Feijóo recorre ao personalismo para confrontar con Pedro Sánchez no principal debate sobre Galicia: “Eu estou aquí”

Feijóo intervén no Parlamento no debate de política xeral de 2018 Dominio Público @FeijooGalicia

O presidente abre o debate de política xeral coa promesa de futuras baixadas de impostos e o Xacobeo como principal proxecto do seu Goberno, ao que presenta como antítese da Generalitat catalá

“Eu estou aquí; en Galicia, si”. Con esa frase resumiu o propio presidente Feijóo os dez minutos iniciais que dedicou a falar de si mesmo no seu discurso de apertura do debate anual de política xeral, o coñecido como debate sobre o estado da autonomía. Feijóo fixo xirar a súa intervención, de dúas horas, en torno á confrontación da súa figura e das súas políticas coas do presidente do Goberno central, Pedro Sánchez, ao que presentou como inestable e secuestrado por populistas e independentistas. Fronte ás supostas subidas de impostos aínda non concretadas en Madrid, as baixadas que Feijóo propón en Galicia, cuxa concreción adiou a próximas semanas.

En pasados debates de política xeral, o presidente Feijóo citou nos seus discursos ao catalán Espriu ("Todos somos escravos da lei para que poidamos ser libres") cando en 2017 centrou a súa intervención en cargar contra o soberanismo catalán; ou ao estadounidense Theodore Roosevelt (“Unha gran democracia debe progresar, ou pronto deixará de ser grande ou democracia”) cando en 2014 propuxo un “pulo democrático” en plena vaga de corrupción. Este ano, tres meses despois da súa decisión de non optar á presidencia do PP estatal, Feijóo citouse a si mesmo tirando ao tempo do lema da súa campaña electoral de 2016 e proclamou o antedido “eu estou aquí; en Galicia si”, que contrapuxo aos 11 portavoces parlamentarios distintos que desde 2009 tiveron os partidos da oposición.

“Non tivemos que ir á contra de ninguén, non tivemos que gañar o favor de ninguén, non temos que pagarlle a factura a ninguén; eu só me debo aos galegos”

Está aquí, en Galicia, di Feijóo, “porque unha maioría absoluta, unha maioría excepcional” o elixiu para presidir a Xunta, o que contrapuxo con outros gobernos como o central de Pedro Sánchez, ao que presentou como “gobernado polas minorías”. Fronte a el, di Feijóo, “non tivemos que ir á contra de ninguén, non tivemos que gañar o favor de ninguén, non temos que pagarlle a factura a ninguén”. O presidente galego non puxo en dúbida a lexitimidade da chegada ao goberno de Sánchez, como fan outros cargos populares, pero preguntouse de xeito retórico cal é a diferenza coa súa propia situación e respondeuse: “Que eu só me debo aos galegos e a ninguén máis”. “Galicia, a diferenza dos concellos, autonomías e o propio Goberno de España, non parou en nove anos”, dixo Feijóo, asegurando que “Galicia sempre está no centro da miña toma de decisións, e así vai seguir sendo no futuro”.

Feijóo promete unha baixada de impostos, pero adía a súa concreción ao debate dos Orzamentos para 2019 e condiciónaa á "incerteza" das transferencias que faga o Goberno central

Para ese futuro próximo, Feijóo avanzou no seu discurso que prepara unha nova baixada de impostos autonómicos, pero remitiu a súa concreción ao próximo debate dos Orzamentos para 2019 cuxa aprobación inicial anunciou para este mesmo mércores. “O ano que vén Galicia será unha das comunidades con menos impostos para mercar vivenda habitual usada, e a máis barata no caso dos mozos, familias numerosas e persoas con discapacidade”, foi todo o que dixo a ese respecto, escusando a continuación a súa inconcreción. “Hai un contexto de inseguridade que complica a elaboración dos orzamentos”, argumentou, lembrando que o Goberno central, pendente tamén da elaboración dos seus propios presupostos, aínda non concretou as partidas que transferirá ás comunidades autónomas, situación que Feijóo vinculou coa situación en Catalunya. A receita dos socialistas, dixo, é “máis impostos e máis débeda”, situación coa que “España foi mal e así España volverá ir mal” e na que, malia os bos resultados macroeconómicos galegos que foi debullando, “é imposible que Galicia non se vexa afectada pola incerteza”.

