A lei de inclusión social de Galicia está en vigor dende o 1 de xaneiro de 2014. Unha das súas disposicións establece que os decretos necesarios para despregala deberían estar aprobados durante os seis meses seguintes, isto é, como máximo a finais de xuño dese mesmo ano. Dentro deses decretos pendentes o considerado como máis urxente entre as entidades sociais e persoal do terceiro sector é o que desenvolve a Renda de Inclusión Social de Galicia (Risga), prestación económica de "subsistencia" para persoas en "exclusión social ou en risco de exclusión" cuxa contía máis frecuente rolda os 400 euros e cuxas solicitudes se dispararon durante os anos da crise económica.
Entre as eivas máis frecuentes da Risga as persoas perceptoras e profesionais que a xestionan adoitan sinalar, alén da súa escasa contía, problemas como os atrancos a que dúas persoas que a cobren convivan no mesmo domicilio. As numerosas protestas, pero tamén sentenzas xudiciais contrarias ao criterio do Goberno, levaron a Consellería de Política Social a afirmar a comezos de 2017 que o departamento daquela dirixido por José Manuel Rey Varela estaba a "traballar na redacción" do decreto co obxectivo de aprobalo naquel mesmo ano. Ano e medio despois daquela promesa o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, aproveitou o seu discurso no debate de política xeral para volver anuncialo: "aprobaremos antes de que remate o ano un decreto que permitirá dúas melloras fundamentais: que se poida cobrar máis dunha Risga por domicilio en determinadas circunstancias; e que o cobro dunha parte da renda social sexa compatible co dun salario mentres sexa necesario", dixo.
A lei de inclusión aprobada en tempos de Beatriz Mato fixou xuño de 2014 como prazo de aprobación do decreto e Política Social iniciou os trámites a finais de 2017, na etapa de Rey Varela
Tal e como avanzara Política Social a Praza.gal, no ano 2017 a Xunta incluíu o decreto da Risga no seu plan anual normativo, un documento abeirado na lei de transparencia no que figuran as normas que o Goberno prevé aprobar cada ano. Ao avaliar ese plan de 2017 o propio Executivo tivo que admitir que non o cumprira no relativo ao decreto da Risga, que non obstante sinalaba como en "avanzado estado de tramitación" e "pendente de informes preceptivos". Os trámites comezaran nos últimos días do ano e por iso o incluíu no plan normativo de 2018.
Non foi ata o pasado agosto cando Política Social lanzou o trámite de exposición pública do decreto, cun período para recibir alegacións que finalizou co remate dese mes estival. Na súa versión inicial o decreto mantiña a fórmula de que "como regra xeral, concederase unha soa renda por domicilio" e indicaba como contía xeral pouco máis de 400 euros. Segundo Feijóo, no texto final esa formulación vai variar.
Cando menos dúas sentenzas xudiciais corrixiron nos últimos anos o criterio da Xunta na aplicación da Risga
Se o anuncio enunciado por Feijóo no debate de política xeral torna finalmente en realidade o decreto da Risga chegará despois de dúas conselleiras e un conselleiro -a lei de inclusión foi aprobada en tempos de Beatriz Mato como titular de Benestar, cando José Manuel Rey Varela asumiu Política Social o prazo xa estaba incumprido e agora, se é aprobado, quen o faga será a nova conselleira, Fabiola García-, pero tamén despois de, cando menos, dúas sentenzas xudiciais que corrixiron o criterio da Xunta neste eido. Así, en febreiro de 2017 un xulgado de Vigo recoñecía o dereito dunha muller a recibir a Risga malia compartir domicilio con outra persoa que tamén a percibía e, recentemente, outro xulgado de Ourense impediu a Política Social retirar a renda de inclusión a unha muller por vivir no mesmo edificio que a súa irmá.