Ana Pontón leva algo menos de tres anos á fronte da portavocía nacional do BNG, responsabilidade á que chegou tras un dos períodos máis convulsos da historia da formación frontista. No ecuador dunha lexislatura que para o Bloque comezou superando o reto das eleccións galegas cun resultado maior ao augurado polas enquisas, Pontón asegura percibir "unha corrente de ilusión" en torno á organización que encabeza, á que sitúa nunha "nova etapa". Cos comicios municipais como reto máis inmediato, Pontón debuxa un país cun Goberno esgotado e un presidente que atende fundamentalmente ao seu "ego" mentres Galicia, tamén a nivel estatal, está a ser tratada "como última carta da baralla". E "cando non estás no taboleiro, non xogas a partida", ilustra.
Chegamos á metade da lexislatura. Diría que o país está mellor ou peor que daquela?
Temos que facer un balance desta case década de goberno de Feijóo, porque senón teríamos unha óptica limitada. Vexo un presidente sen proxecto de país, que cre que instalado como profeta da posverdade pode solucionar con propaganda e mentiras unha realidade con síntomas preocupantes no emprego, nos servizos públicos e no papel do país como nación sen Estado. Segue habendo emigración e precariedade, temos menos emprego que cando el chegou e nos grandes temas, Galiza está desaparecida. A única militancia de Feijóo é España e Galiza non deixa de ser un apéndice ao que non ten nada que ofrecer. Mentres, o Goberno está paralizado, sen iniciativa. Un cascarón baleiro. Por iso no BNG pensamos que é urxente dar un xiro de 180 graos e o nacionalismo é quen representa a alternativa, cun modelo no que Galiza sexa protagonista e un proxecto de país sólido.
"A única militancia de Feijóo é España e Galiza non deixa de ser un apéndice ao que non ten nada que ofrecer. Mentres, o Goberno está paralizado e sen iniciativa"
O resultado do BNG hai dous anos supuxo unha sorpresa fronte ás enquisas e tamén un punto de inflexión tras unha etapa complexa para vostedes. Como diría que está o Bloque dous anos despois?
Estamos en forma. Somos unha organización sólida, unida e cohesionada. Conseguimos xerar unha corrente de ilusión ao redor desta nova etapa do BNG e estou convencida de que se vai notar nas eleccións municipais, aínda que sabemos que hai moitas claves locais. Estamos en disposición de ofrecer unha alternativa de cambio real para Galiza. Estamos facendo unha oposición sólida e firme e, nos grandes temas, quen ten o impulso é o BNG. Algúns asuntos, como a transferencia da AP-9, se non estivese o BNG por tras nunca estarían na axenda; aproveito para dicir que as forzas estatais que estiveron a boicotear esa transferencia agora, cando hai que ir defendela a Madrid, dan un cobadazo a quen redactou e impulsou esa iniciativa. Eticamente é pouco presentable.
Cre que desta volta se aprobará? Levamos dez anos sen novas competencias e o voto neste caso non está claro.
Eu non vou facer futuribles. O que sei é que no pasado o PP votou a prol na oposición e no Goberno, en contra. E o PSOE actuou dun xeito similar. Para nós a incógnita é Podemos, que non sabemos que papel vai cumprir. Nós o que dicimos é que todo o que arrodea a AP-9 é unha estafa colectiva que aínda por riba agora está a ser vendida a cachos. Nós queremos que se aprobe a lei tal e como se rexistrou inicialmente e que iso signifique non só a transferencia, senón tamén o rescate e a fin das peaxes.
"En Alcoa a prioridade é que non se perda nin un só posto de traballo e por iso hai que parar ese desmantelamento. Os gobernos teñen instrumentos importantes para frealo"
Un dos argumentos contra ese rescate é que non sería viable. Teñen feito o cálculo ao respecto? Os que fixo o anterior Goberno de España, duns 4.000 millóns de euros, non se correspondían coa realidade nin co fixado na lei de contratos…
Eu o único cálculo que fago é que o Goberno do PP tiña tres, catro ou 5.000 millóns para rescatar as radiais madrileñas. É un problema de vontade política, non de recursos. Despois de inxectar 60.000 millóns á banca quérennos facer crer que non hai recursos para unha infraestrutura estratéxica e eliminar unha barreira, un imposto por circular pola zona máis poboada de Galiza que vai directamente a unha multinacional e fai que a xente circule por vías menos seguras. Parécenos un disparate.
Pontón, dirixíndose a Feijóo durante o último debate de política xeral / Parlamento
Falando de multinacionais, Alcoa está moi presente na actualidade pola súa nova ameaza de peche, catro anos despois da anterior. Vostedes subliñan a cuestión da tarifa eléctrica, a Xunta apunta que non é viable… Pero vostedes confróntano coa situación vasca.