Boa parte dos anuncios formulados este martes por Feijóo foron promesas de que manterá en anos próximos medidas que xa están en vigor, ou que seguirá adiante con plans xa avanzados previamente

Ante esa conxuntura, boa parte dos anuncios formulados este martes por Feijóo foron promesas de que manterá en anos próximos medidas que xa están en vigor, ou que seguirá adiante con plans xa avanzados previamente. Así, dixo, manterá as rebaixas de impostos de anos anteriores, implantará plans sectoriais xa anunciados ou desenvolverá leis xa aprobadas, como a da Renda de Inclusión Social (Risga), pendente desde hai catro anos.

Feijóo dixo que o seu Goberno non traballa só para a actual lexislatura senón para as próximas e, ademais de anunciar un plan estratéxico para o período 2021-2027, puxo o foco no Xacobeo 2021 como gran proxecto de país. Para iso anunciou “O teu Xacobeo, un espazo no que todos os galegos poidan facer chegar as súas ideas”. Segundo o presidente, “a Galicia aberta que inspirou e segue inspirando o espírito xacobeo é o noso modelo”, un galeguismo que contrapuxo ao independentismo catalán que “ataca” os “dereitos dos galegos”.

“Malia ser depositario dunha maioría popular, electoral e parlamentaria elocuente, nin dixen nin direi que Galicia son eu”

Ese modelo dunha “España democrática, plural e autonómica”, di Feijóo, está en perigo polas políticas dalgúns políticos. “Un político situado na responsabilidade poderá cometer erros pero nunca poñerá en perigo os alicerces da convivencia, mentres que o irresponsable ten unha capacidade destrutiva incalculable”, dixo, asegurando que o responsable “nunca dirá o pobo son eu” mentres que o irresponsable “caerá na tentación de sentirse un mesías, emperador ou caudillo ao que todo lle está permitido”. Cara ao final do seu discurso, e malia centrar o seu inicio na súa propia figura e no seu “eu estou aquí”, Feijóo negou a maior: “Malia ser depositario dunha maioría popular, electoral e parlamentaria elocuente, nin dixen nin direi que Galicia son eu”.

Herdanza do bipartito

Xa na sesión da tarde, na súa réplica aos discursos que fixeron os portavoces da oposición, Feijóo mudou o foco e pasou de contraporse ao Goberno central a facelo, novamente, fronte ao bipartito ao que sucedeu hai xa nove anos e medio

Xa na sesión de tarde, na súa contrarréplica aos discursos que fixeron os portavoces de En Marea, PSdeG e BNG (Luís Villares, Xoaquín Fernández Leiceaga e Ana Pontón) Feijóo mudou o foco e pasou de contraporse ao Goberno central a facelo, novamente, fronte ao bipartito ao que sucedeu hai xa nove anos e medio. Entrou así nun intercambio de cifras coa oposición, á que acusou de mentir cos seus números malia que o que fixeron os dous bandos foi interpretar as mesmas cifras de xeito distinto. Así, por exemplo, reprochou a Pontón que dixese que en Galicia a taxa de pobreza chega a medio millón de persoas e dixo, como se fose unha cifra distinta, que segundo o Instituto Nacional de Estatística (INE) a taxa é hoxe en Galicia do 18,7%. Esa porcentaxe é xusto o medio millón de persoas ao que se refería a nacionalista, relación que Feijóo salientou que era superior cando el chegou ao Goberno.

Por reprochar ao bipartito, Feijóo chegou a botarlle en cara que a Xunta estea hoxe pagando aínda as autovías con peaxe en sombra que se construíron daquela. Fíxoo malia admitir que aquelas obras foron licitadas con esa modalidade de pagamento aprazado cando el mesmo era o conselleiro de Obras Públicas do último Goberno de Manuel Fraga.

O presidente Feijóo antes do inicio da súa intervención no debate sobre o estado da autonomía Dominio Público @FeijooGalicia

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.