ao recibir 'A derradeira leición do mestre' e volve reinterpretar a Castelao
- 'A derradeira leición do mestre' trae dende Bos Aires o espello da barbarie franquista en Galicia
- VÍDEO | 'A derradeira leición do mestre': Castelao denuncia a barbarie franquista
Diametralmente oposto foi o discurso que pronunciou este venres o presidente Feijóo na inauguración da exposición Castelao maxistral, que estará aberta na Cidade da Cultura ata o 3 de marzo, a respecto do que dixera só dous días antes, o mércores, na apertura dese mesmo lugar da caixa que trouxo desde Bos Aires o cadro A derradeira leición do mestre. Se naquel momento o presidente obviou a figura do Alexandre Bóveda asasinado polo fascismo simbolizada na pintura, este venres, tras as críticas recibidas desde diversos ámbitos, incidiu especialmente na súa morte, coa que, dixo, “quixeron matar a un galeguista que nunca compartiu o totalitarismo dos seus verdugos, como se demostra nese Estatuto de Autonomía do que foi un dos grandes artífices. Aquela Constitución galega contou coa achega e o alento de galegos de diferentes tendencias que viron no autogoberno un punto de encontro”.
O presidente di agora ante a súa familia que con Bóveda “quixeron matar a un galeguista que nunca compartiu o totalitarismo dos seus verdugos, como se demostra no seu Estatuto de Autonomía, aquela Constitución galega”
Tras a redución da pintura a unha defensa xeral da educación ante o fanatismo pola que optou Feijóo o mércores, ao presidente chovéronlle críticas desde En Marea e BNG así como desde diversos sectores sociais e culturais que consideraron que ocultara e manipulara o significado auténtico da obra de Castelao. Este xoves, preguntado en rolda de prensa, Feijóo atribuíu esas críticas a que a oposición lle “molesta” que fose o seu Goberno o que lograse traer temporalmente o cadro de Castelao a Galicia e amosouse contento de que non se producisen “incidentes lamentables” como cando o propio corpo de Castelao foi trasladado de Bos Aires ao Panteón de Galegos Ilustres en 1984.
Pero este venres, pola contra, na inauguración da mostra, e ante os descendentes de Bóveda alí presentes -tamén asistiu unha alumna de Castelao-, o discurso do presidente mudou por completo. Na exposición, dixo, “os máis vellos sentirán os ecos daquela barbarie, e os máis novos preguntaranse asombrados se realmente foi aquí en Galicia onde sucedeu o que relata este cadro conmovedor”. Porén Feijóo ofreceu unha perspectiva máis ampla e, segundo a nota de prensa que distribuíu a propia Xunta, vinculou o asasinato de Bóveda con “escenas semellantes e asasinatos atroces que se produciron noutros lugares de Galicia e de España onde o odio, o rancor e o instinto criminal se apoderaron da realidade baixo diferentes bandeiras”. Nesa liña, dixo, “os verdugos de Alexandre Bóveda gardan parentesco cos de hoxe. As ideoloxías totalitarias que movían as súas mans están presentes no mundo actual baixo diferentes etiquetas”.
Feijóo tamén fixo referencia á emigración e o seu esforzo por abrir escolas en Galicia e agradeceu ás entidades que fixeron posible a viaxe do cadro desde Bos Aires
Feijóo tamén fixo referencia á emigración e o seu esforzo por abrir escolas en Galicia e agradeceu ás entidades que fixeron posible a viaxe do cadro desde Bos Aires: “Grazas á Real Academia Galega, ao Consello da Cultura e, moi especialmente, á Fundación Castelao e á Fundación Alexandre Bóveda. E grazas, por suposto, ao Centro Galicia de Bos Aires, socios na Fundación Galicia América. Pola súa colaboración para que isto sexa posible”.