- HEMEROTECA | A oposición galega activa a investigación dos recortes sanitarios: "Unímonos na defensa da saúde da xente"
- HEMEROTECA | A familia do falecido no PAC da Estrada sen atención médica: "Esta é unha consecuencia dos recortes"
O falecemento dun paciente no Punto de Atención Continuada (PAC) da Estrada sen atención médica a comezos do pasado agosto foi o detonante para unha imaxe practicamente inédita nos case dez anos que xa transcorreron dende que o PP regresou ao Goberno de Galicia. En Marea, PSdeG e BNG, toda a oposición, sentaron á mesma mesa e pactaron a apertura dunha comisión de investigación para, a partir do sucedido no ambulatorio estradense, pescudar nos efectos dos recortes sanitarios da última década. Fixérono abeirándose na norma parlamentaria que dende 2015 permite abrir unha investigación parlamentaria por lexislatura aínda que non sexa apoiada pola maioría absoluta da Cámara. Esa investigación vén de esfarelarse, pola vía dos feitos, inmediatamente despois do seu inicio.
A activación dunha investigación por parte da oposición non altera o xogo de maiorías: a comisión ía ser controlada polo PP
A activación deste recurso parlamentario non altera o xogo de maiorías no Parlamento. Isto implica que, unha vez aberta, a comisión é controlada en última instancia por quen ostenta a maioría absoluta, como todos os órganos do lexislativo. No caso da actual composición da Cámara galega isto implicou que inmediatamente despois de poñela en marcha ningunha decisión puidese ser tomada sen o visto e prace do PP. Así sucedeu coa elección da Mesa -órgano reitor da comisión- e así vén de acontecer coa definición do plan de traballo, decisión esencial que determina que persoas son chamadas a comparecer e que documentación é manexada durante a investigación. O PP tiña claro que non ía permitir o que definiu como unha "causa xeral" á súa xestión sanitaria e por iso os marcos do xogo ían depender del.
Os grupos da oposición propuñan uns 200 posibles comparecentes que reduciron a uns 80, entre eles un representante da familia do paciente falecido na Estrada sen atención médica
Os grupos da esquerda, promotores da investigación, rexistraron cadansúas propostas de plan de traballo. As propostas de En Marea, PSdeG e BNG sumaban unhas 200 propostas de comparecentes, se ben este mércores deron en bosquexar un acordo que reducía a listaxe a uns 80 nomes. Entre eles destacaba, por exemplo, o chamamento a comparecer no Parlamento a un familiar de José Manuel Brey, o home falecido no PAC da Estrada ou representantes do persoal dos Puntos de Atención Continuada que se mobilizan dende hai meses en demanda de maiores medios para realizar o seu traballo. Tamén solicitaran, por exemplo, a presenza dun representante da multinacional estadounidense Medtronic, compañía coa que o Sergas mantén activos convenios que tratou como secretos durante meses.
Ana Pontón, Luís Villares e Xoaquín Fernández Leiceaga, anunciando o pacto para abrir a comisión, o pasado setembro / BNG
O PP ofreceu incorporar ao seu plan 20 nomes escollidos de entre todas as propostas da oposición. A negociación non podía tornar "nun buffet no que o PP chega e colle o que quere", retrucaron
Nun clima de obvia tensión e varios recesos, os populares dixeron estar dispostos a chegar a un acordo que, no caso dos comparecentes, implicaba que o partido que sustenta o Goberno de Feijóo escollese unha vintena de nomes de entre todos os solicitados pola oposición. Permitiría, por exemplo, que acudise a asociación de persoas afectadas pola Hepatite, plataformas como SOS Sanidade Pública e o Movemento Galego da Saúde Mental, sindicatos como CIG Saúde e CC.OO. ou o doutor Evaristo Varo, representante da asociación Batas Blancas. Quedaba fora do catálogo elixido a familia do falecido na Estrada, caso para o que admitían que acudise o coordinador do centro de saúde. Tamén eran excluídos outros moitos nomes e representantes de profesionais do Sergas, de empresas ligadas á sanidade e de diversas entidades sociais.
O que para os conservadores foi todo un exercicio de consenso, para os grupos da esquerda supuxo a enésima mostra do "rodete" popular. "Mesmo malia ofrecerlles unha redución das comparecencias propostas pola oposición", ao PP "non lle basta con gañar, tamén quere humillar", di Eva Solla, de En Marea. Unha negociación sobre quen comparece ou non, agrega dende o PSdeG Julio Torrado, non pode tornar "nun buffet no que o PP chega e colle o que quere" para "impedir comparecencias que porían en evidencia" que o Goberno galego está a "mentir" sobre a súa propia xestión sanitaria. "Escollen só as comparecencias que lles interesan", resume dende o BNG Montse Prado, para quen o acontecido foi "gravísimo, antidemocrático, humillante".
Feijóo e o conselleiro de Sanidade, Vázquez Almuiña, nunha imaxe de arquivo / Xunta
A oferta dos populares tornou nun 'todo ou nada' ante o que a oposición decidiu abandonar a comisión, que a efectos prácticos e políticos xa non existe
Os populares deron en ofertar un todo ou nada pola vía dos feitos. Ou a suma da súa escolla entre os comparecentes propostos pola oposición ou só a lista impulsada polo propio PP. Neste contexto, os tres grupos da oposición abandonaron a comisión e o Grupo Popular aprobou o seu propio plan de traballo en solitario, con 26 comparecentes. Entre eles, Alberto Núñez Feijóo e o conselleiro de Sanidade como principais representantes políticos, cargos directivos de diferentes hospitais galegos e unicamente tres representantes de entidades sociais (Federación de Enfermidades Raras, Asociación Galega de Transplantes e Asociación Galega de Hemofilia).
Segundo o voceiro sanitario do PP, Aurelio Núñez, a oposición demostrou ser " irresponsable" e "privou" de incorporar a devandita vintena de comparecentes, o cal considera "surrealista". Dende o PPdeG afírmase, en calquera caso e como en anteriores ocasións, que as acusacións da esquerda sobre o rodete popular son, simplemente, "mentira". Pola banda esquerda reitéranse verbas como "vergoña", "trágala" ou "bochorno" para resumir o acontecido. A comisión, a efectos prácticos e políticos, xa non existe.