- O Goberno do PP freou a construción de fragatas en Ferrol para adaptalas aos mísiles da empresa de Morenés
- Cospedal encargou por 9,5 millóns á empresa de Morenés avaliar os mísiles que atrasaron as fragatas de Ferrol
"Non tiñamos coñecemento ningún de que o atraso se debese ás peticións da empresa de Morenés". Javier Galán, presidente da coordinadora de comités de empresa dos estaleiros de Navantia na ría de Ferrol, confirma que nin os representantes do persoal coñecían os motivos do aprazamento da construción das fragatas F-110. "Todo o que soubemos foi o que se deslizou no Parlamento hai uns meses", confirma.
O Goberno central do PP, como destacou eldiario.es, freou a construción das fragatas en Ferrol para adaptalas aos mísiles da empresa do ex-ministro Morenés. Ademais, a daquela ministra de Defensa, María Dolores de Cospedal, encargou por 9,5 millóns á compañía do propio Morenés avaliase a idoneidade deste armamento que aprazou durante meses a carga de traballo da que dependen milleiros de empregos na ría ferrolá.
"Estiveron xogando durante dous anos; atrasaron unha carga de traballo que podía estar finiquitada hai tempo", di o comité de empresa
"Estiveron xogando durante dous anos con que empresa ía fabricar os mísiles cando a Armada xa deixara claro cal era o tipo de armamento que ía levar; atrasaron unha carga de traballo que podía estar finiquitada hai tempo", denuncia Galán sobre un contrato que aínda non está asinado pero que prevé rubricarse antes de final de ano.
Os sindicatos evitan cifrar o que suporá en termos de emprego, pero o Executivo aclara que o investimento de 4.000 millóns de euros traerá consigo carga de traballo aos estaleiros ferroláns durante polo menos unha década. Calcula a creación de 7.000 postos de traballo directos e indirectos na comarca de Ferrolterra, unha zona moi castigada pola reconversión naval nas últimas décadas. Deles, 1.300 empregos serían directos, 2.000 asociados á industria auxiliar e outros 3.500 empregos indirectos xerados por outros subministradores.
Desde 2009, a grave crise económica provocou, segundo aclara a propia Navantia, que se esvaecese o 50% da súa carteira de pedidos. En Galicia, as eternas promesas da Xunta tras o seu acordo coa petroleira mexicana Pemex quedaron en moito menos do asegurado por Feijóo. Para Ferrol, o Goberno galego chegou a falar de 2.000 empregos coa construción do flotel para o país azteca, pero a cifra máxima foi de 500 a pleno rendemento. No limbo quedaron o resto dos numerosos anuncios do Executivo para o país: tres buques tanque, un atuneiro, un barco de apoio a plataformas petrolíferas, a renovación de parte da frota, dous quimiqueiros e os remolcadores. Nada se fixo.
A leve recuperación económica chegou tamén ao naval ferrolán, que nos últimos meses traballou en dous buques de apoio loxístico para Australia, nos BAM (buque de acción marítima) para a Armada española ou no mantemento de fragatas para Noruega, ademais de diversos e importantes encargos para a eólica mariña.
Ademais, a entrada en vigor do polémico contrato de construción de cinco corbetas para a Armada de Arabia Saudita tamén supuxo un respiro, xa que aínda que só medio cento dos 6.000 empregos creados serán na ría ferrolá, posibilita que as fragatas F-110 se constrúan en Ferrolterra sen necesidade de compartir a carga con Andalucía.
Segundo a propia Navantia, a empresa pública xera 15.500 postos de traballo en Galicia entre os directos, indirectos e inducidos
Durante o ano 2017, segundo Navantia, a empresa pública achegou a Galicia uns 4.000 empregos "de calidade directos e de industria auxiliar". "Se a iso se lle engaden os empregos inducidos xerados na zona pola actividade de Navantia, a cifra alcanza os 15.500 postos, o 23% do emprego industrial da provincia da Coruña", explicaba a compañía hai uns meses.
Para o alcalde de Ferrol, Jorge Suárez, o freo á construción das fragatas para adaptalas aos mísiles da empresa de Morenés "pon de manifesto, de xeito palmario e documental, o que era un segredo a voces: a intención do Goberno do PP de desmantelar os estaleiros públicos da ría de Ferrol". E lembra, ademais, que en xogo están "miles de postos de traballo e familias" que están "pendentes dun sector estratéxico e estratexicamente dilatado desde o Executivo", que se une á "perda demográfica para o municipio, con todo o que iso leva aparalledo para a economía local, que depende do naval como cabeza tractora".
"O caso pon de manifesto a intención do Goberno do PP de desmantelar os estaleiros públicos da ría de Ferrol", di o alcalde
Agora, unha vez se asine o contrato das fragatas, chegará "unha necesaria e moi agardada concreción dun programa do que se viña falando desde hai anos, pero que non se comprometera realmente". "Ten que vir, indisolublemente, acompañado do Plan Industrial que o cadro de persoal de Navantia Fene e Ferrol leva anos demandando e do Asteleiro 4.0", di Suárez, que non aforra críticas cara a José Manuel Revuelta, antigo presidente de Navantia e que deixou o cargo en abril de 2017.
"Foi o presidente mais nefasto e destrutivo, que desde o inicio viña co encargo de despezar as factorías de Ferrol e Fene e reconvertilas nun modelo privado similar ao da automoción", dixo.