- ANÁLISE | En Marea, PSdeG e BNG manteñen a unidade para investigar os recortes sanitarios
- HEMEROTECA | A oposición galega activa a investigación dos recortes sanitarios: "Unímonos na defensa da saúde da xente"
- HEMEROTECA | Adeus á investigación dos recortes sanitarios que pactou toda a oposición
Advirten de que esta proposta "non é para negociar uns nomes ou outros" e que de non cumprirse este plan de traballo o PP quedará só na comisión
En Marea, PSdeG-PSOE e BNG presentaron este venres unha proposta conxunta para salvar a comisión de investigación sobre a situación da sanidade en Galicia, trala negativa do Partido Popular a aceptar o plan inicial de traballo proposto pola oposición. Das 200 peticións de comparecencia iniciais, os tres grupos xa reduciran a cifra a 80, das que o PP rexeitou 60, deixando invalidada e sen contido a Comisión.
As tres forzas solicitaron a celebración da Comisión cun punto único na orde do día: a aprobación da modificación do plan de traballo. E tanto Luís Villares, Ana Pontón e Xoaquín Fernández Leiceaga sinalaron que esta proposta "non é para negociar uns nomes ou outros" e que de non cumprirse este plan de traballo o PP quedará só na comisión, como xa anticipaba Praza Pública este xoves.
Piden a comparecencia de 44 persoas. Das 200 peticións iniciais, os tres grupos xa reduciran a cifra a 80, das que o PP rexeitou 60, deixando invalidada e sen contido a Comisión
O documento consensuado pola oposición galega propón unha revisión de todo o sistema sanitario galego e analizar as situacións máis graves, que coa fórmula proposta polo PP hai unha semana quedarían sen investigar. Así, pídese recabar toda a documentación que explique o funcionamento dos PAC's e o sistema de substitucións de profesionais neses centros. Tamén se solicita afondar no caso da denegación de vacinas a pacientes con Hepatite C ou na situación do hospital privado POVISA.
En canto á fase de comparecencias, pídese a presenza de 44 persoas, entre as que figuran a exconselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, representantes sindicais, xerentes de EOXI's, representantes de colectivos e asociacións arredor da sanidade en Galicia, parentes das vítimas no caso de A Estrada e a Hepatite C e tamén integrantes da equipa directiva de Povisa e do seu comité de empresa.
Críticas á "propaganda de partido" e a un PP "bébedo de poder"
A morte dun paciente no PAC da Estrada, a denegación de vacinas a doentes de Hepatite C, a situación de POVISA, entre os temas nos que a oposición quere afondar
- Luís Villares (En Marea) afirmou que "comprobamos unha vez máis como o PP tenta aproveitar unha proposta da oposición para negar a verdade e converter unha comisión nun acto de propaganda do partido". Para Villares, non se pode saber a verdade sobre a sanidade galega "sen coñecer o que din os familiares do fallecido no PAC de A Estrada" e "se non escoitamos á xente á que se lle negou unha vacina que tería salvado unha vida".
- Xoaquín Fernández Leiceaga (PSdeG-PSOE) apuntou que “non aceptaremos, sen erguer a voz, a doma e castración da oposición de Galicia” e instou ao PP a escoller entre "a vía da flexibilidade, aceptando as propostas da oposición" ou "continuar coa anomalía democrática que supón unha Comisión de Investigación unilateral". Leiceaga adiantou que aceptará todas as peticións de comparecencia do PP, ao que reclamou que permita que a comisión acolla “pluralismo de voces” e non só "a visión unitaria do grupo que sustenta ao Goberno".
- Ana Pontón (BNG) subliñou que o plan de traballo conxunto con 44 comparecencias “é unha proposta de mínimos para que a comisión poda funcionar”. “Non hai precedentes de aplicación do rodillo dunha maneira tan abraiante, porque o PP non quere unha comisión de investigación, quere unha comisión de absolución polo dano causado cos recortes e as privatizacións”, salientou Pontón, que conclúe que “o PP ten medo a que se escoiten no Parlamento voces autorizadas que levan tempo alertando das consecuencias dos recortes e das privatizacións na sanidade pública. Por iso quere desvirtuar a comisión”. “O PP está bébedo de poder e pensa que o Parlamento está ao seu servizo”, engadiu.
Os tres voceiros da oposición, no Parlamento | BNG