O alcalde de Barreiros senta no banco dos acusados 12 anos despois de dar licenzas ilegais para 2.966 vivendas

Urbanismo disperso na costa de Barreiros CC-BY-NC-SA Plan de Ordenación do Litoral

O 15 de novembro de 2006, hai agora doce anos, o goberno local de Barreiros outorgou licenzas para construír 333 vivendas que non tiñan garantidos servizos básicos de electricidade, abastecemento, saneamento ou acceso rodado. A de aquel día foi a última reunión para tal fin dun ano no que concedeu permisos para un total de 2.966 vivendas con carencias similares nun municipio de só 3.200 habitantes que hoxe conta con múltiples estruturas de edificios a medio levantar e 3.500 segundas residencias que só se ocupan en verán e fins de semana ou que están baleiras.

O rexedor será xulgado a partir deste luns por prevaricación porque contaba con informes en contra de outorgar os permisos, xa declarados incorrectos por outras sentenzas e que causaron perdas millonarias aos seus promotores

Este luns, doce anos despois, o alcalde que encabezaba aquel executivo local do PP, Alfonso Fuente, que quería facer da súa vila "o Sanxenxo do norte" e que segue actualmente ao mando do Concello, sentará no banco dos acusados. Nun xulgado de Lugo fará fronte ao demorado xuízo por aqueles feitos no que a Fiscalía pide dous anos de cárcere e dez de inhabilitación por prevaricación urbanística tanto para o rexedor como para outros cinco concelleiros e a arquitecta municipal, Marta Geada Arca.

A comezos de 2007 aqueles edificios ilegais foron paralizados, algún a medio construír e outros sen moverse unha pedra, polo Goberno galego daquela formado por PSdeG e BNG cunha decisión que o alcalde considerou unha persecución persoal. Posteriormente a xustiza determinou que aquela paralización foi incorrectamente tramitada, polo que os promotores inmobiliarios que obtiveran as licenzas municipais esgrimiron perdas millonarias e levaron á Xunta aos tribunais. Pero a xustiza vén rexeitando en sucesivas sentenzas emitidas no que vai de ano as pretensións indemnizatorias dos construtores por importes que suman xa máis de 20 millóns de euros. Non teñen dereito a que a Xunta lles compense esas perdas porque, di o tribunal, con independencia de que o Goberno galego as paralizase de xeito incorrecto, aquelas licenzas que lles dera o goberno local eran ilegais.

Fragmento dunha sentenza do TSXG rexeitando as indemnizacións que pedían os promotores porque as licenzas municipais que obtiveran eran ilegais

O escrito de acusación da Fiscalía é un compendio das diversas ilegalidades urbanísticas que se poden cometer

O que agora se dirimirá no novo xuízo, desta volta contra aquel goberno local que outorgou os permisos, é a súa responsabilidade penal por dar esas licenzas ilegais malia contar con informes en contra. Porque xa en marzo daquel 2006 o daquela director xeral de Urbanismo da Xunta, o socialista Ramón Lueje, emitira unha comunicación ao Concello informándoo de que a lei impedía desde comezos daquel ano outorgar licenzas para eses terreos non urbanos aos municipios como Barreiros que carecían de plan de urbanismo actualizado. Malia ese aviso directo e explícito, nos meses posteriores e ata a intervención do urbanismo local pola Xunta, “os integrantes do equipo de goberno do Concello de Barreiros concederon [...] 45 licenzas para a construción de edificacións [que sumaron 2.966 vivendas], pese a estas deficiencias insalvables, recollidas nos informes xurídicos da secretaria municipal, do que prescindiron, pese a ser preceptivo, en parte dos procedementos que seguiron”, di a fiscal.

Porque mentres a arquitecta municipal, tamén acusada, obviou as irregularidades, a secretaria municipal non o fixo e advertiu expresamente delas. O escrito de acusación da Fiscalía é un compendio das diversas ilegalidades urbanísticas que se poden cometer. Os terreos afectados, moitos dedicados á agricultura ou a gandaría, di a fiscal, “distaban, en termos irreconciliables, do que podería ser unha malla urbana, xa que carecían de acceso rodado público e de servizos de abastecemento de auga, evacuación de augas residuais, rede de saneamento e subministro de enerxía eléctrica con iluminación pública”. Nalgún caso as edificacións ocupaban solo protexido. É paradigmática a imaxe recollida anos despois nunha publicación da Xunta dun cartel ofrecendo a venta de chalés “con auga e luz” como algo extraordinario xa que moitas das edificacións que se facían daquela en Barreiros carecían daqueles servizos.

Oferta de chalés en Barreiros con "auga e luz" como algo extraordinario, nunha imaxe dunha publicación da Xunta

Hoxe en Barreiros, con 3.200 habitantes, hai 3.500 segundas residencias que só se ocupan en verán e fins de semana ou que están baleiras

Malia as ilegalidades, xa sentenciadas, e declaracións como que "as feministas son feministas ata que casan", o alcalde de Barreiros obtivo desde aquela outras tres maiorías absolutas para o PP e teimou no seu modelo de crecemento urbanístico, rexeitado novamente pola Xunta agora controlada polos seus compañeiros de partido. Pouco despois da súa última vitoria electoral, a de 2015, cando rematou a instrución xudicial do actual caso e se abriu xuízo oral contra el, Alfonso Fuente deixou o PP pero non o cargo. Segundo varias fontes, a intención súa e do partido é a de volver presentarse ás eleccións do próximo mes de maio novamente como candidato dos populares, pero para iso ten que ser antes absolto. Un obstáculo para acadar ese obxectivo foi a demora do xuízo que comeza este luns, que estaba previsto para o pasado mes de febreiro pero que tivo que ser posposto pola folga na administración de xustiza activa daquela en Galicia. Así que será finalmente doce anos despois cando, xa xulgado e condenado o urbanismo desaforado de Barreiros, o alcalde que o impulsou sente á fin no banco dos acusados.

Alfonso Fuente, alcalde de Barreiros © PP de Lugo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.