En Alcoa a prioridade é que non se perda nin un só posto de traballo e por iso hai que parar ese desmantelamento. Os gobernos teñen instrumentos importantes para frealo. Ao mesmo tempo é inevitable facer outra reflexión, porque o principal problema son os custos da electricidade. Como pode ser que Galiza, un país excedentario en enerxía eléctrica, asista de brazos cruzados ao escándalo de que pechen empresas polo prezo da enerxía? A decisión de como son as tarifas é política; o exemplo témolo coa tarifa vasca. Non é só que exista, é que o Goberno de Sánchez acaba de mellorala e acaba de validala a Comisión Europea. A tarifa galega evitaría situacións como a de Alcoa e rebaixaría a factura á xente.
"É importante que a comisión de investigación sobre a sanidade sexa un espazo para dar voz ao sufrimento que causaron os recortes"
No ámbito parlamentario vostede comenta que non é doado facer ver o traballo da oposición. Veñen de pactar co resto da oposición a apertura da comisión de investigación sobre os recortes na sanidade. Que agardan dela, aínda sabendo que o PP conta con maioría absoluta tamén na propia comisión?
Primeiro, significou a visualización dun problema moi importante que estamos tendo neste país co desmantelamento e privatización da sanidade, que sufriu moito durante a crise e ese deterioro cada vez é máis perceptible na vida das persoas. Tamén hai un detonante, que é que morra unha persoa nun centro de urxencias porque non había para atendelo un médico que tiña que estar contratado e despois de que o persoal dos PAC alertase de que calquera día ía haber unha desgraza en Galiza. Lamentablemente, esa desgraza ten nome propio, que é o de José Manuel Brey Brea e como sociedade non podemos aceptar como normal que iso pase, temos que poñer todos os medios para que iso non pase. Esperamos esclarecer as circunstancias da morte de José Manuel Brey na Estrada e que a comisión sexa un golpe na mesa para poñer fin aos recortes e ao deterioro da sanidade pública.
Diante desta comisión, como da reformada lei de saúde, Xunta e PP respondéronlles con moita intensidade. Afirman que as súas críticas se basean en mentiras…
É curioso que sindicatos, colexios profesionais, plataformas, asociacións de doentes… Todo o mundo mente agás o PP, que xa sabemos que se caracteriza por ser un fiel defensor da verdade. Non creo que todo o país denuncie recortes sanitarios por mor dunha mentira da oposición. Pero, en fin, é propio dun Goberno presidido polo profeta da posverdade.
"En certos momentos sentín que algunhas forzas políticas se trabucaban de adversario no debate parlamentario e creo que iso é un erro, porque estamos aquí para construír un proxecto en positivo para este país e temos que ser capaces de xerar un cambio na Xunta"
Cre que este acordo serve para facer ver que nalgúns asuntos fundamentais existen acordos entre a esquerda parlamentaria?
Na oposición hai forzas políticas diferentes, con visións e proxectos políticos distintos. Pero tamén temos capacidade de diálogo e elementos en común que nos preocupan, como ten o resto da cidadanía. E un deles é a defensa da sanidade. Penso que moitas persoas sentiron que aí estabamos a tirar por un tema sensible e agradecen ese xesto. É importante que a comisión sexa un espazo para dar voz ao sufrimento que causaron os recortes e a xente vexa que hai alguén que os escoita. O proceso pode ser moi interesante como caixa de resonancia do sentir social sobre o que está pasando na sanidade. Non confío tanto nas conclusións porque dá a sensación de que o PP xa as ten escritas.
Sobre eses acordos e relacións entre a oposición vostede repetiu en varias ocasións durante a lexislatura que non se ía confundir de inimigos. Cre que outras forzas si o fixeron?
Non vou reescribir o pasado. Si sentín en certos momentos que algunhas forzas políticas si se trabucaban de adversario no debate parlamentario e creo que iso é un erro, porque estamos aquí para construír un proxecto en positivo para este país e temos que ser capaces de xerar un cambio na Xunta de Galiza. É fundamental poñer en marcha unha alternativa sólida e tamén digo, coa mesma clareza, que quen dá garantías de que iso sexa así é o BNG. Nós estamos en condicións de poder liderar ese cambio para que as cousas vaian a mellor en Galiza.
DOUS ANOS DE LEXISLATURA Neste espazo Praza.gal conversa, durante varias semanas, con líderes de diversas forzas políticas a respecto da situación do país dous anos despois das eleccións galegas de 2016 e ás portas dun novo ciclo electoral